Yanko Daučík

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Yanko Daučík
Información persoal
Nome Yanko Daučík Ciboch
Nacemento 22 de marzo de 1941
Lugar de nacemento Praga
Falecemento 13 de maio de 2017
Lugar de falecemento Madrid
Altura 189 centímetros
Posición dianteiro, dianteira
Carreira xuvenil
1957 Indautxu
1957–1959 Atlético de Madrid
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1958–1959 Atlético Madrileño
1959 Salamanca 10 (0)
1959 Rayo Vallecano 4 (1)
1959–1960 Porto 13 (7)
1960–1962 Betis 38 (14)
1962–1965 Real Madrid 10 (3)
1964–1965 Melilla 10 (1)
1965–1966 Atlético de Madrid 0 (0)
1965–1966 Melilla 10 (0)
1966 Toronto Falcons
1966–1967 Mallorca 20 (6)
1967 Toronto Falcons 17 (20)
1968 Universidad de Chile 2 (0)
1968 Elche 0 (0)
1968–1969 Rayo Vallecano 14 (7)
1970 Sant Andreu 17 (9)
1970–1971 Espanyol 13 (1)
1972 Xerez 8 (1)
Adestrador
Moscardó
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Yanko Daučík Ciboch, nado en Praga o 22 de marzo de 1941 e finado en Madrid o 13 de maio de 2017, foi un futbolista eslovaco, que xogaba de dianteiro. Fillo do futbolista internacional e adestrador Ferdinand Daučík, militou en numerosos clubs, a maioría deles españois e a miúdo adestrado por seu pai.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en 1941 en Praga, capital entón de Checoslovaquia, en 1950 trasladouse coa súa familia a España, onde seu pai, Ferdinand Daučík, asinou como novo adestrador do FC Barcelona. Xogou no Indautxu mentres seu pai adestraba o Athletic de Bilbao, e cando este colleu as rendas do Atlético de Madrid finais da década de 1950, Yanko entrou na canteira do club madrileño.[1] Tras xogar no filial atlético, na parte final da tempada 1958/59 foi cedido ao Salamanca. Na seguinte campaña volveu ir cedido, desta vez ao Rayo Vallecano, da Segunda División,[2] co que disputou catro partidos da tempada 1959/60, marcando un gol no seu debut ante o Valencia Mestalla.

A continuación seguiu a seu pai ao Porto, no que xogou durante a tempada 1959/60, e ao Betis, polo que fichou en 1960.[3] Debutou na Primeira División na primeira xornada da tempada 1960/61 ante o Mallorca, e completou a súa primeira campaña na elite do fútbol español con 9 goles en liga, incluído un triplete contra a Real Sociedad, e 6 na Copa do Xeneralísimo.

As súas actuacións en Sevilla atraeron o interese do Real Madrid, que o fichou en agosto de 1962.[4] Con todo, no club branco tivo que afrontar a dura competencia de Alfredo Di Stéfano, Francisco Gento, Ferenc Puskás e Amancio Amaro, polo que nas súas tres tempadas no equipo só disputou 20 encontros entre liga e Copa. Marcou un total de 8 goles, entre eles un triplete contra o Indautxu na Copa. En 1964 tivo que trasladarse a Melilla para realizar o servizo militar,[5] polo que xogou cedido ao Melilla, da Segunda División.[6]

En maio de 1965 comprou a súa liberdade ao Real Madrid e fichou polo Atlético de Madrid.[7] Debutou co equipo de Otto Bumbel nas semifinais da Copa de Feiras ante a Juventus e disputou tamén dous partidos da Copa do Xeneralísimo, competición que o seu equipo acabou gañando. A continuación regresou ao servizo militar e volveu xogar unha segunda tempada no Melilla.[8]

No verán de 1966 xogou co Toronto Italia na Eastern Canada Professional Soccer League do Canadá.[9][10] A continuación regresou a España para xogar a tempada 1966/67 co Mallorca na Segunda División, e logo volveu ao Toronto, onde se lle uniron o seu pai Ferdinand, o seu tío László Kubala e o seu curmán Branko Kubala. Na tempada 1967 marcou 20 goles en 17 partidos, sendo o máximo goleador da National Professional Soccer League.[11] En 1968 marchou a Chile para xogar no Universidad de Chile, equipo adestrado por Alejandro Scopelli, amigo de seu pai, onde apenas tivo participación.[12]

Pasou os seus últimos anos como xogador no fútbol español, militando en cinco clubs máis, en tres deles ás ordes de seu pai. Así, pasou polo Elche,[13] o Rayo Vallecano e o Sant Andreu, antes de regresar en 1970 á máxima categoría, fichando polo Espanyol. Colgou as botas en 1972, tras unha última tempada no Xerez.

Trala súa retirada dedicouse aos negocios e tivo un breve paso polos bancos, adestrando o Moscardó. Morreu o 13 de maio de 2017 en Madrid aos 76 anos.[14]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Era fillo do futbolista e adestrador Ferdinand Daučík e sobriño do matrimonio formado por Anna Viola Daučík e o tamén futbolista László Kubala. Tamén foron futbolistas os seus irmáns Ignacio e Javier Daučík e o seu curmán Branko Kubala.[15]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Real Madrid
Atlético de Madrid

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Niño, Álex (19 de marzo de 1997). "Merlín busca banquillo". El País (en castelán). Consultado o 1 de maio de 2022. 
  2. "Daucik (hijo) cedido al Rayo Vallecano". El Correo Gallego (en castelán) (26757). 12 de setembro de 1959. p. 2. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  3. "Daucik piensa en Chile". La Noche (en castelán) (12239). 6 de decembro de 1960. p. 4. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  4. "Yanko Daucik fichó por el Real Madrid". La Noche (en castelán) (12597). 4 de agosto de 1962. p. 6. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  5. "Yanko". La Noche (en castelán) (13175). 20 de febreiro de 1964. p. 6. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  6. "Yanko Daucik". El Progreso (en castelán). 18 de novembro de 1964. p. 6. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  7. "Yanko Daucik compró su libertad al Madrid". El Pueblo Gallego (en castelán). 15 de maio de 1965. p. 12. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  8. "Daucik, otra vez al Melilla". El Pueblo Gallego (en castelán). 9 de setembro de 1965. p. 15. Consultado o 1 de maio de 2022. 
  9. Waring, Ed (2 de xuño de 1966). "Piotti nearly didn't get in, Roma wishes he hadn't". The Globe and Mail (en inglés). p. 29. 
  10. Colin, Jose (2001). On-Side - 125 Years of Soccer in Ontario (en inglés). Vaughan: Ontario Soccer Association and Soccer Hall of Fame and Museum. p. 197. 
  11. "Datos de Yanko Daucik na NASL". nasljerseys.com (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2022. 
  12. Salviat, Julio. "Cero aporte: Yanko Daucik, el peor europeo en Chile" (en castelán). Consultado o 1 de maio de 2022. 
  13. "Yanko Daucik fichado por el Elche". El Pueblo Gallego (en castelán). 12 de maio de 1968. p. 16. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  14. "Fallece a los 76 años el exmadridista Yanko Daucik". As (en castelán). 13 de maio de 2017. Consultado o 2 de maio de 2022. 
  15. Poquí, Joan (11 de decembro de 2016). "El milagro de Kubala". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]