Ladislao Mazurkiewicz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mazurkiewicz
Información persoal
Nome Ladislao Mazurkiewicz Iglesias
Nacemento 14 de febreiro de 1945
Lugar de nacemento Piriápolis
Falecemento 2 de xaneiro de 2013
Lugar de falecemento Montevideo
Altura 1,79 m.
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Racing de Montevideo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1964 Racing de Montevideo 26 (0)
1965–1972 Peñarol 169 (0)
1972–1974 Atlético Mineiro 44 (0)
1974–1976 Granada 2 (0)
1976 Peñarol
1978–1979 Cobreloa 69 (0)
1980 América de Cali 36 (0)
1981 Peñarol 14 (0)
Selección nacional
1965–1974 Uruguai 37 (0)
Adestrador
1988–1989 Peñarol
Na rede
FIFA: 174744 UEFA: 100521 Find a Grave: 103402466 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Ladislao Mazurkiewicz Iglesias, nado en Piriápolis, Maldonado, Uruguai, o 14 de febreiro de 1945 e finado en Montevideo o 2 de xaneiro de 2013, foi un futbolista uruguaio. De orixe polaca e galega, contaba cunha grande axilidade e reflexos, sendo considerado o mellor porteiro uruguaio de todos os tempos e un dos mellores da historia do fútbol.[1][2]

Xogou en equipos de cinco países, brillando especialmente no Peñarol, co que gañou catro campionatos uruguaios. Era o porteiro titular do Peñarol de 1966, considerado o mellor equipo da época a nivel mundial e un dos mellores dos anos sesenta, despois de conquistar a Copa Libertadores contra o River Plate e a Copa Intercontinental contra o Real Madrid.

Foi internacional coa selección uruguaia, coa que disputou tres Copas do Mundo (1966, 1970 e 1974). Destacou a súa actuación na segunda delas, en México, onde os uruguaios foron eliminados en semifinais pola selección brasileira, e onde Mazurkiewicz foi elixido como mellor gardameta do Mundial.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe e inicios[editar | editar a fonte]

Seu pai era un pescador polaco que deixara o seu país nos inicios da segunda guerra mundial,[3] e súa nai, Josefa Iglesias, unha emigrante galega de Rianxo.[4][5][6] Foi o menor de cinco irmáns, catro varóns e unha muller, e aínda que naceu en Piriápolis criouse en Montevideo. Comezou a xogar ao fútbol no equipo do seu barrio e ao baloncesto na Institución Deportiva Mundial, ao tempo que traballaba en diversos oficios. Mentres traballaba nun taller mecánico xogou algúns partidos nas categorías inferiores do Racing de Montevideo, e aos 16 anos os directivos do club foron falar con seu pai para convencelo de que Ladislao deixase o traballo e asinase un contrato profesional con eles, cun salario de 500 pesos mensuais.[4][7]

Racing de Montevideo[editar | editar a fonte]

Debutou con Racing na Primeira División en 1964 tras a lesión de Roger Bernardico e as súas boas actuacións, especialmente fronte a Peñarol, fixeron que ese club pagase ao ano seguinte 550 000 pesos polo seu traspaso.[4]

Peñarol (1ª etapa)[editar | editar a fonte]

Debutou con Peñarol nun segundo tempo dun encontro contra o La Luz, pero o seu primeiro partido como titular foi o 31 de marzo de 1965 no estadio Monumental de Buenos Aires, contra ao Santos de Pelé no partido de desempate das semifinais da Copa Libertadores. Co equipo uruguaio, adestrado por Roque Máspoli e no que xogaban entre outros Pablo Forlán, Pedro Virgilio Rocha ou Juan Joya, eliminou ao conxunto brasileiro na prórroga e disputou a final contra Independiente. Tras perder na ida e gañar na volta, disputou o partido de desempate no Estadio Nacional de Santiago de Chile, caendo alí por 4-1.

