Saltar ao contido

Agrupación Cultural Lóstrego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agrupación Cultural Lóstrego
Tipoasociación cultural
Data de fundaciónanos 1970
SedeMadrid
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Agrupación Cultural Lóstrego foi unha asociación cultural formada en Madrid nos anos setenta por estudantes e profesionais cuxo obxectivo principal era expandir a cultura galega e promover as relacións entre os emigrantes galegos na capital. Os seus fundadores foron Cesáreo Sánchez Iglesias (quen tamén foi presidente) e Emilio López Pérez,[1] entre outros. Lóstrego non conseguiu manter a súa independencia por moito tempo e fusionouse con Irmandade Galega a comezos dos oitenta, dando lugar á Irmandade Galega-Lóstrego. No 2014, algúns dos seus antigos integrantes reuníronse en Samos para tentar reabrir a agrupación.[2]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Nos anos setenta do século XX, xorde en Madrid unha nova xeración de galegos unidos polas inquietudes políticas e culturais que xa procedían de xeracións anteriores como o grupo Brais Pinto ou Seminario de Cultura Galega. Estes galegos procedentes da emigración e do exilio agrupáronse en asociacións como a Agrupación Cultural Lóstrego ou Irmandade Galega, co obxectivo de expandir a cultura galega e promover as relacións entre os emigrantes galegos na capital.

Os movementos universitarios xogaron un papel moi importante en que concirne á evolución do asociacionismo e do nacionalismo galego. Os galegos e galegas que chegaban a Madrid para realizar estudos superiores, xa adquiriran na Galiza certa experiencia de oposición político-cultural ao estabelecido a través da ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) —primeira asociación estudantil nada en 1973 e integrada por militantes da UPG (Unión do Povo Galego)—, ou a través doutras asociacións culturais.

O asociacionismo cultural agromou na periferia «madrigalega» por medio de dúas asociacións, Lóstrego e Irmandade galega, nacidas ambas nos anos setenta e que non conseguen manter a súa independencia por moito tempo, pois acaban fusionándose a comezos dos oitenta, dando lugar a asociación Irmandade Galega-Lóstrego.

As dúas asociacións de galegos en Madrid caracterízanse por[3]:

  • Amosar, e mesmo reivindicar, unha conciencia maioritariamente «nacionalista» como vía para superar a subordinación. O mellor exemplo é a implicación no proceso de relación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
  • Manter un discurso e unha práctica propios a través de proxectos de resistencia (reunións e ceas clandestinas...) contra as resistencias do poder.
  • Crear redes sociais comunitarias fora dos límites do grupo dominante (con medios «pedestres» conseguen mobilizar moita xente...), e organizar rexistros ocultos e disfrazalos (celebración das letras galegas). No caso de Lóstrego,  os libros clandestinos que chegaban de Buenos Aires, como Sempre en Galiza, as estampas de Castelao (Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos) etc. eran recollidas por Isaac Estraviz e David Cortezón.[4]
  • Ocupar espazos sociais marxinais como o mercado do rastro (do cal conseguían recadar grazas a venda de libros unhas cinco mil pesetas cada domingo), o Local Social de Prosperidade..., mais tamén crear contraespazos de resistencia de seu (pisos alugados).

Nacemento

[editar | editar a fonte]

A Agrupación Cultural Lóstrego xurdiu coa vontade de legalizar as reunións que até entón se facían de forma clandestina[5] no ano 1974. Porén, non é doado certificar a data exacta da súa creación posto que hai discrepancias mesmo entre os seus fundadores, Cesáreo Sánchez Iglesias, Emilio López Pérez, José María Blanco e Carlos. Basalo etc. Estaba integrada por un grupo de estudantes universitarios, maiormente das facultades de xornalismo e de socioloxía, así como por recoñecidos médicos, Pedro Mariño Campos e Temes Montes entre outros profesionais como profesores, enxeñeiros, decoradores ou empregados do metro e rtve. Algunha destas personalidades eran: Lois Celeiro, José María Blanco, Fidel Diéguez Díez,Carlos Basalo,José Luís Galego Rolán, José Ramón Rodrigues Fernandes, entre moitos outros, cuxo obxectivo principal era reunir e politizar á comunidade galega que emigrara a Madrid, así como dignificar a figura do galego nesa cidade. Cómpre tamén destacar a figura de José Luís Sampedro, quen foi nomeado presidente de honra e que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de senador[6].

