Cava (viticultura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fábrica de cava de Freixenet.
Cava Codorníu.

O cava é un viño escumoso elaborado polo método tradicional fundamentalmente na rexión do Penedés catalán, especialmente na localidade de Sant Sadurní d'Anoia. Tamén se elabora cava con denominación de orixe noutros puntos de España ademais de en Cataluña, como Requena (Valencia), Haro (A Rioxa) ou Viana, Estremadura (comarcas da Prata e Os Barros), O Condado en Galicia e Aragón.

Historia[editar | editar a fonte]

O cava comezouse a producir a partir das investigacións do Instituto Agrícola Catalán de San Isidro (Institut Agrícola Català de Sant Isidre) que defendeu o método champañés (méthode champenoise) pero a partir das variedades brancas autóctonas do Penedés. Josep Raventós i Fatjó produciu, o 1872, as primeiras botellas de cava na masía de can Codorníu, en Sant Sadurní d'Anoia.

En 1887 chegou a praga da filoxera ao Penedés arruinando os cultivos de uva. Isto, levou unha renovación das variedades utilizadas, coa introdución de cepas brancas de calidade en substitución de variedades negras. Esta substitución facilitou o desenvolvemento do cava.

O 1972, ante o conflito con Francia pola denominación protexida champaña, constituíuse o Consello Regulador dos Viños Escumosos que lanzou a marca Cava recollendo o nome común xa utilizado de viño de cava.

Método tradicional[editar | editar a fonte]

Botellas nun cava.

O método tradicional de elaboración do cava é o mesmo método utilizado para a champaña, o méthode champenoise, adaptado ás variedades autóctonas do Penedès ou das demais zonas españolas de produción.

Variedades de uva[editar | editar a fonte]

As variedades principais de uvas utilizadas na preparación do cava son: macabeo, parellada, chardonnay e xarel·lo. Cada unha achega ao cava unhas características que se complementan:

  • o macabeo achega dulzor e perfume,
  • a parellada achega finura, frescor e aroma,
  • a chardonnay, suavidade, aroma afroitado,
  • o xarel·lo achéga corpo e estrutura.

Tamén existen outras variedades secundarias, como o subirat parent, tamén chamado malvasía. Para os cavas rosados utilízanse tamén as variedades negras garnacha, monestrell, pinot negro e trepat.

Bautizo dun automotor en Alemaña con cava Castell dels Sorells.

A partir destas variedades de uva elabórase o viño basé, que é o viño tranquilo que se utilizará para elaborar o viño escumoso nunha segunda fermentación. O proceso de vinificación é o normal, cun prensado suave a baixa presión dos mostos, unha clarificación para eliminar os lodos do mosto (terra e follas), e fermentación en grandes tanques. Unha vez obtidos os viños basé faise a mestura adecuada.

Segunda fermentación[editar | editar a fonte]

O método tradicional propiamente dito empeza coa tiraxe, que é o embotellamento do viño base ao que se engade o licor de tiraxe, tamén chamado licor de expedición. Este licor é unha mestura de viño branco, azucre, lévedos e augardente que, ao fermentar, producirán o dióxido de carbono e o aroma característico. A mestura do licor de tiraxe non é fixa, e dela depende o carácter final do cava.

Cava con sedimentos antes do degolamento.

As botellas déixanse en repouso en posición horizontal en cavas, en escuridade e quietud, e a unha temperatura constante duns 15ºC. A duración da crianza é, como mínimo, de nove meses.

Para eliminar os restos de fermentos e impurezas faise a operación de removido que leva a termo situando as botellas inclinadas en pupitres inclinados. O obxectivo é acumular os sedimentos ao bordo do tapón. Tradicionalmente este proceso facíase manualmente virando cada botella diariamente un oitavo de volta ao mesmo tempo que se aumenta a inclinación.

Tapón de cortiza.

Cando a botella está en punta, totalmente investida, faise o proceso de degolamento. Segundo o proceso artesanal destápase a botella deixando saír unha pequena cantidade de escuma. Hoxe en día, esta operación realízase mediante a conxelación do colo da botella. Ao destapala dispárase o bloque de xeo do pescozo cos sedimentos atrapados nel.

No degolamento pódese substituír o líquido perdido engadindo novamente certa cantidade de licor de expedición. A cantidade final de azucre determinará o tipo de cava.

Finalmente colócase o característico tapón de cortiza natural suxeitando cunha boceira de arame ou unha grapa metálica.

Tipos[editar | editar a fonte]

Segundo a cantidade de azucre que se engada no licor de expedición distínguense as seguintes clases de cava:

  • Brut Nature sen azucre engadido
  • Extra Brut até 6 g de azucre por litro
  • Brut até 15 g de azucre por litro
  • Extra Seco entre 12 e 20 g por litro
  • Seco entre 17 e 35 g por litro
  • Semiseco entre 33 e 50 g por litro
  • Doce máis de 50 g por litro

No caso do tipo brut nature e extra brut non hai licor de expedición e só engádese viño. A falta de azucres engadidos fai que estes tipos de cava sexan máis esixentes en canto a calidade, e a súa produción vai en aumento mentres diminúe a produción do semiseco, e deixouse de producir o doce. Contrariamente, o champaña francés resulta máis acedo e non se elaboran tipos equivalentes ao brut nature ou extra brut.

Produción[editar | editar a fonte]

A produción anual é duns 12 millóns de caixas (de 12 botellas), sendo España o segundo produtor mundial de viño escumoso, despois da rexión de Champagne. Aínda que a maior parte da produción procede de Cataluña, tamén hai adegas produtoras de cava en Aragón, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, País Vasco, Navarra e Valencia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]