Na Copa Libertadores de 1966 volveu chegar á final, disputada de novo contra un equipo arxentino, esta vez River Plate. A final precisou de novo dun partido de desempate, que se celebrou no mesmo escenario que o ano anterior, pero agora con vitoria uruguaia por 4-2, con dous goles na prórroga de Rocha e Alberto Spencer. En outubro disputou a Copa Intercontinental contra o Real Madrid de Amancio e Gento, realizando unha grande actuación e mantendo a súa porta a cero tanto na ida xogada no Estadio Centenario (2-0) como na volta no Santiago Bernabéu (0-2), logrando así a coroa mundial.[8] Ademais gañou os campionatos de Primeira División de 1965, 1967 e 1968.

Ostenta dende outubro de 1968 o récord de 987 minutos sen encaixar un gol no campionato uruguaio, mantendo a portería a cero durante dez partidos completos, nos que incluso parou un penalti.[9]

Atlético Mineiro[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1972 marchou ao Brasil para xogar no Atlético Mineiro, que viña de se proclamar campión do Brasileirão.[10] O seu traspaso custoulle 900.000 cruceiros ao club de Minas Xerais, que contaba nas súas filas tamén co gardameta Renato.[11] Na súa primeira tempada no equipo brasileiro foi subcampión do Campionato Mineiro.

Granada CF[editar | editar a fonte]

Tras dous anos en Belo Horizonte cruzou o océano Atlántico para xogar no Granada CF, equipo polo que fichou en setembro de 1974.[12] No equipo andaluz, asentado dende había uns anos na Primeira División, xogaba o seu compatriota Julio Montero Castillo, que o convenceu para que o acompañase no equipo.[6] Aínda que ter unha nai rianxeira axilizaba os trámites para conseguir a nacionalidade, estes non se completaron ata novembro, e a esas alturas da tempada as boas actuacións do porteiro Francisco Javier Izkoa fixeron que o adestrador Joseíto mantivese ao vasco como gardameta titular. Deste xeito Mazurkiewicz disputou só dous partidos co Granada, nas xornadas 20 e 21: un empate a cero contra o Español nos Cármenes e unha derrota por 3-0 en Balaídos contra o Celta de Vigo, con goles de Castro, Rivas e Félix. A derrota en Vigo afastouno definitivamente da portería, e a situación non mellorou coa chegada ao ano seguinte de Miguel Muñoz ao banco, pasando a ser o terceiro porteiro por detrás de Izkoa e José Antonio Puente.[6] Na cidade granadina abriu un restaurante xunto ao seu compañeiro Luis Oruezábal. Antes do remate da tempada 1975/76 vendeu a súa parte do negocio e regresou ao Uruguai.[6]

Peñarol (2ª etapa)[editar | editar a fonte]

Fichou de novo por Peñarol en febreiro de 1976. O porteiro titular do equipo era Walter Corbo; con todo, Mazurkiewicz disputou algún partido e volveu xogar de novo na Copa Libertadores.

Cobreloa[editar | editar a fonte]

En 1978 chegou ao Cobreloa, que debutaba ese ano na Primeira división de Chile.[13][14] Foi o porteiro titular no equipo de Calama, que deu a sorpresa rematando o campionato na segunda posición, só por detrás do Palestino, subcampionato que repetiu ao ano seguinte.[13][15]

América de Cali[editar | editar a fonte]

En 1980 trasladouse a Colombia para xogar no América de Cali, onde coincidiu con futbolistas como Luis Eduardo Reyes, Juan Manuel Battaglia, Alfonso Cañón ou Aquino. Xogou unha soa tempada no equipo, acadando o cuadrangular final da Primeira división e rematando en terceira posición. Xogou ademais os catro encontros da segunda fase da Copa Libertadores, conseguindo manter a portería a cero nos catro partidos. Con todo, o equipo non foi quen de marcar ningún gol, polo que non se clasificou para a final.[16]

Peñarol (3ª etapa)[editar | editar a fonte]

En 1981 volveu a Peñarol, o mesmo ano que regresou ao club de Montevideo outro dos maiores ídolos da súa historia, Fernando Morena. Gañou con 36 anos o seu cuarto campionato uruguaio esa tempada, e a continuación colgou as luvas. Tras a súa retirada traballou durante anos como adestrador de porteiros no Peñarol.[17]

Selección uruguaia[editar | editar a fonte]

