Augusto César Sandino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
General de Hombres Libres.

Augusto Nicolás Calderón Sandino, máis coñecido como Augusto C. Sandino, nado en Niquinohomo o 18 de maio de 1895 e finado en Managua o 21 de febreiro de 1934, foi un campesiño, patriota e revolucionario nicaraguano. está considerado heroe Nacional de Nicaragua, e xunto co poeta Rubén Darío constitúe a máxima expresión da Nacionalidade Nicaragüense. É alcumado «Xeneral de Homes Libres».

Foi un líder da resistencia nicaraguana contra o exército de ocupación estadounidense no seu país. Trala retirada das forzas estadounidenses, foi asasinado a traición polo Xeneral Anastasio Somoza García, Xefe Director da Guardia Nacional creada polos EUA, quen tiña un proxecto político persoal para o que Sandino era un estorbo. Foi asasinado xunto co seu irmán Sócrates Sandino e mailos seus lugartenentes por membros da Guardia Nacional en Managua. As súas accións e ensinanzas foron a base ideolóxica para a fundación, anos máis tarde, da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa natal en Niquinohomo.

Augusto Nicolás Calderón Sandino naceu en Niquinohomo (Departamento de Masaya), fillo ilexítimo de Gregorio Sandino (un adiñeirado cultivador de café), e Margarita Calderón, unha indíxena que servia na plantación do seu pai. En 1904, con 9 anos, foi abandonado pola súa nai e enviado a vivir coa súa avoa materna. Máis tarde foi enviado a vivir coa familia do seu pai, debendo traballar para gañar a hospedaxe.

En xullo de 1912,con 17 anos, presenciou por vez primeira intervención das tropas estadounidenses en Nicaragua, fronte a unha sublevación en contra do presidente Adolfo Díaz, o cal contaba co apoio dos EUA. O xeneral liberal Benjamín Zeledón morreu en combate o 4 de outubro defendendo os outeiros de El Coyotepe" e La Barranca, estratexicamente localizados na entrada da cidade de Masaya. Sandino, aínda un mozo, quedou impresionado coa imaxe do cadáver do patriota, levado nunha carreta polos Marines para ser sepultado en Catarina.

Saída de Nicaragua[editar | editar a fonte]

Xeneral Sandino (no centro) nunha viaxe a México.

En 1921 feriu de bala a Dagoberto Rivas, fillo dun destacado conservador da súa vila, por mor duns comentarios de Rivas sobre a súa nai. Fuxindo da lei e dunha posible vinganza da familia de Dagoberto, Sandino viaxou á costa caribeña de Nicaragua e despois a Honduras, onde traballou como empregado na industria azucareira. En 1923 dirixiuse cara a Guatemala, onde traballou nas plantacións da United Fruit Company, e finalmente a Cerro Azul, en Veracruz (México), onde foi empregado por empresas petroleiras.

Durante a súa estadía en México comezou a tomar parte en diversos grupos francmasóns, antiimperialistas, anarquistas, e comunistas revolucionarios. Aínda que recibiu unha forte influencia do anarcosindicalismo mexicano, Sandino convertiuse nun fervente defensor do nacionalismo e sobre todo do antiimperialismo, en particular na resistencia contra a ocupación estadounidense de Nicaragua.

Inicio da loita armada[editar | editar a fonte]

Logo de retirarse as tropas estadounidenses de Nicaragua en agosto de 1925 e tralo vencemento da súa pena, Sandino regresou a Nicaragua o 10 de xuño de 1926. Dirixiuse primeiro á súa vila natal coa intención de montar un negocio, pero o seu proxecto foi frustrado por Dagoberto Rivas, daquela alcalde de Niquinohomo. Sandino viuse forzado a abandonar novamente a súa vila natal, dirixíndose cara ao norte, aos departamentos de Nueva Segovia, Madriz e Estelí, chamados comunmente «Las Segovias».

