Moscatel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Moscatel branco de gran miúdo e moscatel negro.

Moscatel é unha variedade de uva branca (Vitis vinifera) de sabor moi doce[1][2].

Así mesmo o termo refírese tamén ao xerez de cor castaña, mesto e moi doce, elaborado principalmente con esta uva, sometido a un proceso de fermentación parcial e crianza oxidativa, cun contido en azucre comprendido entre 400 e 500 g/l e unha gradación alcólica comprendida entre 15° e 22°[3].

Porén o termo moscatel é moi amplo, xa que pode referisrse a 200 variedades distintas de uva. Foron usadas na produción de viño e como pasas e uvas de mesa ao redor do mundo durante moitos séculos. As súas cores van de esbrancuxado (na muscat ottonel), a amarelo (moscato giallo), a rosa (moscato rosa do Trentino) e próximo ao negro (moscatel de Hamburgo). Os viños e uvas moscatel case sempre teñen un pronunciado aroma floral doce. A amplitude e o número de variedades de moscatel suxire que seica sexa a variedade de uva cultivada máis antiga, e hai teorías de que moitas Vitis vinífera son descendentes da moscatel.[4]

Entre os membros máis notábeis da familia moscatel está moscatel de bago miúdo (ou muscat blanc à petits grains), uva branca orixinaria de Grecia, de pequeno tamaño, forma esférica e pel fina de cor amarela dourada, utilizada especialmente para a elaboración dos viños das denominacións de orixe Málaga, Navarra, Valdepeñas e Valencia[3]. Fóra de España é a principal variedade de uva usada na produción do viño espumoso italiano Asti (tamén coñecido como moscatel Asti) feito na rexión do Piemonte. Tamén se usa na produción de moitos dos viños franceses coñecidos como vin doux naturels (viños doces naturais). En Australia, esta é tamén a principal uva usada na produción de licor moscatel da rexión vitícola de Rutherglen, en Victoria. Os exemplares novos, sen envellecer e sen fortificar, tenden a exhibir o aroma característico da moscatel, así como notas a cítricos, rosas e pexego. Os exemplares fortificados e vellos (particularmente aqueles que foron envellecidos en bocoi), tenden a ser de cor escura debido á oxidación, cun aroma con notas de café, pastel de froitas, pasas e caramelo.[5]

Denomínase moscatel de Alexandría ou moscatel de Málaga á uva branca orixinaria de Exipto, de gran tamaño, forma esférica e pel de grosor medio de cor verde amarelada, utilizada como uva de mesa, para a produción de pasas e para a elaboración de viños, especialmente das denominacións de orixe Xerez, Málaga e Valencia[3]. É usada habitualmente na produción do francés vin doux naturel, pero tamén se atopa en España, onde é usada para facer moitos dos viños moscatel fortificados españois. Doutra banda, úsase para facer viños brancos secos e doces, a miúdo elaborados como moscatel en Australia, California e Suráfrica. En Alsacia e partes de Europa Central, a muscat ottonel é usada para producir normalmente viños secos e fortemente perfumados.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Aínda que hai teorías de que a orixe da familia moscatel data da Idade Antiga, non hai evidencias históricas sólidas de que a moscatel estivese entre as variedades de uvas cultivadas por civilizacións como os antigos exipcios. (Imaxe dun papiro do século XV antes de Cristo. Tumba de Nakht).

Hai teorías que remontan a orixe das variedades antigas da moscatel no antigo Exipto e nos comezos da antiga Persia (c. 3000-1000 a. C.), aínda que que algúns ampelógrafos, como Pierre Galet, creen que a familia da variedade moscatel espallouse durante o período da antigüidade clásica (c. 800 a.C. a 600 a. C.) por gregos e romanos. Con todo, aínda que que a produción doméstica de viño ten unha longa historia no antigo Exipto e en Persia e a que os escritores clásicos como Columella e Plinio o Vello describiron como moscatel a variedades como a anathelicon moschaton e apianae, dicindo que eran moi doces e atractivas para as abellas (en latín apis), non hai evidencias históricas sólidas de que esas antigas uvas de viño fosen membros da familia moscatel.[6]

A primeira mención documentada da uva chamada moscatel foi nos traballos do franciscano inglés Bartholomeus Anglicus, quen escribiu sobre o viño feito de uvas moscatel no seu traballo De proprietatibus rerum, escrito entre 1230-1240, mentres estaba a estudar no que agora é a moderna Saxonia, en Alemaña. O traballo en latín de Anglicus foi traducido ao francés en 1372. Nel describíase o "viño extraído de pasas moscatel".[6]

Orixes do nome moscatel[editar | editar a fonte]

Viño moscatel da D.O. Navarra, España.