Debutou coa selección uruguaia o 16 de maio de 1965 no Estadio Centenario, substituíndo no minuto 34 ao lesionado Walter Taibo nun partido da Copa Juan Pinto Durán contra a selección de Chile. Fíxose rapidamente coa titularidade e foi o elixido por Ondino Viera para defender a portería uruguaia no Mundial de 1966 en Inglaterra. No partido inaugural, fronte a 110.000 espectadores, converteuse no primeiro porteiro en 28 anos en conseguir manter a portería a cero contra Inglaterra no Estadio de Wembley, dende que o fixera o escocés David Cumming en 1938.[6] Encaixou só un gol na primeira fase, obra do francés Héctor De Bourgoing. Con todo, o equipo uruguaio caeu nos cuartos de final contra Alemaña por 4-0, nun partido no que foron expulsados dous futbolistas uruguaios, Horacio Troche e Héctor Silva. Os goles alemáns foron anotados por Helmut Haller (2), Franz Beckenbauer e Uwe Seeler.[18] Foi elixido terceiro mellor gardameta do Mundial por detrás de Gordon Banks e Lev Iashin.[19]

En 1967 formou parte do combinado uruguaio que gañou a Copa América en Montevideo, compartindo a titularidade con Miguel Bazzano. Xogou os partidos contra a Arxentina e Paraguai, sen encaixar ningún gol.[20]

En 1970 participou na súa segunda Copa do Mundo, en México. Uruguai quedou encadrado no grupo 2, con Italia, Suecia e Israel. Mazurkiewicz mantivo a porta a cero nos partidos contra Italia e Israel e encaixou un só gol na primeira fase, obra do sueco Ove Grahn.[21] Nos cuartos de final enfrontouse á selección soviética, cuxa dianteira formada por Vitalii Khmelnytskyi, Gennadii Evriuzhikhin e Anatolii Byshovets, foi incapaz de superar ao gardameta uruguaio nos 90 minutos regulamentarios nin na prórroga.[22] No minuto 117 Víctor Espárrago fixo o único gol do partido clasificando ao equipo charrúa para as semifinais.[23]

Nas semifinais Uruguai enfrontouse ao Brasil no Estadio Jalisco en Guadalaxara, onde os brasileiros lograron unha contundente vitoria por 3-1 con goles de Clodoaldo, Jairzinho e Rivellino. Dito partido pasou á historia pola xogada realizada por Pelé, cando ao recibir un pase de Tostão, en vez de tentar rematar á portería deixou pasar o balón, para ir logo a recollelo rodeando a Mazurkiewicz e realizar o disparo. Aínda que non acabou en gol, a xogada converteuse nunha das máis icónicas dos Mundiais e do astro brasileiro.[24] Mazurkiewicz foi votado pola prensa como o mellor porteiro do Mundial.[22]

Despediuse da selección no Mundial de 1974 en Alemaña Occidental, onde o equipo uruguaio caeu na primeira fase, perdendo contra os Países Baixos de Cruyff e contra Suecia, e sacando só un punto nun empate contra Bulgaria. Con todo, foi elixido como terceiro mellor porteiro do campionato, por detrás de Maier e Tomaszewski.[19]

Selección mundial[editar | editar a fonte]

Disputou dous partidos coa selección mundial da FIFA, tamén chamada selección do Resto do Mundo. En 1968 disputou con esta un encontro fronte ao Brasil no Estádio do Maracanã do Río de Xaneiro, en conmemoración do décimo aniversario do primeiro Mundial gañado polos brasileiros.[25] Entrou como substituto de Lev Iashin, a Araña Negra, e o encontro rematou con vitoria brasileira por 2-1, con goles de Rivellino e Tostão para o Brasil e de Flórián Albert para o combinado mundial.[26]

En 1971 viaxou á Unión Soviética para participar no partido de homenaxe da FIFA ao propio Lev Iashin no día da súa retirada. Diante dos 103.000 espectadores que ateigaban o Estadio Lenin, defendeu a portería da selección mundial, formada por Beckenbauer, Facchetti, Müller, Bobby Charlton ou Džajić entre outros, e tendo como contrincantes a unha selección de futbolistas dos Dinamos soviéticos (Dinamo Moscova, Dynamo de Kíiv, Dinamo Tbilisi, etc). O partido rematou 2-2, con goles de Khmelnytskyi e Sabo para os soviéticos e de Mészöly e Zhekov para o equipo mundial.[27]

