Virio Nicómaco Flaviano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaVirio Nicómaco Flaviano

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(la) Virius Nicomachus Flavianus Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento334 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Morte6 de setembro de 394 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (59/60 anos)
Prefeito do pretório (pt) Traducir Iliria
382 – 383
Senador romano
Cónsul romano
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónhistoriador , político , militar Editar o valor em Wikidata
Período de tempoBaixo Imperio Romano Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 382 Editar o valor em Wikidata)
LinguaLingua latina Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosNicomachus Flavianus (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Virio Nicómaco Flaviano (en latín: Virius Nichomachus Flavianus) nado no 334 e finado no 394, foi un aristócrata, político, historiador e gramático romano do século IV.

Pagán e amigo íntimo de Quinto Aurelio Símaco, foi Prefecto do pretorio de Italia do 390 ao 392, baixo Valentiniano II, e colaborou activamente co usurpador Euxenio (392-394) -tamén gramático coma el- sendo nomeado novamente prefecto de Italia entre o 393 e o 394, e cónsul no 394. Trala morte de Euxenio na batalla do Frígidus, gañada contra todo prognóstico por Teodosio o Grande, Flaviano suicidouse.[1]

Tamén é coñecido coma "o Vello", para distinguilo do seu fillo, Nicómaco Flaviano, o Mozo.

Flaviano aparece como personaxe nas Saturnalia de Macrobio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Base da estatua de Virio Nicómaco Flaviano

Seu pai foi Volusio Venusto, e Flaviano que casou cunha muller tamén pagá tivo un fillo tamén chamado Nicómaco Flaviano (alcumando o Mozo, para distinguilo do pai) e, posiblemente un segundo fillo chamado Venusto. Tamén foi avó de Apio Nicómaco Dexter e de Gala.[2][3][4]

Os Nicómaco eran unha das familias máis prestixiosas de Roma e, polo tanto, Flaviano recibiu unha excelente educación que posibilitou un amplo cursus honorum que se pode reconstruír a partir de dúas inscricións: unha (CIL, VI, 1782) realizada polo marido da súa neta Quinto Fabio Memio Símaco, probablemente realizada polo 394; e outra (CIL, VI, 1783) procedente da base dunha estatua erguida no 431 no Foro de Traxano polo sobriño de Quinto, Apio Nicómaco Dexter, para celebra-la memoria do seu avó despois da súa rehabilitación polos emperadores.

Este cursus honorum de Flavianus incluía os seguintes cargos: cuestor, pretor, Pontífice máximo e cónsul para Sicilia (364-365),[5] para se retirar á vida privada no 365. Volveu ser nomeado vigairo de África (376-377),[6] quaestor sacri palatii,[7] prefecto do pretorio de Italia e Illyricum (390–392), de novo prefecto do pretorio de Italia e Illyricum, por segunda vez (393–394) e cónsul sine collega (394).

Carreira baixo Graciano e Teodosio[editar | editar a fonte]

O emperador Graciano nomeouno vigairo da diocese de África no 376;[8] ocupou este cargo cando recibiu un edicto contra o donatismo,[9] que foi moi forte en África. O feito de que o escritor cristián Agostiño de Hipona, nunha carta do 405, o confundise cun donatista[10] é un claro indicio de que Flaviano tomou partido a prol daqueles que debía perseguir e, probablemente, por este motivo foi destituído do cargo ao ano seguinte, no 377. Durante o tempo que estivo alí, estivo ao cargo das investigacións, xunto con Decimo Hilariano Hesperio, sobre un escándalo que afectaba á cidade de Leptis Magna. Mais, nas conclusións finais do informe, os cidadáns foron absueltos dos cargos[11] polo que os habitantes da cidade, en agradecemento, ergúeronlle entre o 377 e 378 unha estatua conmemorativa.[12]

No 388,[13] converteuse en quaestor sacri palatii, ("cuestor no Palacio", é dicir, da corte imperial), máis exactamente quaestor aulae divi Theodosii, tendo así a tarefa de redacta-las leis para o emperador Teodosio. O seu nomeamento no 390 como Prefecto do Pretorio de Italia, Illyricum e África converteuno nun dos funcionarios máis poderosos do imperio. Non se pode excluír que a carreira de Flaviano, e en particular o favor que gozou con Teodosio, se debese ao desexo do emperador de manter boas relacións co partido pagán, forte nos círculos aristocráticos e senatoriais, que era hostil á política do emperador cristián, e do que Flaviano foi un dos maiores representantes.

