Renfe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tren da serie 101 ofrecendo o servizo Euromed de grandes liñas ó seu paso por Benicarló-Peñíscola
Tren da serie 104 ofrecendo un servizo Avant de Alta Velocidade de Media Distancia en Madrid-Puerta de Atocha
Tren "Civia" prestando un servizo de Proximidades

A Red Nacional de los Ferrocarriles Españoles (Renfe) é un antigo organismo paraestatal español de transporte ferroviario existente como tal entre 1941 e 2004. En 2005 dividiuse en Adif, ente xestor das infraestruturas ferroviarias españolas, e Renfe Operadora, compañía que quedou coa explotación dos ferrocarrís.

Foi fundada o 24 de xaneiro de 1941 por mor da nacionalización de diversas compañías ferroviarias españolas, entre as que destacaban a Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España (1858-1941), a Compañía de los Ferrocarriles de Madrid a Zaragoza y Alicante, M.Z.A, (1856-1941) e a Compañía del Oeste y Ferrocarriles Andaluces, xa baixo tutela estatal, desde 1928 e 1936, respectivamente.

O obxecto da creación de RENFE foi rehabilitar a rede ferroviaria española, gravemente danada como consecuencia da Guerra Civil, ante a situación de quebra económica das empresas ferroviarias que ata entón explotaran a rede. RENFE explotou a rede ferroviaria española desde a súa creación en réxime de monopolio ata o día 31 de decembro de 2004.

A partir da década dos 70 e principalmente na dos 80, RENFE empezouse a rexer por unha política de rendibilidade económica, polo que todas aquelas liñas que non eran rendibles foron pechándose ao tráfico progresivamente. O 1 de xaneiro de 1985 pecháronse máis de 900 km de vías e liñas. Sirvan como exemplo o Santander-Mediterráneo, Andalucía-Levante (ferrocarril do Almanzora), o Valladolid-Ariza, a Vía da Prata, etc.

Material móbil e produtos comerciais de Renfe[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Renfe Operadora.

División de Renfe[editar | editar a fonte]

O 1 de xaneiro de 2005 finalizou o monopolio legal de RENFE e a empresa dividiuse en dúas:

  • Renfe Operadora, que se encarga do transporte de mercancías e pasaxeiros, en réxime de competencia con outras empresas. Tamén realiza o mantemento e fabricación de material ferroviario, participando en importantes proxectos nacionais e internacionais.
  • Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), que xestiona vías, estacións, comunicacións, etc., cobrando un canon ás empresas usuarias da rede, entre elas a Renfe Operadora.

Por mor das novas directivas económicas da Unión Europea, o Estado debía abrir a rede ferroviaria á competencia, polo que se dispuxo unha nova lexislación para o sector ferroviario (LSF, Lei 39/2003 do Sector Ferroviario), que en principio debía entrar en vigor o 1 de xuño de 2004, pero que se atrasou coa asunción do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero ao 1 de xaneiro de 2005.

O 31 de decembro de 2004, RENFE fusionouse co entón Xestor de Infraestruturas Ferroviarias (GIF) e, minutos máis tarde, o día 1 de xaneiro de 2005, a Entidade Pública Empresarial Renfe-Operadora desprendíase de RENFE, que a partir dese momento comezou a chamarse Entidade Pública Empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif). Renfe Operador especializouse na prestación de servizos de transporte, mentres que Adif quedou coas funcións de atribución de capacidades, mantemento e construción de infraestrutura da Rede Ferroviaria de Interese Xeral (RFIG).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Renfe

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]