Walter Taibo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Taibo
Información persoal
Nome Walter Taibo Martínez
Nacemento 7 de marzo de 1931
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 10 de xaneiro de 2021
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
El Convenio
1945–1949 Bella Vista
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1949–1959 Nacional
1959–1960 Huracán 41 (0)
1961–1966 Montevideo Wanderers
1966–1967 Peñarol
1968 IASA
1969 Mar de Fondo
1970 Progreso
1971–1975 Nacional (Carmelo)
Selección nacional
1955–1966 Uruguai 30 (0)
Adestrador
1962 Bella Vista
1965 Montevideo Wanderers
1968 IASA
1975 River Plate de Montevideo
1976 Club Atlético Cerro
1981 Danubio
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Walter Taibo Martínez, nado en Montevideo o 7 de marzo de 1931 e finado o 10 de xaneiro de 2021, foi un futbolista e adestrador uruguaio, de orixe galega. Xogaba de porteiro e destacou principalmente no Nacional, onde xogou durante unha década e do que foi capitán. Defendeu tamén a camiseta do máximo rival deste, o Peñarol, ademais doutros equipos de Primeira, Segunda e Terceira División, saíndo campión nas tres categorías. Foi seis veces campión da Primeira División e conquistou tamén unha Copa Libertadores e unha Copa Intercontinental con Peñarol en 1966.

Foi internacional en 30 ocasións coa selección uruguaia, coa que disputou tres Copas América e a Copa do Mundo de 1966.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe familiar[editar | editar a fonte]

Era fillo de dous inmigrantes coruñeses, José Taibo e Brígida Martínez, que chegaron ao Uruguai en 1919, polo que foi alcumado El Gallego.[1][2][3] Foi o terceiro de catro irmáns, sendo os demais Raúl, Juan Carlos e Nelson.[4] Dende os sete anos, ao saír da escola axudaba na panadería do seu pai en Cerrito de la Victoria.[3]

Traxectoria en clubs[editar | editar a fonte]

O seu primeiro club foi o El Convenio, e aos 14 anos pasou ao Bella Vista. Xogou en dito equipo entre 1945 e 1949. Durante a súa etapa en Bella Vista xogou nove partidos como centrocampista, en vez da súa posición habitual de porteiro.[5]

En 1949 fichou polo Nacional, onde comezou xogando no equipo de Terceira División. Debutou pronto co primeiro equipo, onde xogaba dende facía anos o seu irmán Juan Carlos. En 1950 levou un golpe nun pulmón nun partido contra Danubio no Estadio Gran Parque Central, e comezou a cuspir sangue na súa primeira viaxe ao estranxeiro, en Porto Alegre, polo que tivo que deixar o fútbol durante tres anos, regresando en 1953 para os tres últimos partidos contra River Plate de Montevideo, Peñarol e Rampla Juniors. Foi capitán do equipo durante cinco anos e gañou o campionato uruguaio en 1955, 1956 e 1957, con Ondino Viera como adestrador.

En 1958 o equipo realizou unha xira por Europa, disputando 10 encontros en España, Portugal, Bulgaria e a Unión Soviética. Gañaron o 13º Trofeo Teresa Herrera fronte ao Flamengo no Estadio de Riazor, e perderon só dous partidos, fronte ao Barcelona e o Dinamo Moscova. Xogou contra o Barcelona a pesar de ter unha lesión no xeonllo, e tivo unha actuación desastrosa, o que acabou coas súas esperanzas de fichar polo equipo catalán, que antes se mostraba interesado.[4]

En 1959 e 1960 estivo nas filas do club arxentino Club Atlético Huracán, co que disputou 41 partidos na Primeira División. En 1961 volveu ao Uruguai para xogar no Montevideo Wanderers. Pouco despois da súa chegada rompeu un dedo e estivo de baixa outros cinco meses. O equipo acabou descendendo esa tempada, e logrando o ascenso na seguinte, despois de ser campión da Segunda División. Permaneceu no club cinco tempadas.

En 1966 fichou por Peñarol, algo pouco habitual, xa que fora varios anos capitán do máximo rival.[4][5] Cos aurinegros adestrados por Roque Máspoli, gañou ese ano o campionato uruguaio, a Copa Libertadores e a Copa Intercontinental contra o Real Madrid, aínda que o primeiro porteiro do equipo era Ladislao Mazurkiewicz. Ao ano seguinte conquistaron o campionato uruguaio. Ao ano seguinte, durante unha xira do equipo por España, Italia e Alemaña, tivo problemas con Washington Cataldi, dirixente do club e regresou ao Uruguai para rescindir o seu contrato.[4]

Despois xogou na Institución Atlética Sud América e en 1969 entrou no Mar de Fondo, co que logrou o ascenso á Segunda División. Na tempada seguinte xogou algúns partidos no CA Progreso, e rematou a súa carreira no Nacional de Carmelo, onde estivo activo ata 1975 e co que gañou a Liga carmelitana en 1972.[6]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección uruguaia en 30 ocasións. O seu debut produciuse o 23 de marzo de 1955, nun partido da Copa América fronte a Ecuador no Estadio Nacional de Santiago de Chile, sendo o seleccionador Juan Carlos Corazzo. Xogou tamén as Copas América de 1957 no Perú e de 1959 na Arxentina, e formou parte do combinado uruguaio no Mundial de 1966 en Inglaterra, aínda que o porteiro titular foi Ladislao Mazurkiewicz.

O seu derradeiro partido coa selección foi o 26 de xuño de 1966 fronte ao combinado portugués. Encaixou un total de 46 goles.[7]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Tras deixar a práctica do fútbol dedicouse á labor de adestrador, que xa comezara en 1962 cando adestrara durante case dous meses ao Bella Vista. Tamén foi xogador-adestrador en Wanderers en 1965. En 1968 fixo o mesmo en Sud América despois de que Rafael Milans se fose ao Danubio FC. En 1975 fíxose cargo do equipo River Plate de Montevideo, e ao ano seguinte do Club Atlético Cerro. En 1981 dirixiu o Danubio FC.[8]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Nacional de Montevideo

Peñarol

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1924: Pedro Cea, primeiro ouro olímpico de Galicia". Vieiros. 24 de agosto de 2004. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  2. "Hasta siempre Walter Taibo Martínez" (en castelán). 25 de xaneiro de 2021. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  3. 3,0 3,1 "Fallece el uruguayo Walter Taibo, exportero campeón con Nacional y Peñarol" (en castelán). 11 de xaneiro de 2021. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Walter Taibo. Temerario y arrojado". Estrellas Deportivas (El País) (en castelán). 28 de marzo 1979. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  5. 5,0 5,1 Bello, José María (8 de outubro de 2004). ""Los DT de hoy no saben nada"" (en castelán). Consultado o 1 de maio de 2021. 
  6. "Historial da liga carmelitana". giefi.com. Consultado o 1 de maio de 2021. 
  7. "Estatísticas da selección uruguaia". rsssf.com (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2021. 
  8. "Castelli es el DT n°56 de Danubio" (en castelán). 5 de novembro de 2016. Consultado o 2 de maio de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]