Falecemento[editar | editar a fonte]

En decembro de 2012, con 67 anos, empeorou a súa saúde caendo nun coma irreversible.[28] Faleceu na madrugada do 2 de xaneiro de 2013. Os seus restos foron soterrados no cemiterio Parque del Recuerdo.[29]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi elixido pola IFFHS como o 12º mellor porteiro mundial do século XX e o 5º de América do Sur.[30]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Peñarol

Selección uruguaia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Yahoo! Deportes (ed.). "Murió Ladislao Mazurkiewicz, para muchos el mejor arquero que dio Uruguay.". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2021. Consultado o 3 de enero de 2013. 
  2. "Uruguay legend Mazurkiewicz passes away". FIFA (en inglés). 4 de xaneiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2021. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  3. "Hasta siempre Mazurka" (en castelán). 4 de xaneiro de 2013. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "El arquero polaco" (en castelán). 29 de decembro de 2012. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  5. "Mazurkiewicz, un portero de leyenda" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 6 de febreiro de 1981. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Blanco, Javier (30 de setembro de 2020). "Cuando el mejor portero del mundo chupó banquillo en Granada" (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2021. 
  7. Groba, César. "Adiós al guardián del arco mirasol" (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2021. 
  8. Tito (28 de outubro de 1966). "Cóctel deportivo". El Progreso (en castelán). p. 6. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  9. "Ladislao Mazurkiewicz". www.padreydecano.com (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2021. 
  10. "Flash deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 1972. p. 17. 
  11. "Renato: "Melhor que ser reserva de Mazurkiewicz é deixa-lo na reserva"". O Globo (en portugués). 14 de xaneiro de 1972. p. 21. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  12. "Europa, la gran meca del fútbol profesional". El Pueblo Gallego (en castelán). 16 de xaneiro de 1975. p. 16. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  13. 13,0 13,1 "Según sus protagonistas" (en castelán). 10 de xaneiro de 2005. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  14. "Cobreloa 1978 - Campeonato Nacional". solofutbol.cl (en castelán). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  15. "Cobreloa 1979 - Campeonato Nacional". solofutbol.cl (en castelán). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  16. Bedoya, Sebastián (2 de xaneiro de 2013). "Falleció el mítico portero uruguayo Ladislao Mazurkiewicz, ex América de Cali en 1980". Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2021. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  17. "1981-1990". padreydecano.com (en castelán). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  18. "Alemaña - Uruguay 1966". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2021. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  19. 19,0 19,1 "Mazurkiewicz, la leyenda del Chiquito" (en castelán). 2 de xaneiro de 2013. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  20. "Copa América 1967". rsssf.com (en castelán). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  21. "Suecia - Uruguai 1970". FIFA (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  22. 22,0 22,1 "Marvellous Mazurkiewicz shuts out the Soviets". FIFA (en inglés). 14 de xuño de 2020. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2021. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  23. "Uruguai - URSS 1970". FIFA (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2021. 
  24. "Pele gives Uruguay the runaround". FIFA (en inglés). 17 de xuño de 2020. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  25. "Amancio en la selección resto del mundo". El Progreso (en castelán). 10 de outubro de 1968. p. 6. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  26. "Encontors da selección do Resto do Mundo". rsssf.com (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2021. 
  27. "103 ezer néző előtt fejelt gólt Mészöly Kálmán Lev Jasin búcsúmeccsén" (en húngaro). 27 de maio de 2020. Consultado o 6 de maio de 2021. 
  28. Subrayado.com.uy, ed. (29 de diciembre de 2012). "Ladislao Mazurkiewicz está en coma". Arquivado dende o orixinal o 1 de enero de 2013. Consultado o 2 de enero de 2013. 
  29. "Falleció Ladislao Mazurkiewicz, una leyenda del fútbol uruguayo". elobservador.com (en castelán). 2 de xaneiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2013. Consultado o 5 de maio de 2021. 
  30. "IFFHS' Century Elections". rsssf.com (en inglés). Consultado o 19 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]