Allen Ginsberg
Irwin Allen Ginsberg, nado o 3 de xuño de 1926 e finado o 5 de abril de 1997, foi un poeta beat estadounidense nado en Paterson, Nova Jersey.
Traxectoria [editar]
Enlace entre o movemento beat dos cincuenta e os hippis dos sesenta, compartiu amizade con, entre otros, Jack Kerouac, Neal Cassady, William S. Burroughs, Patti Smith, Gregory Corso, Herbert Huncke, Rod McKuen e Bob Dylan.
A poesía de Ginsberg estaba moi influenciada polo modernismo, o romanticismo, o beat e a cadencia do jazz, ademais de pola súa práctica do budismo Kagyu e a súa orixe xudía. Considerábase herdeiro de William Blake e Walt Whitman. A potencia dos poemas de Ginsberg, os seus longos versos e a súa exuberancia do Novo Mundo reflectían a continuidade da inspiración que reclamaba. Outras influencias incluían ao poeta estadounidense William Carlos Williams.
A principal obra de Ginsberg, Howl ("Ouveo"), é moi coñecida pola súa frase inicial: "Vin ás mellores mentes da miña xeración destruidas pola loucura". A obra considerouse escandalosa no momento da súa publicación pola crudeza da súa linguaxe, que é explícita. Pouco tempo despois da súa publicación en 1956 por unha pequena editora de San Francisco, a obra foi prohibida. A prohibición foi un caso célebre entre os defensores da primeira enmenda da Constitución estadounidense; foi anulada despois de que o xuíz Clayton W. Horn declarara que o poema posuía importancia social redentora. As ideas políticas libertarias e en xeral anti-sistema de Ginsberg atraeron a atención do FBI, que o consideraba como unha grande ameaza para a seguridade.
Hai que resaltar que a segunda parte de Ouveo estivo inspirada e escrita principalmente durante unha visión causada polo peyote. Ginsberg intentou escribir varios poemas baixo a influencia de varias drogas, incluíndo o LSD. Esta práctica era unha manifestación específica do seu enfoque experimental de carácter máis xeral; por exemplo, tamén "escribiu" poemas recitándoos, gravándoos en cintas de cassette e transcribindo os resultados.
Nos seus escritos e na súa vida, Ginsberg defendía a liberdade e a autenticidade. Moitos dos seus poemas son extremadamente sinceros e directos. Por exemplo, en Kaddish describe a loucura da súa nai en termos claros. En Many Loves ("Moitos amores"), describe o seu primero contacto sexual con Neal Cassady, que foi o seu amante e amigo. Algúns dos seus poemas posteriores céntrase na súa relación con Peter Orlovsky, o seu amante de toda a vida a quen dedicou Kaddish and Other Poems (Kaddish e outros poemas).
A súa viaxe espiritual comezou pronto con visións espontáneas e continuou cunha viaxe á India e un encontro casual nunha rúa de Nova York con Chögyam Trungpa, Rinpoche, un budista tibetano mestre de meditación da escola Vajrayana, quen se convertiu no seu amigo e mestre durante toda a súa vida.
Na súa vida política foi un iconoclasta, usando o seu enxeño e humor para loitar pola causa da liberdade persoal dos outros, a miudo arriscándose el mesmo. Ginsberg axudou a financiar a School of Disembodied Poetics de Jack Kerouac na Universidade de Naropa en Boulder, Colorado, unha escola formada por Chögyam Trungpa, Rinpoche. Tamén foi co-fundador, xunto ao poeta francés Jean Jacques Lebel, dun dos festivais de poesía máis importantes do mundo, coñecido como Poliphonix.
En 1993 o Ministerio de Cultura francés nomeouno Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras.
Obras [editar]
- Howl and Other Poems (1956; Traducido por Daniel Salgado: Ouveo e outros poemas (Edicións Positivas, 2007; ISBN 978-84-8778-392-9). A Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe publicou a versión de Xoán Abeleira, con notas e comentarios, de "Ouveo I", no número do 27 de agosto de 2009: http://www.aelg.org/Centrodoc/GetParatextById.do?id=paratext2904)
- Kaddish and Other Poems (1961)
- Reality Sandwiches (1963)
- Planet News (1968)