Saltar ao contido

Pazo

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pazo de Fefiñáns, Cambados.

Un pazo é un tipo de casa señorial tradicional galega, grande para o seu tempo, posuidora de signos heráldicos (escudo ou brasón) e de proporcións e riscos suntuarios que a diferenza das demais do hábitat rural da zona. Eran a residencia de persoas importantes na súa comunidade (baixa nobreza galegae s fidalgos, e antes, de reis ou nobres). Estes posuían os foros (cesión das terras aos campesiños nos séculos XVII e XVIII a cambio de recibir rendas) e polo tanto tiñan un gran poder económico. Foron de importancia crucial nos séculos XVII a XIX, relacionados coa arquitectura rural e monástica e o sistema de organización feudal, xa que constituían unha especie de unidades de xestión local ao redor dos cales transcorría a vida dos aldeáns. Co tempo foi converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, que retrataron nas súas novelas escritores coma Otero Pedrayo, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán.

Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros, que mesmo chegaban a vivir no mesmo recinto (sobre todo os primeiros). Como palabra, pazo (en portugués: paço) é un cognado de palacio, pois procede do latín palatiu(m). Os pazos de Galiza son un excelente exemplo de arquitectura civil tradicional, aínda que moitos tamén teñen unha capela propia para celebracións relixiosas.

Sitúanse sempre no rural, en zonas de microclima benigno e solos fértiles. Erguíanse nas abas dunha ladeira ou nun outeiro, sempre en locais estratéxicos dende onde o señor puidese ollar as súas posesións.

A orixe dos pazos son castelos da Idade Media, polo que adoitan ir asociados a unha antiga torre, que os seus donos ampliaron para facer unha estancia máis confortábel na época moderna. Non se coñecen os nomes dos arquitectos, polo que debían ser simples canteiros ou arquitectos que copiaban outros modelos de arquitectura culta, como igrexas; é por iso que a súa arquitectura está a medio camiño entre a culta (influencias renacentistas, barrocas e neoclásicas) e a vernácula[1].

Os pazos salientan hoxe en día, ademais dende o punto de vista arquitectónico, pola súa xardinaxe, con bos exemplos de formacións de buxos e plantas e árbores senlleiras exóticas coma palmeiras, camelias etc.

Pazos fóra de Galicia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Casa señorial.
Ightham Mote, un pazo inglés (manor house) con foso do século XV en Kent, sur de Inglaterra.

Existen edificios semellantes aos pazos de Galicia e do norte de Portugal en varios puntos da xeografía europea onde existiu un sistema feudal medieval, e especialmente en toda a Europa atlántica, dende o norte de Portugal até os países nórdicos e Rusia. Todos eles consisten en grandes casas de familias nobres sinaladas, as máis das veces cunha orixe medieval, reconvertidas en vivendas na época moderna, e que se sitúan, normalmente illadas, no medio rural.

Os exemplos máis semellantes áchanse en Francia (châteaux), Holanda, Alemaña (Gutshaus), Polonia (dwór) e Illas Británicas (Manor houses).

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Cañada, Silverio. Gran Enciclopedia Galega. Pontevedra: El Progreso-Diario de Pontevedra. pp. Tomo 35. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]