Nese contexto o caudillo conservador Emiliano Chamorro deu un golpe de estado ao presidente Carlos José Solórzano (do Partido Conservador), quen entregou o poder ao vicepresidente constitucional, Juan Bautista Sacasa (do Partido Liberal). Chamorro obrigou a renunciar a Sacasa e asumiu o poder. Á súa vez, os EUA non o recoñeceron e obrigárono a renunciar, substituíndoo por Adolfo Díaz. Os liberais non aceptan a violación flagrante da Constitución por parte dos conservadores e os estadounidenses, e emprenden a Guerra Constitucionalista reclamando o regreso de Juan Bautista Sacasa ao poder, usando como base de operacións Puerto Cabezas (Bilwi).

Dado que o presidente títere está en perigo, e co pretexto de "protexer as vidas e as propiedades da cidadanía estadounidense", a Marina dos EUA desembarcou numerosos efectivos de infantería nas costas do océano Pacífico e do Caribe, declarando como zonas neutrais diversos puntos estratéxicos de vital importancia para as forzas gubernamentais (entendéndose que se os liberais as atacaban, poríanse inmediatamente en guerra cos EUA). O caso máis denigrante foi a declaración de Puerto Cabezas (capital dos liberais) como zona neutral: a marina dos EUA desarmou ao presidente liberal Sacasa e obrigouno a fuxir da zona.

En medio desta situación, Sandino procurou incorporarse ás tropas liberais. Nun primeiro momento acudiu ao xefe do Exército liberal, José María Moncada, pero este, receloso de Sandino, negoulle as armas. Entón Sandino e os seus homes, axudados polas prostitutas de Puerto Cabezas, recolleron da auga un bo lote de armas e munición que fora requisado a Sacasa (os marines non as destruíran, senón que se limitaron a botalas ao mar). Feito isto, emprendeu a viaxe a Las Segovias (o seu centro de operacións) viaxando en pipante polo río Coco.

Nos primeiros combates Sandino foi derrotado polo adestramento e poder de fogo dos marines. Este foi aleccionador para el, decidindo empregar a partir de entón tácticas guerrilleiras e guerra de guerrillas. Isto permitiulle acadar numerosas vitorias sobre os conservadores, o que á súa vez atraeu efectivos á súa columna, coñecida como Columna Segoviana, que no seu momento chegou a contar con 800 homes de cabalería. En parte grazas aos triúnfos de Sandino, os liberais tomaron a iniciativa na guerra e empezaron o avance xeral cara ao Pacífico. Pero en 1927 o número de tropas estadounideneses en Nicaragua ascendera a 5.000 marines e 464 Oficiais participando activamente nos conflitos internos de Nicaragua.

Vendo que agora o perigo dunha intervención directa dos EUA contra os liberais era inminente, o xefe do exército liberal, José María Moncada, decidiu pactar. Os estadounidenses enviaron un representante plenipotenciario, Henry L. Stimson (nomeado anos despois Secretario de Estado do presidente Hoover) e Moncada, quen xa tiña control sobre case todo o país, rendiuse á entrada de Managua (en Tipitapa). Aceptou a continuidade do goberno conservador até as eleccións de 1928, nas que el (e non Sacasa) sería o candidato liberal (o cal era unha flagrante traición a quen en teoría era o seu xefe).

Este acordo, coñecido como Pacto del Espino Negro, non foi aceptado por Sandino. Opúxose á paz imposta polas forzas de ocupación e retirouse ao inexpugnable outeiro El Chipote, onde tiña a súa base principal. Como resposta á acción tomada por Moncada, Sandino manifestou unha das súas máis célebres frases: "No me vendo, ni me rindo". Enarbolaba unha bandeira vermella (liberal), á que sumou unha franxa negra, simbolizando así que a loita sería até acadar a liberdade ou a morte.

Durante esta fase da guerra, Sandino casou en San Rafael del Norte coa telegrafista da aldea, Blanca Aráuz, que era 14 anos menor ca el. Deste matrimonio naceu en 1932 a única filla de Sandino, Blanca Segovia. A súa muller finou ao pouco de dar a luz por complicacións no parto.