Flaviano continuou como prefecto pretoriano de Illyricum e África durante dous anos, até o 392, cando morreu o emperador da parte occidental do Imperio Romano, Valentiniano II. Non se sabe certamente, se foi asasinado ou se suicidou (15 de maio) mais o seu xeneral Arbogasto, magister militum, con quen mantivera un prolongado conflito, foi sospeitoso de estar implicado na súa morte. O emperador oriental Teodosio I, en canto soubo da morte de Valentiniano, nomeou outro prefecto pretoriano para Illyricum, Apodemio, que tamén recibiu a prefectura pretoriana de África a finais do 392 ou principios do 393.

Usurpación de Euxenio e intento de restauración do paganismo[editar | editar a fonte]

Arbogasto, prevendo un ataque de Teodosio, puxo un usurpador, Euxenio, como emperador da parte occidental, co apoio das lexións e da aristocracia senatorial romana. En canto Euxenio entrou en Italia (a súa coroación fixérase en Lión o 22 de agosto do 393), Flaviano acudiu a el e foi nomeado prefecto pretoriano por segunda vez; o seu papel clave dentro da administración de Euxenio confirmouse coa elección de Flaviano ao consulado do 394 sine collega,[8] aínda que este cargo só foi recoñecido dentro do territorio controlado por Euxenio.

Hai outro aspecto importante da actividade de Flaviano baixo Euxenio, a miúdo chamado "renacemento pagán". Euxenio era cristián, pero escolleu a varios pagáns da aristocracia como os seus aliados.[14] Esta sería a causa pola que Flaviano apoiou a Euxenio fronte a Teodosio: a política en contra do paganismo deste. Deste xeito, Flaviano aproveitou a oportunidade e renovou as cerimonias públicas pagás e a restauración da relixión romana, sen a oposición de Euxenio, que foi, por este motivo, criticado por Ambrosio, bispo de Milán. A propaganda teodosiana primeiro e as fontes cristiás despois presentaron a loita entre Teodosio e Euxenio como unha loita de fe cristiá contra o paganismo da relixión romana tradicional; por esta razón, os actos relixiosos de Flaviano foron interpretados como o derradeiro intento dun renacemento pagán apoiado, ou polo menos permitido, por Euxenio; un exemplo típico foi o episodio da Vita Ambrosii de Paulino de Milán,[15] no que Flaviano e Arbogasto, ao deixar Milán para enfrontarse ao exército de Teodosio, prometeron destruír a basílica da cidade e enrolar ao clero cristián no exército despois o seu retorno vitorioso. Os historiadores modernos cren que non houbo tal "renacemento pagán", pero que Flaviano aproveitou a oportunidade dun baleiro de poder (tanto na política como na relixión, xa que non había, nese momento, unha poderosa figura cristiá) para apoiar a relixión romana , pero sen ningún apoio de Euxenio.[16]

Flaviano apoiou a Euxenio na súa loita contra Teodosio afirmando que os sacrificios profetizaban a vitoria na vindeira guerra. E tamén os preparativos militares para o enfrontamento co exército de Teodosio tse caracterizaron polo recurso á relixión antiga: o labarum de Constantino I foi substituído pola efixie de Hércules Invicto, mentres que as estatuas de Xúpiter foron colocadas nos pasos alpinos polos que debía pasar o exército teodosiano.[17]

Porén, Euxenio e máis Arbogasto morreron na decisiva batalla do río Frigidus, entre o 5 e o 6 de setembro do 394 e, poucos días despois Flaviano, nun xesto característico da nobreza tradicional romana, suicidouse cando contaba con sesenta anos.[1]

Damnatio memoriae e rehabilitación[editar | editar a fonte]

Os fillos e sucesores de Teodosio, Honorio e Arcadio promulgaron unha lei en maio do 395 na que perdoaban aos partidarios de Euxenio, pero, ao mesmo tempo, condenaban a Flaviano a unha forma reducida de damnatio memoriae que prevía, entre outras cousas, a revogación do consulado do ano anterior.[18] A disposición de maio de 395 requiría que os fillos dos condenados renunciasen á fe pagá a cambio da cristiá.[19] Esta abxuración permitiu aos descendentes de Flaviano ocupar importantes cargos na administración imperial: o fillo de Flaviano, tamén chamado Nicómaco Flaviano, converteuse en prefecto do pretorio de Italia, África e Ilirio no 431 e o sobriño de Flaviano, o influente senador Apio Nicómaco Dexter, ocupou varios cargo públicos. Foi o propio Dexter quen, no 431, obtivo o apoio dos influentes círculos senatoriais aos que pertencía para rehabilitar publicamente ao seu avó. A Flaviano erixíuselle unha estatua, cuxa dedicatoria[4] explicaba que Flaviano sempre fora estimado polo emperador Teodosio e que a provisión de damnatio era atribuíble ás persoas envexosas e non aos emperadores.

