Yago Lamela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Yago Lamela
(Yago Lamela) José María Aznar recibe a deportistas del equipo español de atletismo. Pool Moncloa. 1 de septiembre de 1999 (cropped).jpeg
Nome completoYago Lamela Tobío
Nacemento24 de xullo de 1977
Lugar de nacementoAvilés
Falecemento8 de maio de 2014
Lugar de falecementoAvilés
Causainfarto agudo de miocardio
SoterradoCementerio Municipal de La Carriona
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónatleta
Na rede
IAAF: 133313 Olympic.org: yago-lamela Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Cadro de medallas
Atletismo
Campionato do Mundo de Atletismo
Prata Sevilla 1999 Salto de lonxitude
Bronce París 2003 Salto de lonxitude

Yago Lamela Tobío, nado como Santiago Lamela en Avilés, o 24 de xullo de 1977 e finado na mesma cidade o 8 de maio de 2014, foi un atleta español, fillo de galegos, que competiu no salto de lonxitude[1], e en menor medida, no triplo salto.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, finado en 2021[2], era un enxeñeiro de Lira que, despois de traballar en Cee (onde naceron varios irmáns de Lamela), emigrara a Asturias a mediados da década dos setenta. A nai tamén era galega. O pai mudoulle o nome de Santiago a Yago sendo o atleta aínda un rapaz[3]. Yago Lamela seguiu a manter o contacto con Lira en veráns e vacacións.[2]

Empezou a competir en atletismo na Atlética Avilesina, o club local, logo de iniciarse correndo cros[4]. Con oito anos saltou xa máis de catro metros, con trece chegou aos 6 m, con 15 sobardou os 7 metros e con 18 superou en dúas ocasións os 8 m[4].​ O seu primeiro adestrador na Avilesina chamouse Carlos Alonso.

Ao rematar o bacharelato accedeu a unha bolsa da Universidade de Iowa[5],​ onde estudou Informática e onde adestrou con Juan José Azpeitia, que sería o seu adestrador de novo ao final da súa carreira deportiva. Despois de Iowa adestrou con Juan Carlos Álvarez no Centro de Alto Rendemento de San Cugat​ e con Rafael Blanquer.​

O mellor ano de Yago Lamela foi 1999, o seu primeiro ano de competición, cando saltou 8,56 e conseguiu a medalla de prata no Mundial en pista cuberta en Maebashi (Xapón). Esa marca de 8,56 en pista cuberta foi récord europeo, e mantívose así durante unha década. Mantívose na elite da alta competición até 2004, con marcas que normalmente superaban os 8 metros. Durante ese tempo enfrontouse en diversas ocasións con Iván Pedroso, o líder mundial da especialidade na época. Porén, as súas participacións olímpicas foron de menor alcance, mancado polas lesións.

Lesións[editar | editar a fonte]

A comezos de 2004 empezou a sentir dor no tendón de Aquiles, como consecuencia dunha tendinose, unha condición crónica. A dor levouno a competir anestesiado nos Xogos de Atenas 2004, onde chegou á final pero non obtivo medalla. Ao pouco dos Xogos operouse en Finlandia, pero a recuperación tardou máis do que estaba previsto, e complicouse cun accidente de tráfico. En 2006, un par de semanas antes de reaparecer en competición, rompeu os dous tendóns[5].

En abril de 2007 operouse de novo en Finlandia, intervención cirúrxica que foi seguida dun tamén longo proceso de recuperación. En 2009, sen chegar a volver á competición a pleno rendemento, esgazou o papo da perna nun adestramento. Ao pouco, o saltador alemán Sebastian Bayer, nos campionatos de Europa de Turín, saltou 8,71 metros e superou o récord de Lamela por 15 centímetros. Dous días despois, o 11 de marzo de 2009, Yago Lamela anunciaba oficialmente a súa retirada[5].

Despois da retirada[editar | editar a fonte]

Despois da súa retirada a súa saúde mental deteriorouse. En xuño de 2011, o xa daquela ex-atleta ingresou na á de psiquiatría do hospital San Agustín de Avilés. Padecía depresión crónica[6]. Tres anos despois, o 8 de maio de 2014, atoparon a Lamela morto na casa dos pais. O forense sinalou que a causa da morte fora un ataque ao corazón.[7]

Mellores marcas[editar | editar a fonte]

En 2021 seguía posuíndo os récords de España de salto de lonxitude, tanto en pista cuberta como ao aire libre, os dous en 8,56.

Principais competicións[editar | editar a fonte]

Representando a España España
1994 Campionato do Mundo de Atletismo júnior Lisboa 14º Triplo salto 15,47 m (vento: +0.1 m/s)
1995 Campionato de Europa de Atletismo júnior Nyíregyháza (Hungría) 12º Triplo salto 14,79 m
1996 Campionato do Mundo de Atletismo júnior Sydney Salto de lonxitude 7,73 m (vento: +0.4 m/s)
1998 Campionato de Europa de Atletismo en pista cuberta Valencia Salto de lonxitude 7,95 m
Campionatos Iberoamericanos Lisboa Salto de lonxitude 8,12 m
Campionato de Europa de Atletismo Budapest Salto de lonxitude 7,93 m
1999 Campionato do Mundo de Atletismo en pista cuberta Maebashi (Xapón) Salto de lonxitude 8,56 m
Campionato de Europa de Atletismo sub23 Gotemburgo Salto de lonxitude 8,36 m (vento: +0.7 m/s)
Campionato do Mundo de Atletismo Sevilla Salto de lonxitude 8,40 m
2000 Xogos Olímpicos Sydney 19º Salto de lonxitude 7,89 m
2002 Campionato de Europa de Atletismo en pista cuberta Viena Salto de lonxitude 8,17 m
Campionato de Europa de Atletismo Múnic Salto de lonxitude 7,99 m
2003 Campionato do Mundo de Atletismo en pista cuberta Birmingham Salto de lonxitude 8,28 m
Campionato do Mundo de Atletismo París Salto de lonxitude 8,22 m
2004 Campionato do Mundo de Atletismo en pista cuberta Budapest Salto de lonxitude 7,95 m
Xogos Olímpicos Atenas 11º Salto de lonxitude 7,98 m

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Mundo http://www.elmundo.es/deportes/2014/05/08/536bbb8c22601d2c478b4578.html
  2. 2,0 2,1 M, I. (2021-05-08). "Fallece el padre del atleta Yago Lamela". La Nueva España (en castelán). Consultado o 2021-05-08. 
  3. "«Yago tenía un talento inusual»". El Comercio (en castelán). 2014-05-10. Consultado o 2021-05-08. 
  4. 4,0 4,1 "Web Oficial de Yago Lamela". web.archive.org. Archived from the original on 11 de marzo de 2009. Consultado o 2021-05-09. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "El salto más difícil de Yago Lamela. El Comercio". www.elcomercio.es. Consultado o 2021-05-09. 
  6. "Yago Lamela found dead - MARCA.com (English version)". Marca (en inglés). Consultado o 2021-05-09. 
  7. Reports say Lamela death was heart attack