Armada dos Estados Unidos de América

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira da Armada dos Estados Unidos

A Armada dos Estados Unidos (en inglés United States Navy) é unha rama das Forzas Armadas dos Estados Unidos.

Historia[editar | editar a fonte]

Comezou chamándose Continental Navy (Armada Continental, 13 de outubro de 1775)). Durante a guerra de independencia americana os barcos baixo mando continental facían labores costeiras de ataque a mercantes británicos debido á carencia de medios e capacidades para enfrontarse á mariña de guerra británica, a maior do mundo na época. Nesa guerra, os EUA chegaron a mandar sobre 50 barcos. Trala contenda, o Congreso licenciou a oficiais e mariñeiros e vendeu as súas naves.

Primeira bandeira da armada estadounidense.

O 27 de marzo de 1794, o Congreso aprobou a construción de seis fragatas para protexe-la súa flota mercante dos ataques piratas. En 1797 o USS Constellation, USS United States e o USS Constitution entraron en servizo. O 30 de abril de 1798 creouse o Departamento da Armada (Navy Department) que faría as funcións de Ministerio da Mariña. Na guerra de 1812 contra os británicos, a reducida flota estadounidense non puido evita-lo bloqueo dos portos occidentais. Nos anos vindeiros non participou en conflitos relevantes de xeito activo.

Na Guerra de Secesión a armada unionista era claramente superior á confederada e estableceu un bloqueo sobre as costas confederadas no golfo de México. Na guerra produciuse o primeiro enfrontamento entre naves acoirazadas de vapor: o USS Monitor e o CSS Virginia.

Non sería ata a década de 1880 que a armada americana comezou a definitiva posta en marcha para ser considerada no escenario mundial e te-las capacidades para proxecta-la influencia política e defende-los intereses nacionais no Caribe e no Pacífico. En 1883 constrúense tres cruceiros de aceiro: USS Boston, USS Atlanta e USS Chicago.

Na guerra hispanoamericana de 1898, os barcos americanos obtiveron unha importante vitoria sobre a España. No novo século Theodore Roosevelt apoiou o investimento en aumenta-lo número de barcos de guerra e contar cunha flota moderna.

Cara a Primeira Guerra Mundial, a Armada dos Estados Unidos tiña unha potencia importante, pero aínda por debaixo da británica ou da alemá. Tralo afundimento do Lusitania, en 1917 os Estados Unidos entran guerra no bando aliado pero a súa armada limítase a funcións de escolta de transporte de soldados e a desplegar un campo de minas submarino no Mar do Norte.

Na década de 1920, os Estados Unidos xa contaban con tres portaavións (o USS Langley, o USS Lexington e o USS Saratoga), basicamente acoirazados ós que se engadía unha plataforma para uso de avións.

En 1941 prodúcense os primeiros encontros entre os submarinos alemáns e os barcos americanos. O 16 de abril de 1941 a armada recibe ordes de afundir todo barco alemán que se achegue a 25 millas das costas americanas. O 7 de decembro do mesmo ano, Xapón ataca Pearl Harbor en Hawaii e os Estados Unidos entran en guerra (ver ataque a Pearl Harbor).

Tanto no teatro atlántico como no pacífico a armada estadounidense leva a cabo importantes misións entre as que cómpre destacar a Batalla Naval de Guadalcanal (a maior batalla marina do século XX) e o Desembarco de Normandía, decisivo para abrir unha fronte occidental en Europa.

A Segunda Guerra Mundial remata cos Estados Unidos como primeira potencia naval e nas décadas posteriores a mariña establece bases navais estratexicamente situadas en todo o mundo. A capacidade nuclear da arma submarina americana constitúe a máis mortífera ferramenta da chamada contraforza. A aplicación de mísiles balísticos (primeiro os Polaris e logo os Trident) nos submarinos, xunto cos silos en terra e os bombardeiros estratéxicos constitúen o tridente da forza estratéxica dos Estados Unidos.

Tralo fin da guerra fría, a flota americana non deixou de diminuír (en 1988, 588 barcos, en 2005 menos de 300), pero aínda hoxe supera as sete seguintes maiores flotas xuntas, sendo a americana con moito a indisputable primeira potencia naval.

Organización[editar | editar a fonte]

O Comandante en Xefe da mariña de guerra estadounidense e o Presidente de Estados Unidos. Por debaixo del, a mariña depende do Departamento de Defensa, e a súa vez administrativamente do Secretario de Mariña e operacionalmente dos Mando Unificados de Combate.

A forza operativa naval dos Estados Unidos divídese en sete flotas, cada unha mandada por un vicealmirante. Estas son:

  • Primeira flota: Oficiosamente suporía a Garda Costeira en tempo de guerra (derradeira liña de defensa naval americana). A principios dos 1970, unha flota do Pacífico operaba baixo esta denominación.
  • Segunda flota: Opera en todo o Atlántico, de norte a sur e tamén nas costas sudamericanas orientais. É o Mando da Flota de Ataque Atlántica na OTAN. Ten base en Norfolk, Virxinia. A súa nave principal é o USS Wasp.
  • Terceira flota: Sitúase no Pacífico cara a costa oeste dos EUA. Tan base en San Diego, California e o seu barco de mando é o USS Coronado. Serve de base de adestramento para a quinta e sétima flotas. Non participa en operacións de combate.
  • Cuarta flota: Actualmente non operativa e sen barcos afiliados.
  • Quinta flota: Opera en Oriente Medio. Base en Manama, Bahrein.
  • Sexta flota: No Mar Mediterráneo e no Mar Negro. Serve de Mando á Flota de Apoio e Ataque para Europa do Sur. Ten base en Gaeta, Italia e o seu buque bandeira é o USS Mount Whitney.
  • Sétima flota: A meirande, opera no Pacífico Occidental e no Océano Índico. A base principal é a de Yokosuka en Xapón, o buque de mando é o USS Blue Ridge.