Círculo pagán de Flaviano[editar | editar a fonte]

Díptico Nicómaco-Símaco, en conmemoración da unión das dúas familias.

Flaviano estaba moi relacionado con Vetio Agorio Pretextato e Quinto Aurelio Símaco. Este círculo estivo no centro do movemento pagán de finais do século IV e, en particular a través do traballo das familias Nicómaco e Símaco, atribúeselle a preservación das obras de varios autores pagáns, como Livio, nos tempos modernos, Marcial e Apuleio.[20] A relación entre os Nicómaco e os Símaco estreitouse a través das vodas: en 393/394 o fillo de Flaviano, Nicómaco Flaviano, casou con Gala, a filla de Quinto Aurelio Símaco, cuxo fillo, Quinto Fabio Memio Símaco, casou no 401 filla ou sobriña de Flaviano. O vínculo entre as dúas familias celebrouse, ben con motivo dunha das dúas vodas ou ben no momento da aprobación conxunta dos servizos relixiosos, coa emisión dun díptico, cuxos paneis se titula Nicomachorum e Symmachorum.[21]

Pretextato, Símaco e Flaviano, tamén a parece como os personaxes principais da Saturnalia de Macrobio Ambrosio Teodosio, escrita no século V pero ambientada nas vacacións de verán do 384. Na obra, o autor describe aos líderes do movemento pagán que, á súa vez, acollen a diferentes intelectuais pagáns para discutir cuestións filosóficas e relixiosas.[20]

Flavianus tamén tiña conexión con Anicio Manlio Severino Boecio a través de Quinto Aurelio Memio Símaco, pai adoptivo de Boecio. Símaco nomeou a unha das súas fillas como a filla de Flaviano. Isto facíase para demostrar a forte influencia pagá no fogar ao que Boecio debía a súa lealdade.

O papel de flaviano na literatura[editar | editar a fonte]

A obra máis importante que Flaviano escribiu foi unha historia de Roma titulada Annales ("Anales"), agora perdida, que fora dedicada a Teodosio (probablemente cando Flaviano era quaestor sacri palatii na década de 380)[22] e escrita en forma de anales. Como suxire o título, podería ser a continuación dos Anais de Tácito: de feito, a pouco fiable Historia Augusta, no libro dedicado á vida do emperador Aureliano (270-275), inclúe unha carta de Aureliano á raíña Zenobia que o autor afirma ter sido denunciada por un Nicómaco; polo tanto, é posible que a obra de Nicomaco fose unha continuación de Tácito ata polo menos Aureliano. Os Anais de Flaviano foron quizais utilizados por Amiano Marcelino como fonte.[23][24] Na inscrición da base da estatua que dedicou ao seu sogro, Quinto Aurelio Memio Símaco, denominou a Flaviano historicus disertissimus[8] ("historiador máis elocuente").

Flaviano traduciu tamén, do grego Filostrato, a Vida de Apolonio de Tiana, sobre un home cuxa vida se vía moi próxima á de Xesús e cuxa biografía, polo tanto, foi considerada semellante a un evanxeo pagán no século IV.[23][24]

Flaviano foi identificado co obxecto da obra cristiá coñecida como Carmen adversus Flaviano. É un dos personaxes principais, xunto con outros membros do seu club pagán, da Saturnalia de Macrobio, unha obra escrita nos anos 430, onde foi representado como un home de enorme erudición.[23][24]

