Saltar ao contido

Diprotodontes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diprotodontes
Rango fósil: oligoceno - actualidade

Ualabí áxil (Macropus agilis)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Marsupialia
Magnorde: Australidelphia
Superorde: Eometatheria
Orde: Diprotodontia
Owen, 1866
Subordes
Sinonimia
  • Phalangeriformes[1]

A dos diprotodontes (Diprotodontia) é unha orde de mamíferos marsupiais australidelfos[1] que, sen ser un dos máis ricos en canto a número de especies, si que é un dos máis rechamantes pola diversidade das que o integran. Desde os impoñentes canguros (Macropus sp.) aos diminutos falanxeros pigmeos (Cercartetus sp.) pasando polo coala (Phascolarctos cinereus), os falanxeros (Phalanger sp.) ou os petauros (Petaurus sp.), xa que a súa historia estivo marcada por unha extraordinaria capacidade de adaptación, dando como resultado unha diversidade morfolóxica como poucos outros grupos taxonómicos mostran.

A orde está composta por marsupiais con só dous dentes incisivos no maxilar inferior (ao que alude o seu nome).

Hoxe viven en Australasia, como mínimo, 53 especies de diprotodontes, desde as que non superan o talle dunha rata a grandes animais do tamaño dun home. Unhas, poboan o árido deserto central de Australia, e outras as selvas tropicais húmidas, pero todos son fitófagos, a excepción da rata almiscreira marsupial (Hypsiprymnodon moschatus), que tamén se alimenta de insectos.[2]

Recluídos na afastada Australia e illas próximas, tardaron longo tempo en ser coñecidos polos europeos. En 1629 o capitán neerlandés Francisco Pelsaert encallou co seu barco, o Batavia, nunha illa do litoral occidental de Australia. A el débese a primeira descrición dos canguros, dos que dixo: "atopamos nestas illas un gran número dunha especie de gatos que son moi estrañas criaturas; teñen aproximadamente o tamaño dunha lebre e a súa cabeza parece a dunha civeta; as súas patas anteriores son moi curtas..." Tratábase dun pequeno canguro chamado tammar (Wallabia eugenii), pero o relato do seu descubridor pasou practicamente inadvertido. Durante todo o século XVII, diversos exploradores fixeron mención de estraños gatos, cans, lebres ou cordeiros entrevistos nas terras do sur, pero houbo que esperar a outro accidente de navegación, máis de 150 anos despois do de Pelsaert, para que os canguros foran realmente descubertos polos naturalistas europeos. O Endeavour, baixo o mando do capitán Cook, arribou aos arrecifes de coral no nordeste de Australia en 1770, e a súa tripulación debeu de permanecer cerca de tres meses en terra. Cook escribiu entón acerca duns animais "que se moven correndo e saltando sobre as súas patas posteriores" e que "non se parecen en nada a ningún dos animais europeos que eu vin". Foi Cook que os denominou kangaroo, segundo a pouco clara denominación que lles daban os indíxenas, e o seu relato causou sensación.[3]

Características físicas

[editar | editar a fonte]

Existen dúas características comúns que definen as especies da orde, aínda que unha delas é compartida ademais con Peramelemorphia. Trátase da sindactilia, fenómeno consistente na fusión de dedos, e que no caso dos diprotodontes afecta ao 2º e 3º das extremidades posteriores, dándolles a estas un estraño aspecto como dun dedo deforme con dúas uñas.

A segunda é a que dá nome ao clado. Diprotodontia vén a significar con "dous dentes primeiros", e precisamente estes marsupiais posúen só dous incisivos no maxilar inferior.

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os restos fósiles de diprotodontes máis antigos coñecidos datan do oligoceno (hai entre 24 e 35 millóns de anos), aínda que os marsupiais xa existían nestas terras desde o cretáceo.