Como as orixes exactas da familia moscatel non poden ser establecidas, as teorías sobre a orixe da palabra "moscatel" son numerosas. A máis comumente citada derívaa da palabra persiana muchk. Similar etimoloxía segue o grego moskos, o latín muscus e o francés musc.[6] A palabra italiana mosca, usada para ese insecto, pode ser unha posíbel orixe, porque o doce aroma da uva e a súa alta cantidade de azucre poden ser unha atracción común para insectos como a mosca da froita.[7]

Outras teorías suxestionan que esta familia de uvas é orixinaria do país árabe de Omán e que foi nomeada posteriormente como a cidade de Mascate, localizada na costa do Golfo de Omán. Outra cidade que é ás veces suxerida como un potencial lugar de nacemento e orixe do nome da uva é a cidade grega de Moschato, localizada no suroeste de Atenas, en Ática, sendo "moschato" un sinónimo común en Grecia para a variedade moscatel.[6]

Características e confusión con outras uvas[editar | editar a fonte]

A pesar da vasta diversidade na familia moscatel, pode apreciarse un risco común en todas as uvas da familia moscatel que é a característica floral, unha nota de aroma a uva que é causada pola alta concentración de monoterpenos nas uvas. Foron descubertos máis de 40 monoterpenos diferentes nas uvas moscatel (tamén noutras variedades aromáticas como Riesling e Gewürztraminer); entre estes está o citronelol, xeraniol, linalool e nerol. Este característico aroma moscatel pode ser observado en viños de corpo lixeiro, baixos en alcol como o moscatel asti que non ten o seu acio fortemente influenciado por outras técnicas de produción de viño como a crianza en carballo, a autólise con fermento, fermentación maloláctica ou fortificación.[7]

Porén, este risco común do moscatel causou algunha confusión con variedades que non están ligadas en absoluto á familia moscatel e que son a miúdo erroneamente asociadas coas uvas moscatel (a miúdo mediante nome e sinónimos) por mor da súa característica aromática. Isto inclúe a vide alemá moscatel morio que, malia ter este nome, non está relacionada coa familia moscatel e é, de feito, un cruzamento entre silvaner e pinot blanc. Igualmente, á elevada mutación clónica aromática dalgunhas variedades de uvas de viño como o sauvignon blanc, chasselas e chardonnay engádeselles a miúdo o apelativo de moscatel que pode engadir a confusión de que están relacionadas coa familia moscatel.[7] Ademais, a vide de Bordeos muscadelle, que é a miúdo usada tanto para viños doces como secos, é a miúdo confundida cunha variedade moscatel debido ás súas calidades aromáticas.[6] Aínda que a partir dunha uva cun aroma máis neutro, a uva Melón da Borgoña, o viño do Loira muscadet é a miúdo confudido pola crenza de que se fixo cun membro da familia moscatel.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición e nome galego en Portal das Palabras da RAG.
  2. Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  3. 3,0 3,1 3,2 VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  4. J. Robinson Vines Grapes & Wines pg 183 Mitchell Beazley 1986 ISBN 1-85732-999-6
  5. 5,0 5,1 Wine & Spirits Education Trust "Wine and Spirits: Understanding Wine Quality" pgs 6-9, 2ª edición revisada (2012), Londres, ISBN 9781905819157
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 J. Robinson, J. Harding and J. Vouillamoz Wine Grapes - A complete guide to 1,368 vine varieties, including their origins and flavours pgs 678-696 Allen Lane 2012 ISBN 978-1-846-14446-2
  7. 7,0 7,1 7,2 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" Third Edition pgs 35, 100, 450, 453, 463-466 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  8. Oz Clarke Encyclopedia of Grapes pgs 146-153 Harcourt Books 2001 ISBN 0-15-100714-4