Xesús Corredoyra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Xesús Corredoira")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xesús Corredoyra
Nacemento5 de abril de 1889
 Lugo
Falecementodecembro de 1939
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor
editar datos en Wikidata ]
Sinatura do artista.

Xesús Rodríguez Corredoyra, nado en Lugo en 1889 e finado en Compostela a principios de decembro de 1939[1], foi un destacado pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O amor e as súas penas, 1916. (Colección Afundación).

Dende mozo destacaron as súas habilidades nas artes plásticas, polo que foi recibiu unha bolsa pola Deputación de Lugo en 1903 para estudar na Escola de Belas Artes de Madrid, onde entrou en contacto cos obradoiros de artistas como Joaquín Sorolla, Cecilio Plá ou Ignacio Zuloaga. Participou nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1908 e 1910, e noutras diversas exposicións nacionais e internacionais. Entre 1910 e 1916 a súa obra foi marcada por un intenso sentimento relixioso, época na que comezou a traballar con grandes lenzos, poboados de figuras humanas que miran directamente ao espectador.

En 1915 contraeu matrimonio con Mercedes Bahaamonde e instalouse na Coruña. Pouco despois trasládanse á aldea de Portela, en Santiago de Compostela, onde tivo moito éxito entre o clero e a burguesía. En 1917 foi galardoado coa Segunda Medalla na Exposición Nacional pola obra Schola Cantorum Compostellanae.[2] A popularidade do artista chegou ata a outra beira do Atlántico polo que entre 1922 e 1928 viaxou por América, realizando numerosos retratos. A súa obra foi exposta en cidades como Montevideo, Santiago de Chile, Buenos Aires, La Habana, Washington ou Nova York.

Enfermo de gota, volveu a Galicia no ano 1929. Entre 1934 e 1935 preparou dúas exposicións en Madrid e París que non chegaron a realizarse polo estalido da Guerra Civil. Morreu en 1939, ao final da contenda.

Obra[editar | editar a fonte]

Xesús Corredoyra foi considerado por moitos dos seus coetáneos o iniciador da escola pictórica galega. Outorgou á súa obra un carácter espiritualizante e simbólico ata entón nunca visto na pintura galega. Rexeitou o costumismo, tan estendido entre os artistas da época, para destacar os compoñentes anímicos dos personaxes, as cores apagadas e as formas elegantemente estilizadas -en ocasións incluso deformadas- para crear unha atmosfera triste, apagada e espiritual, case onírica. Foi tamén un gran retratista, cun estilo moi característico marcado polo escuro cromatismo e o ambiente propio do seu estilo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rey Alvite, Jesús, "Galicia de luto. Murió su buen pintor", El Compostelano, 7-12-1939, p. 1-2.
  2. Ficha de Schola Cantorum Compostellanae na Colección BBVA

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]