Guerra de Sandino contra os ocupantes estadounidenses[editar | editar a fonte]

Silueta do xeneral Sandino, na Loma de Tiscapa (Managua), do escultor Ernesto Cardenal.

A través dun manifesto, o 2 de setembro de 1927 Sandino deulle un xiro á súa loita: xa non se trataba duna guerra civil, senón dunha loita entre patriotas e invasores, pois tanto conservadores como liberais pediran a intervención dos Marines estadounidenses. Era común o dito popular de Cinco liberales y cinco Conservadores suman Diez Bandidos. Cun grupo formado por uns 30 homes e algunhas mulleres campesiñas, internouse nas montañas do norte de Nicaragua para loitar contra os Marines.

O grupo, coñecido como Ejército Defensor de la Soberanía Nacional, foi crecendo aos poucos até chegar a ser unhas 6.000 persoas, en parte por mor dos abusos cometidos polos infantes de marina estadounidenses, que adoitaban violar mulleres campesiñas nos lugares que ocupaban. Se ben Sandino foi vencido nalgúns combates (como en El Chipote, que o obrigou a desaloxar o cuartel xeral), polo xeral adoitaba vencer ás trpoas estadounidenses, non acostumadas a pelexar nas espesas selvas tropicais. Un dos máis memorables combates tivo lugar en El Bramadero (1929), onde as tropas de Sandino venceron a un batallón de marines, utilizando na fase final do combate os temibles machetes, armas brancas capaces de decapitar unha persos dun só golpe. A partir dese momento os marines, que chamaban "bandidos" ou "bandoleiros" aos Sandinistas, empezaron a chamalos "guerrilleiros".

Outro memorable combate tivo lugar en 1927 en Ocotal, onde Sandino, logo de tomar case todo o poboado e obrigar aos marines a atrincheirarse nas dous bloques de vivendas centrais, saqueou a aldea; nesa ocasión os estadounidenses víronse forzados a usar a aviación para romper o cerco. Sandino retirouse sen maiores problemas, mentres que Ocotal sufríu o primeiro bombardeo aéreo de América Central (o primeiro bombardeo en América Latina foi realizado poo F.K.8 tripulado por Stewart e Cusmanich, bombardeando tropas rebeldes preto de Paraguarí, Paraguai, o 29 de xuño de 1922).

Realizou diversas incursións, como o ataque á mina La Luz, propiedade do ex secretario de Estado norteamericano Knox, que resultou destruída. As accións de Sandino foron dándolle sona por todo o país e por Hispanoamérica, o que promoveu a chegada de moitas persoas dispostas a integrarse nas súas filas. A mediados de 1928 o intelectual fránces Henri Barbusse chamouno Xeneral de Homes Libres.

A finais de novembro de 1928 o contralmirante D.F. Sallers invitouno a abandonar a loita e obter así certos beneficios. A resposta de Sandino foi:

La soberanía de un pueblo no se discute, sino que se defiende con las armas en la mano... la resistencia armada traerá los beneficios a que usted alude, exactamente como toda intromisión extranjera en nuestros asuntos trae la pérdida de la paz y provoca la ira del pueblo.

Formación da Guardia Nacional[editar | editar a fonte]

Notando os oficiais estadounidenses que os marines non eran quen de derrotar os soldados de Sandino, decidiron empregar a táctica de enfrontar nativos contra nativos. Deron comezo á conformación dun novo exército nicaraguano, a Guardia Nacional de Nicaragua, entrenada, equipada e financiada polos EUA e comandada por oficiais estadounidenses. Se ben isto significou un aumento considerable das tropas que combatían a Sandino, non influíu no curso da guerra de forma significativa. Lonxe disto, os sandinistas expandiron as súas zonas de operacións alén de Las Segovias, acadando zonas de Jinotega, Matagalpa, Chontales, Boaco, Chinandega, León, a costa caribeña e mesmo a capital Managua. As propiedades dos estadounidenses (entre elas as plantacións da United Fruit Company) eran destruídas nos numerosos ataques sandinistas, e os colaboracionistas capturados eran sumariamente executados por «traición á Patria».

