Viño de Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Distribución da vide en Cataluña.

O viño de Cataluña ten unha longa tradición cultural constituíndo unha rexión vinícola histórica cunhas peculiaridades propias. O sector está regulado polo Instituto Catalán da Viña e o Viño.[1] O viño do Roselló denomínase tamén tradicionalmente viño de Cataluña.

O subsector do viño e derivados ocupa o cuarto lugar dentro do sector agroalimentario catalán e representa o 25% da produción de España.[2][3] A produción anual é de máis de 380 millóns de botellas das que unhas dúas terceiras partes se destinan á exportación. Aproximadamente, a metade da produción é de viño e a outra metade é de cava.

Historia[editar | editar a fonte]

A vide e o viño foron introducidos polos gregos na área do Empordà. Na época dos romanos desenvolveuse o comercio dos viños do Camp de Tarragona e de Alella, nos arredores de Tarraco e Barcino.

Durante o século XVIII estendeuse a exportación. Dunha parte exportábase o viño do Empordà ao Llenguadoc, e por outra parte estimulouse o cultivo das bisbarras litorais e prelitorais pola exportación a América como viño concentrado en augardente. Dende Vilanova i la Geltrú exportábase a produción do Penedès, dende Salou a produción do Baix Camp e do Priorat, e en menor medida dende os portos de Roses, Begur, Mataró, Barcelona e Tarragona.

A partir do 1865, coa irrupción da filoxera en Francia, todos os portos orientaron a exportación ao Llenguadoc e Provenza para atender a gran demanda francesa. Entre os anos 1878 e 1900 a filoxera acabou destruíndo toda a viña de Cataluña. A replantación comportou un cambio, pasando a produción máxima do Bages ao Penedès, e provocando o despoboamento do Priorat. A replantación de cepas brancas favoreceu o desenvolvemento da cava. Creáronse as primeiras cooperativas vinícolas en Alella, Igualada e Artés, impulsadas pola Mancomunidade de Cataluña. Coincidindo co modernismo construíronse grandes "cellers cooperatius" (adegas cooperativas), denominados "catedrais do viño", en Barberà de la Conca, Espluga de Francolí, Falset etc... En Raimat produciuse unha experiencia inédita en Europa de colonización agrícola.

Durante a I Guerra Mundial produciuse unha demanda excepcional. A superprodución quedou paralizada pola Guerra civil española e a II Guerra Mundial. A partir dos anos 1960 o cultivo renovouse introducindo novas variedades de uva e novos métodos vinícolas, destacando o Penedès como adaíl en tecnoloxía e a recuperación do Priorat.

Xeografía e clima[editar | editar a fonte]

O cultivo da viña en Cataluña concéntrase sobre todo nas bisbarras prelitorais, entre a Cordilleira Prelitoral e a Depresión Prelitoral, coa excepción da parte oriental máis húmida (eixe do Montnegre, Montseny, Les Guilleries e Puigmal). Ademais, cultívase nas chairas de menos altitude da Depresión Central (a plana de Lleida e a plana de Bages), e nas dúas vertentes da Albera. O clima é mediterráneo con veráns moderadamente calorosos, invernos fríos sen xeadas nin sarabiadas, chuvias concentradas en outono e primavera, e ben soleado con cordilleiras orientadas ao sueste.

Denominacións de orixe[editar | editar a fonte]

A diversidade xeográfica fai que haxa unha diversidade de terras agrupadas en doce denominacións de orixe que ocupan unhas 70 mil hectáreas. Por orde do número de hectáreas de superficie inscrita,[4] as denominacións de orixe son as seguintes:

Denominacións de Orixe de Cataluña.
DO Superficie
(hectáreas)
Penedès 27.729
Terra Alta 9.224
Catalunya 8.690
Tarragona 7.391
Conca de Barberà 5.871
Costers del Segre 4.622
Empordà 2.070
Montsant 2.020
Priorat 1.650
Alella 560
Pla de Bages 550

A do Priorat é unha Denominación de Orixe Cualificada. A de Catalunya é unha denominación rexional superposta xeograficamente ás outras. Ademais, existe a Denominación de Orixe Cava que se encontra maioritariamente no Penedès.

Variedades de uva[editar | editar a fonte]

En Cataluña predomina o cultivo da uva branca en explotacións agrarias familiares asociadas en cooperativas.

Tradicionalmente destacaron os viños brancos e os viños de licor: viño rancio, viño de garnacha, viño de moscatel, vin blanc. Hoxe a produción de viño branco é maioritaria en Alella, o Penedès e en Tarragona, e de viño tinto no resto. Os produtores son adegas pequenas ou medianas e só sobresae a empresa Tuestas como grande do sector. Mentres que as vendas de exportación son boas, os viños son pouco coñecidos no mercado interior. Os restaurantes de Cataluña consumen un 30% de viño catalán e as cadeas de alimentación un 50%.[5]

Son variedades brancas autóctonas: macabeo, xarel·lo, a pansa blanca e picapoll. Son variedades tintas autóctonas: sumoll e trepat. Ademais, son variedades tradicionais: garnacha, malvasía, monastrell, moscatel, parellada, samsó e ull de llebre.

Cava[editar | editar a fonte]

O cava tamén se chama cava catalá xa que o 95% da produción faise en Cataluña. Ten o seu orixe e capital en Sant Sadurní d'Anoia, onde se adaptou o método do champaña coas variedades propias: macabeo, parellada e moscatel.

A maior parte da produción faise no Alt Penedès, pero tamén na Conca de Barberà e no Tarragonès. É unha denominación que non depende da Generalitat de Catalunya senón do Ministerio de Agricultura de España xa que se pode producir en tres comunidades autónomas máis: A Rioxa, País Valenciá e Estremadura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Web oficial de l'INCAVI
  2. Macromagnituds agràries. Catalunya 1995-2004, Generalitat de Catalunya.
  3. Datos de las vcprd, campaña 2004/2005, Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (en castelán).
  4. El sector de la vinya i el vi a Catalunya, INCAVI
  5. "Situació crítica en el sector del vi", article de Vicent Canet a La Vanguardia, 30-5-2005