Así pois, Lóstrego, moi influenciado pola ideoloxía da UPG, xurdiu como resposta á situación política da metrópole galega e das relacións estreitas entre a metrópole e a periferia, e converteuse nunha tapadeira do emerxente nacionalismo que non se podía manifestar abertamente.[4] Naceu oficialmente na rúa Benito Gutiérrez, 17 baixo. D, casa de Carlos Basalo e posteriormente na casa dun dos médicos que integraban esta agrupación, e a necesidade dun maior espazo de sociabilidade fixo que se asentasen en diversos pisos de alugueiro, para o cal cada participante colaboraba con 2000 pesetas[4]. Por cuestión de espazo e tamén de financiamento, víronse obrigados a cambiar varias veces de local pasando por diversas rúas como a rúa Barquillo —a súa localización inicial—, rúa Augusto Figueroa, rúa Montera etc. Tamén cómpre mencionar a Zapatería 28, no emblemático barrio de Malasaña, do cal Lois Celeiro era dono. A agrupación chegou a superar o millar de membros e, só no primeiro ano, unha única persoa logrou conseguir 325 socios percorrendo os bares galegos da cidade.

Para desempeñar a súa actividade, tamén se valeu de espazos públicos como a librería/galería Sargadelos e dos prestados polas asociacións non galegas como Centro Social de Prosperidad e Asociación de Vecinos de Malasaña, entre moitos outros. Lóstrego tamén se valeu de espazos abertos como a Praza Dos de Mayo ou a Casa de Campo para desempeñar as súas actividades (na Casa de Campo ao igual que no Rastro, por exemplo, promocionaban e vendían o semanario 'A Nosa Terra').

Actividade

[editar | editar a fonte]

As actividades levadas a cabo pola Agrupación Cultural Lóstrego tiñan como obxectivo o espallamento da nosa cultura, a relación entre os emigrantes galegos en Madrid, denominados «madrigalegos», e o estudo da problemática galega. Así pois, nos seus locais impartíanse clases de lingua e de literatura galega, clases de música e danza, realizábanse espectáculos teatrais, conferencias e recitais, ademais de presentacións, venda de libros etc.

As clases de lingua e de literatura galega impartíronse na rúa Barquillo 18 e na rúa Augusto Figueroa por profesores nativos como Isaac Alonso Estraviz (quen tamén foi secretario da agrupación) ou Cesáreo Sánchez Iglesias. Alén diso, os membros de Lóstrego tamén tentaron organizar debates como o titulado «Lusismo si ou lusismo non» para tratar a polémica que estaba presente na sociedade galega e madrigalega. Pola contra, tamén impartían clases de música e danza a través de profesores como Henrique, o Arxentino; Suso, o Gaiteiro ou Pepe Barro.

Por outra banda, os membros de Lóstrego promoveron espectáculos teatrais, e mesmo algúns deles chegou a interpretar varias pezas. O espectáculo con máis sona de Lóstrego foi a representación da obra de Pepe Barro e Lois Celeiro O Miño baixaba azul. Esta obra chegou a ser censurada por tratarse dunha crítica disfrazada sobre a cota empresarial, un dos moitos impostos que os labregos tiñan de pagar. Os problemas de Galicia sempre estaban presentes en calquera acto da agrupación. Tamén tivo lugar a representación dalgúns poemas de Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín, baixo a dirección de Galego Rolán.

As conferencias e os recitais celebrábanse nas facultades, nos colexios maiores, nos locais propios e nos espazos-paraugas e ían acompañados de actividades lúdicas, como por exemplo, a participación do mago Antón, Manuel María, Francisco Rodríguez, Felipe Senén etc., e a actuación de grupos musicais como Fuxan os ventos. Os actos aparentemente apolíticos tiñan, case sempre, un carácter reivindicativo. Desta maneira, a inauguración do local de Lóstrego serviu para reivindicar o dereito ao uso do galego e a loita dos pobos asoballados.

En canto a función editorial, cómpre destacar Poemas ó outono, publicado en 1977. Alén disto, Lóstrego tamén participaba na presentación de libros editados na Galiza. Así pois, Historia de Galicia de Xosé R. Barreiro, Francisco Carballo, Anselmo López e Felipe Senén presentouse na galería Sargadelos o 10 de decembro de 1980. A actividade propagandística exercíase nun posto do Rastro, e aínda que demandou esforzo por parte dos que o atendían, logrou atraer moitos estudantes.

Fusión con Irmandade Galega

[editar | editar a fonte]

Finalmente, o regreso de certos estudantes a Galicia e os problemas económicos foron apagando pouco a pouco a luz de Lóstrego, que acabou por fusionarse coa Irmandade Galega en 1982, facendo que algúns membros se deran de baixa por non estar de acordo con esta fusión[4]. Nado entre 1976 e 1977, o Centro Cultural e Cocial Irmandade Galega canalizaba as inquietudes políticas e culturais dunha nova xeración emerxente de «madrigalegos» como o facía a Agrupación Cultural Lóstrego. O resultado desta fusión recibiu o nome de Irmandade galega-Lóstrego e asentouse no local que Irmandade Galega tiña na rúa Montera. A vida desta nova agrupación vai ser efémera, xa que a súa actividade só durou até 1986.

