Duna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dunas de Corrubedo, Ribeira.
Dunas e oasis en Libia.
Duna do deserto de Namibia.

Unha duna[1], que na literatura de tradición oral tamén se coñece como tombo de area, moutillón, fenal, madorra, modorrón, mouteira, malloeira, monteirón ou medóns[2], é unha acumulación de area formada nos desertos ou no litoral xerada pola acción do vento.

Características[editar | editar a fonte]

As dunas poden ser producidas por cambios no vento ou por variacións na cantidade de area. A granulometría da area que forma as dunas, tamén chamada area eólica, esta moi concentrada ao redor de 0,2 mm de diámetro das súas partículas.

Cando o vento ten unha dirección dominante, as dunas adquiren a forma dun C coa parte convexa en contra do vento dominante. Estas dunas xeralmente avanzan, móvense, empurradas polo vento. A velocidade de avance das dunas é inversamente proporcional ao seu tamaño, así, as dunas máis pequenas únense ás maiores, coas que se van fusionando, medrando así o seu tamaño. Cando a duna acada un tamaño significativo, máis de 4 a 6 m, comeza a desprenderse unha maior cantidade de material polas dúas puntas do C, dando orixe a novas dunas pequenas, as que ao ser máis veloces que as grandes, vanse afastando da duna nai. Este fenómeno de movemento de dunas, obsérvase con moita claridade no deserto de Sechura, no norte do Perú. O movemento das dunas pode causar serios problemas, como: a invasión dos terreos cultivados, a obstrución e agochamento de estradas e vías de comunicación, e a invasión de áreas poboadas.

Para evitar estes problemas existen varios procedementos para minguar o avance das dunas, entre eles; sementar plantas que requiren pouca auga para subsistires, a retirada da humidade atmosférica; asperxer na parte convexa da duna materiais aglutinantes, como pode ser petróleo, ou aceites industriais usados.

Cando en amplas rexións fórmanse dunas de area fálase de mares de area ou campos de dunas, denominados ergs. Son especialmente visibles no deserto do Sáhara.

Existen varias clases de dunas segundo a súa forma, condicionada normalmente polos ventos dominantes:

  • Duna en crecente: duna con planta de C ou media lúa. É un vocábulo árabe. Son dunas que se dan en zonas de subministración de area limitada e superficie dura, plana e carente de vexetación.
  • Duna lonxitudinal (Seif ou en espada): duna alongada e rectilínea formada máis ou menos paralela ao vento predominante.
  • Duna transversal: longas cristas separadas por depresións orientadas con ángulos rectos respecto ao vento. Danse en lugares onde a acumulación de area cobre por completo o chan.
  • Duna parabólica: con forma de O, os seus extremos apuntan en dirección contraria ao vento (ao revés que o barján). Típicas das zonas de costa e onde a vexetación cobre parcialmente a terra.
  • Duna en estrela ou piramidal: outeiro illado con varias cristas que parten da cima. Fórmanse cando hai direccións do vento variables.

O canto das dunas[editar | editar a fonte]

O deserto, un dos lugares máis silenciosos do planeta agocha un son case imperceptible. Dende os tempos de Marco Polo, algúns viaxeiros percibiron un son proveniente das dunas. O son emitido polas dunas, provén do choque entre si das partículas que o conforman, e polo tanto varía en función do diámetro das mesmas. Así, as dunas do deserto de Sand Mountain, en Nevada, Estados Unidos, emite un son na tonalidade do dó maior; no deserto de Chile o son é en fa maior, e en Marrocos en sol menor[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para duna.
  2. Vilar Pedreira, Xosé Lois (20 de decembro de 2013). "Aceite, madeira e boinas. Talasonimia dos naufraxios do mar dos galegos" (PDF). Escrita Contemporanea (19): 16–18. 
  3. Luigi Bignami (25 de xullo de 2006). "Cosí cantano le dune del deserto Scoperta la musica dei granelli di sabbia". Repubblica (en italiano). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]