Retirada estadounidense[editar | editar a fonte]

Trala chegada ao poder de Roosevelt, que tiña que afrontar problemas domésticos de maior importancia (Gran Depresión), proclamou a "política de boa vecindade", o que significaba a retirada de todas as forzas militares dos EUA dos países ddo Caribe, incluíndo Nicaragua. Porén, conscientes da súa derrota, xa desde algún tempo atrás os marines preparaban a súa retirada: paulatinamente deixaron de participar nos combates, e non só entrenaban clases e soldados, senón tamén oficiais nativos. o 1 de xaneiro de 1933 as forzas estadounidenses oficialmente abandonaron territorio nicaraguano, sen poder vencer, capturar ou matar o inimigo.

Paz[editar | editar a fonte]

Logo de se retiraren os estadounidenses, Sandino enviou unha proposta de paz ao novo presidente liberal, Juan Bautista Sacasa, que foi aceptada. O 2 de febreiro de 1933 terminou oficialmente a guerra; o exército de Sandino, agás un grupo de protección de 100 homes, foi oficialmente desarmado. A Guardia Nacional, que aínda non era autoridade militar recoñecida como tal na Constitución, fíxose cargo da seguridade en todo o país, o que provocou abusos contra os seus antigos inimigos (os sandinistas), ao estaren estes desarmados.

Sandino fixo varias viaxes a Managua para facer notar o incumprimento dos acordos por parte da Guardia Nacional. Foi nesa época cando Anastasio Somoza García, Xefe Director da Guardia, decidiu eliminar a Sandino co obxectivo facerse co control total do país.

Asasinato de Sandino[editar | editar a fonte]

O 21 de febreiro de 1934 Sandino acudiu a unha cena no palacio presidencial de La Loma xunto co seu pai Gregorio Sandino, o escritor Sofonías Salvatierra (ministro de Agricultura de Sacasa) e os seus lugartenentes xerais Francisco Estrada e Juan Pablo Umanzor, invitados por Sacasa. Á saída do evento, o coche no que viaxaban foi detido xunto o Campo de Marte, ao sur da Imprenta Nacional (onde se edita e imprime o diario oficial La Gaceta). O cabo de garda que os detivo era un maior disfrazado, apelidado Delgadillo, que os conduciu ao cárcere de El Hormiguero (destruída polo terremoto de Managua de 1972). Os detidos pediron que se chamase a Somoza, pero lles responderon que no podían localizalo. Pero a filla de Sacasa mirara a detención e comunicoulla ao seu pai, e este púxose en contacto coa embaixada dos EUA para intentar impedir o asasinato.

Sandino, Estrada e Umanzor foron levados ao monte La Calavera, no campo de Larreynaga, e alí, tralo sinal de Delgadillo, o batallón que os custodiaba abateu os tres xenerais ás 11 da noite. Segundo a testemuña de Salvatierra, Gregorio Sandino dixo ao oír os disparos:

Ya los están matando. Siempre será verdad que el que se mete a redentor, muere crucificado[1].

Esa mesma noite a Guardia Nacional atacou a casa do ministro Salvatierra, no sector da igrexa do Calvario. No enfrontamento morreu Sócrater Sandino (irmán menor de Augusto e coronel do EDSN), e resultou ferido o coronel Santos López, quen logrou abrirse pasos a tiros e tomar rumbo cara a Honduras. Ao día seguinte a Guardia Nacional destruíu a cooperativa que Sandino estableceu en Wiwilí, matando e apresando aos integrantes.

Dous anos despois, Anastasio Somoza García, quen chegou a afirmar que recibiu as ordes do asasinato de Sandino do embaixador estadounidense Arthur Bliss Lane, fíxose co poder do país tras derrocar o presidente Sacasa, quen viña sendo o seu tío político.

Placa co busto de Sandino no Mausoleo dos Heroes e Mártires de León.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bosch, J.: De Cristobal Colón a Fidel Castro. El caribe, frontera imperial. La Habana, 1983. Editorial de Ciencias Sociales. (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augusto César Sandino
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Augusto César Sandino