Saltar ao contido

Uombat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uombat
Vombatus ursinus

Rango fósil: mioceno tardío - presente

Vombatus ursinus tasmaniensis,
en Maria Island, Tasmania
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Marsupialia
Superorde: Australidelphia
Orde: Diprotodontia
Suborde: Vombatiformes
Familia: Vombatidae
Xénero: Vombatus
E. Saint-Hilaire, 1803
Especie: V. ursinus
Nome binomial
Vombatus ursinus
(Shaw, 1800)
Área de dispersión do uombat
Área de dispersión do uombat

O uombat (Vombatus ursinus),[2] é unha especie de mamífero marsupial da orde dos diprotodontes e familia dos vombátidos.[3]

É o único representante vivo do xénero Vombatus,[4] endémico do sueste de Australia, onde ten unha área de dispersión descontinua e fragmentada do sueste de Queensland ao sueste de Australia do Sur no continente, e nas illas de Flinders e Tasmania.[5] Encóntrase desde o nivel do mar até altitudes dos 1 800 m.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

O uombat ten a aparencia dun pequeno oso (de aí o seu nome específico), moi musculado e coas patas moi curtas.

A coloración da súa pel pode ser beigue, parda, negra ou gris. Mide até 1,20 m de longo e 70 cm de alto, e pesa entre os 20 e os 35 kg.

Como todos os marsupiais, ten unha bolsa ventral ou marsupio, que contén un só par de mamas. Este marsupio ten a vantaxe, para un escavador de tobos, que se pode pechar para que a terra non entre nel. Ademais ten un escudo, unha placa ósea nas nádegas, debaixo da pel; cando un depredador o persegue, pecha a entrada do seu tobo con este escudo.

A súa fórmula dentaria é 1.0.1.4 / 1.0.1.4.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrición

[editar | editar a fonte]
Dentición, ilustración en Sketches in Natural History, de Knight.
Bosta de Vombatus ursinus.

O uombat é fitófago, alimentándose de herbas, raíces, fungos e cascas de árbore e arbustos. Os seus dentes incisivos (similares aos dos roedores), son de crecemento continuo, característica que só se dá entre os vomátidos, a diferenza do que ocorre nos outros marsupiais.

Ten un metabolismo extraordinariamente lento: tarda ao redor de dúas semanas en facer a dixestión, o que o axuda a vivir nos seus ambientes áridos.[6]

Ademais, non adoita moverse con rapidez; porén, é un animal áxil e veloz que, en caso necesario, pode facilmente superar a un home en carreira (pode alcanzar até os 40 km/h e manter esa velocidade durante 90 segundos).[7] Aínda que son animais principalmente crepusculares e nocturnos, aventúranse tamén a buscar alimento durante o día, cando vai frío ou o día e moi nubrado.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O período de xestación adoita durar uns 20 ou 21 días. Despois do parto, as crías viven no ben desenvolvido marsupio seis ou sete meses; aos 15 meses de idade son destetados. Alcanzan a idade reprodutiva aos 18 meses.[8]

Os uombats escavan extensos tobos cos seus dentes incisivos e as súas poderosas garras. Ocupan territorios ao redor dos seus tobos, que defenden contra os intrusos. Este territorio pode cubrir até 23 hectáreas.[6]

A súa principal defensa contra un depredador baixo terra é esmagalo contra o teito do túnel até que o invasor deixa de respirar.

Non se deixan ver tan facilmente como outros animais, pero si adoitan deixaren pegadas visíbeis do seu paso, como as súas típicas bostas cúbicas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
Esqueleto do uombat.
Vombatus ursinus na neve.
Femia de Vombatus ursinus coa súa cría na bolsa marsupial abríndose cara a atrás.
Boca dun tobo de uombat, e bosta, no Parque Nacional de Narawntapu, Tasmania.
Lámina de 1807 do uombat da illa King, hoxe extinto.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Xénero

O xénero Vombatus foi descrito por primeira vez en 1803 polo naturalista francés Étienne Geoffroy Saint-Hilaire, nun traballo publicado no Bull. Sci. Soc. Philom. Paris, 72: 185.[4]

Especie

En canto á súa única especie, Vombatus ursinus, descrbíraa en 1800 o botánico e zoólogo británico George Kearsley Shaw, en Gen. Zool. Syst. Nat. Hist., 01 (2, Mammalia): 504, co nome Didelphis ursina.[3]