Na súa Historia Eclesiastica, Tiranio Rufino representa ao pagán Flaviano, en lugar do cristián Euxenio, como o verdadeiro adversario derrotado polo cristián Teodosio na batalla do río Frigidus. Segundo Rufino, Flaviano suicidouse porque se decatou de que a súa propia relixión era falsa. Os eruditos son unánimes na crenza de que Rufino inventou esta afirmación para defender-la súa causa do cristianismo que tan decididamente defendía.[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Sozomeno, VII 22.
  2. Macrobio, Saturnalia, 5.13
  3. Quinto Aurelio Símaco, Epistulae, VI, 32
  4. 4,0 4,1 "Epigraphik Datenbank CIL 1783". db.edcs.eu (en alemán). Consultado o 24 de maio de 2021. 
  5. Durante este período recibiu dúas cartas de Símaco (Epistulae II, 4 e 27).
  6. Neste período recibiu a lei Codex Theodosianus XVI, 6.2
  7. Os anos deste cargo son 381/ 382-383 segundo O'Donnel e 389/390 segundo Jones. Tamén deste período é a carta de Símaco Epistulae II, 8
  8. 8,0 8,1 8,2 "Epigraphik Datenbank CIL 1782". db.edcs.eu (en alemán). Consultado o 24 de maio de 2021. 
  9. Codex Theodosianus, XVI.6.2.
  10. Agostiño de Hipona, Epistulae 87, 8.
  11. Amiano Marcelino, XXVIII, 6, 28
  12. Inscriptiones de Tripolitania Romana, 475
  13. Non obstante, O'Donnell opina que tivo que ser do 381/82 ao 383 (1978, p. 136)
  14. Cameron, Averil (2001). El Bajo Imperio romano (284-430 d. de C.) (en castelán). Madrid: Ediciones Encuentro. p. 85. ISBN 978-84-7490-620-2. 
  15. Paulino de Milán, Vita Ambrosii, 31.2
  16. McLynn 1994, pp. 350-354.
  17. Lanciani 1898, p. 174.
  18. Codex Theodosianus, XV, 14.9
  19. Ambrosio de Milán, De obitu Theodosii, IV
  20. 20,0 20,1 Taplin 2000, p. 537.
  21. Ensoli & La Rocca 2000, p. 467.
  22. Trout 1999, p. 40.
  23. 23,0 23,1 23,2 Clausen & Kenney 1983, pp. 59-60.
  24. 24,0 24,1 24,2 Lieu & Montserrat 1996, p. 6.
  25. Rohrbacher 2002, pp. 106-107.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clausen, Wendell Vernon; Kenney, E. J. (1983). The Cambridge History of Classical Literature (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-27371-4. 
  • Ensoli, Serena; La Rocca, Eugenio (2000). Aurea Roma. Dalla città pagana alla città cristiana (en italiano). Roma: L'ERMA di BRETSCHNEIDER. ISBN 88-8265-126-6. 
  • Errington, Robert M. (1992). "The Praetorian Prefectures of Virius Nicomachus Flavianus". Historia (en inglés) (41): 439–461. 
  • Grünewald, Thomas (1992). "Der letzte Kampf des Heidentums in Rom? Zur posthumen Rehabilitation des Virius Nicomachus Flavianus". Historia (en alemán) (41): 462–487. 
  • Lanciani, Rodolfo (1898). Ancient Rome in the Light of Recent Discoveries (en inglés). Boston / Nova York: Houghton, Mifflin and Company,. 
  • Lieu, Samuel; Montserrat, Dominic (1996). From Constantine to Julian. Pagan and Byzantine Views: a Source History (en inglés). Abingdon / Nova York: Routledge. ISBN 0-415-09335-X. 
  • McLynn, Neil B. (1994). Ambrose of Milan: Church and Court in a Christian Capital (en inglés). Oakland, CA: University of California Press. ISBN 0-520-08461-6. 
  • O'Donnell, James J. (1978). "The Career of Virius Nicomachus Flavianus". Phoenix (en inglés) (32): 129–143. 
  • Rohrbacher, David (2002). The Historians of Late Antiquity (en inglés). Abingdon / Nova York: Routledge. ISBN 0-415-20458-5. 
  • Taplin, Oliver (2000). Literature in the Greek and Roman Worlds: A New Perspective (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-210020-3. 
  • Trout, Dennis (1999). Paulinus of Nola: Life, Letters, and Poems (en inglés). Oakland, CA: University of California Press. ISBN 0-520-21709-8. 


Predecesor:
Teodosio o Grande e Euxenio

(non recoñecido por Teodosio)
Abundancio (en Oriente)

 

Cónsul do Imperio romano
(sine collega, en Occidente)
con Arcadio III e Honorio II (en Oriente) 
394

Sucesor:
Flavio Anicio Hermoxeniano Olibrio
Flavio Anicio Probino