As actividades que se levaron a cabo nesta nova agrupación foron aquelas que eran máis populares antes da fusión. Seguíronse impartindo aulas de galego, danza, gaita e coro e os docentes de lingua galega seguían sendo Isaac Alonso Estravis, que estaba elaborando o «primeiro dicionario galego en galego» nese momento, Dolores Alonso e Crisanto Veiguela.

Por outra banda, Irmandade galega-Lóstrego editou unha revista anual desde 1982 até 1984. No seu inicio chamouse 17 de Maio[7] e posteriormente o terceiro número pasou a titularse Bússola[8]. A publicación estaba ilustrada por deseños de Luís Rapela e nas súas, aproximadamente, 30 páxinas contaba con diversas seccións. A primeira estaba dedicada á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas e as outras seccións contaban con artigos de opinión, creación literaria, recensións, críticas etc. O primeiro número da revista 17 de Maio foi unha homenaxe a José Rifon, membro de Lóstrego e impulsor da unificación con Irmandade Galega. Algúns dos colaboradores foron: Mª Luisa Freire Mirás, María González Fernández, Manuel Pérez, J. L. Forneiro, Isidoro Padim Cortegoso, entre moitos outros. A desintegración de Irmandade Galega-Lóstrego no ano 1985-1986 non permitiu a desexada continuidade da revista.

Pola contra, tamén houbo collida para actividades máis culturais e reivindicativas como as conferencias e soliloquios, como por exemplo «A arquitectura popular galega», «Os meios de cominicaçom social em Galiza e a manipulaçom da fotografia na impresa», «Galiza no tempo dos Reis católicos» alén da Semana Cultural Galega. Tamén se continuou coa celebración de festas e datas sinaladas como magostos, o entroido, o Día das Letras Galegas etc., aínda que a intensidade e a participación foi indo a menos cada vez. Acolléronse exposicións como «Escritas Parga», presentacións de libros como O sereno, (um gerrilheiro em Stalingrado) ou o primeiro volume do Dicionário Galego Ilustrado e actuacións dos seus socios e dos grupos musicais O son da Sega e Corredoira urbana.

Finalmente, cómpre mencionar como último rexistro de carácter público a carta publicada no xornal A Nosa Terra no número 222 baixo o título «Mais sobre normativa», asinada pola asociación e dirixida ás institucións públicas máis relevantes da metrópole galega, a Xunta de Galicia, a radio e a televisión de Galicia, na que Irmandade Galega-Lóstrego se manifesta en contra da «disposiçom da Junta de Galiza que publicou com data 20 do presente mês no DOG a oficializaçom dumha normativa ortográfica para o uso escrito público da nossa língua». Segundo Raimundo García Paz, a derradeira asemblea de Irmandade Galega-Lóstrego tivo lugar en 1986 e con ela a súa fin.

Asociación Cultural Lóstrego na actualidade

[editar | editar a fonte]

Pese a disolución da Asociación Cultural Irmandade Galega-Lóstrego no ano 1986, varios integrantes no desaparecido colectivo Lóstrego, ao que chamaban «a embaixada galega en Madrid»[2], reuniuse o 19 de xullo do 2014 en Airapadrón, no concello de Samos (Lugo), coa intención de recuperar dita entidade[2]. Os organizadores do acto invitaron a todos os que pertenceron a esta asociación para reencontrarse, falar e xantar.

  1. Emilio López Pérez en Galegos.info
  2. 2,0 2,1 2,2 "Embaixadores galegos en Madrid" El Progreso, 20/7/2014.
  3. Acuña Trabazo, Ana, Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). 2014, Edicións Xerais de Galicia.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Penabade, Bernardo (2013). Através Editora / AGAL, ed. Conversas com Isaac Estraviz. 
  5. Penabade, Bernardo (2013). Através Editora / AGAL, ed. Converas com Isaac Estraviz. 
  6. La Opinión Coruña (20/1/2012). "José Luis Sampedro, escritor gallego universal". Consultado o 13/02/2015. 
  7. CEPAM. "Bases de datos de Referencias Bibliográficas". Arquivado dende o orixinal o 18/04/2015. Consultado o 18/04/2015. 
  8. AEG. "CATÁLOGO DE PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS - Fondos do Arquivo da Emigración Galega" (PDF). Consultado o 18/04/2015.