Posteriormente reclasificouse dentro do xénero Vombatus.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Xénero

O nome científico do xénero, Vomabatus é a adptación ao latín científico do termo inglés wombat, que provén da lingua eora falada pola comunidade aborixe que vivía na rexión de Sydney.[9]

Especie

O epíteto específico, ursinus, deriva do latín ursus -i, 'oso'.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]
Xénero

Ademais de polo nome actualmente válido, o xénero tamén se coñece polos sinónimos seguintes:[4]

  • Amblotis Illiger, 1811
  • Opossum Perry, 1810
  • Phascolomis É. Saint-Hilaire, 1803
  • Phascolomus Rafinesque, 1815
  • Phascolomys Duméril, 1806
  • Wombatus Desmarest, 1804
Especie

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse ao longo da historia polos sinónimos:[3]

  • Vombatus angasii (Gray, 1863)
  • Vombatus assimilis (Krefft, 1872)
  • Vombatus bassii (Lesson, 1827)
  • Vombatus fossor (Desmarest, 1804)
  • Vombatus fuscus (Tiedemann, 1808)
  • Vombatus hirsutum (Perry, 1810)
  • Vombatus mitchelli (Owen, 1838)
  • Vombatus niger (Gould, 1863)
  • Vombatus platyrhinus (Owen, 1853)
  • Vombatus setosus (Gray, 1863)
  • Vombatus tasmaniensis (Spencer & Kershaw, 1910)
  • Vombatus vombatus (Leach, 1815)
  • Vombatus wombat (Voigt, 1802)

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Na especie Vombatus ursinus distínguense tres subespecies, aínda que a súa distinción é algo incerta:

  • V. u. hirsutus, que se encontra no Contienete australiano.[10]
  • V. u. tasmaniensis, que habita en Tasmania.[10] Es máis prequena que V. ursinus hirsutus.[11]
  • V. u. ursinus, a suebespecie nominal, que antigamente se encontraba en todas as illas do estreito de Bass, pero actualmente está confinada na illa de Flinders, ao norte de Tasmania.[10] A súa poboación estimábase en 4 000 individuos en 1996, e por iso figura como vulnerábel na lista da Environment Protection and Biodiversity Conservation Act 1999, e na Lista vermella da UICN.[12][13]
  1. 1,0 1,1 Taggart, D.; Martin, R. & Menkhorst, P. (2008): Vombatus ursinus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN Versión 2015-4. Consultada o 30-04-2016.
  2. uombat no Gran dicionario Século 21 galego/castelán castelán/galego. Vigo, Editorial Galaxia, 2006. ISBN 84-8288-906-0 / Edicións do Cumio, 2006. ISBN 84-8289-354-8.
  3. 3,0 3,1 3,2 Vombatus ursinus no MSW.
  4. 4,0 4,1 4,2 Vombatus no MSW,
  5. McIlroy, J. C. (2008): "Common Wombat, Vombatus ursinus". En: S. Van Dyck & R. Strahan, eds., The mammals of Australia. Third Edition, pp. 206-208. Sydney, Australia: Reed New Holland.
  6. 6,0 6,1 David W. MacDonald, ed. (1984): The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. ISBN 978-0-8719-6871-5, pp. 876–877.
  7. Humble, Gary (1 June 2006). "The Uncommon Wombat". Scribbly Gum. Australian Broadcasting Corporation. Consultado o 30 de abril de 2016. 
  8. Watson, A. "Vombatus ursinus". Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 30 de abril de 2016. 
  9. Butler, Susan (2009). The Dinkum Dictionary: The Origins of Australian Words. Text Publishing. p. 266. ISBN 1-921799-10-2. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Common Wombat". Department of Primary Industries, Parks, Water and Environment. Arquivado dende o orixinal o 09-11-2010. Consultado o 30-04-2016. 
  11. "Common Wombat". Wombania's Wombat Information Center. Consultado o 30-04-2016. 
  12. Vombatus ursinus ursinus — Common Wombat (Bass Strait)
  13. Australasian Marsupial & Monotreme Specialist Group (1996). "Vombatus ursinus ssp. ursinus". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 30-06-2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • McKenna, Malcolm C.; Bell, Susan K., eds. (1997). Classification of mammals – above the species level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 978-0-2311-1012-9.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder D. M. (editores) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-4.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Para o xénero

[editar | editar a fonte]

Para a especie

[editar | editar a fonte]