Das liñas filoxenéticas con especies vivas nos nosos tempos a máis antiga é a dos vombátidos, que representan unha aproximación ao que deberon ser os primeiros diprotodontes, caracterizada nas especies vivas por unha curta cola e o marsupio aberto caudalmente.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A orde foi descrita en 1866 polo biólogo, paleontólogo e anatomista comparativo inglés Richard Owen, na súa obra Anatomy of Vertebrates, publicada en Londres por Longmans, Green and Company.[5]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

o termo do Diprotodontia está formado polos elementos do latín científico di-, derivado do grego antigo δύο ‎dúo, 'dous'; proto-, tirado do grego antigo πρῶτος ‎prôtos, 'primeiro'; odon- do grego οδóντος ‎odóntos, xenitivo de ὀδούς ‎odoús, 'dente', e a desinencia -ia, indicando plural. Literalmente: 'os de dous dentes primeiros', e alusión a que estes marsupiais posúen só dous dentes incisivos no maxilar inferior.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Segundo o Sistema Integrado de Información Taxonómica (SIIT, ou ITIS nas súas siglas en inglés), a orde vomprende as subordes, superfamilias e familias seguintes:

Orde Diprotondontia Owen, 1866 [6]

A continuación móstranse dúas versións da clasificación taxonómica da orde, con pequenas diferenzas entre ambas. A primeira, baseada en McKenna e Bell (1997) é a publicada en The Taxonomicon e inclúe clados fósiles.[12][13]

   ---o Magnorde Syndactyli (Gill, 1871)
      |-o Orde Peramelemorphia (Kirsch, 1968)
      `-o Orde Diprotodontia Owen, 1866 
        |- Xénero Brachalletes De Vis, 1883 (†)
        |- Xénero Koalemus De Vis, 1889 (†)
        |- Xénero Sthenomerus De Vis, 1883 (†)
        |-o Familia Palorchestidae (Tate, 1948) (†)
        |-o Familia Tarsipedidae Gervais & Verreaux, 1842 
        |-o Familia Thylacoleonidae Gill, 1872 (†)
        |-o Familia Wynyardiidae Osgood, 1921 (†)
        |-o Superfamilia Phalangeroidea (Thomas, 1888)
        | |-o Familia Acrobatidae Aplin, 1987
        | |-o Familia Burramyidae Broom, 1898
        | |-o Familia Ektopodontidae Stirton et al., 1967 (†)
        | |-o Familia Macropodidae (Gray, 1821) 
        | |-o Familia Miralinidae Woodburne et al., 1987 (†)
        | |-o Familia Petauridae (Bonaparte, 1838)
        | |-o Familia Phalangeridae Thomas, 1888 
        | |-o Familia Phascolarctidae Owen, 1839  
        | `-o Familia Pilkipildridae Archer et al., 1987 (†)
        `-o Superfamilia Vombatoidea (Burnett, 1830)
          |-o Familia Diprotodontidae Gill, 1872 (†)
          |-o Familia Ilariidae Tedford & Woodburne, 1987 (†)
          `-o Familia Vombatidae Burnett, 1829

A segunda, máis recente, só inclúe clados con especies vivas e distribúe as familias en tres subordes en lugar de dúas superfamilias como a anterior.[14]

  ---o Orde Diprotodontia Owen, 1866 
     |-o Suborde Macropodiformes Ameghino, 1889
     | |-o Familia Hypsiprymnodontidae Collett, 1877
     | |-o Familia Macropodidae Gray, 1821
     | `-o Familia Potoroidae Gray, 1821
     |-o Suborde Phalangeriformes Szalay, 1982
     | |-o Superfamilia Petauroidea Bonaparte, 1838
     | | |-o Familia Acrobatidae Aplin, 1987
     | | |-o Familia Petauridae Bonaparte, 1838
     | | |-o Familia Pseudocheiridae Winge, 1893
     | | `-o Familia Tarsipedidae Gervais & Verreaux, 1842
     | `-o Superfamilia Phalangeroidea Thomas, 1888
     |   |-o Familia Burramyidae Broom, 1898
     |   `-o Familia Phalangeridae Thomas, 1888
     `-o Suborde Vombatiformes Burnett, 1830
       |-o Familia Phascolarctidae Owen, 1839
       `-o Familia Vombatidae Burnett, 1829

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Diprotodontia en MSW.
  2. Rodríguez de la Fuente (1970), p. 39.
  3. Rodríguez de la Fuente (1970), pp. 39-40.
  4. Grzimek, B. et al. (2003).
  5. Dispoñíbel en Google Books: Volume I, Fishes and Reptiles, Volume II, Birds and Mammals e Volume III, Mammals.
  6. Diprotodontia Owen, 1866 no ITIS.
  7. Macropodiformes Ameghino, 1889 no ITIS.
  8. Phalangeriformes Szalay in Archer (ed.), 1982 no ITIS.
  9. Petauroidea Bonaparte, 1838 no ITIS.
  10. Phalangeroidea Thomas, 1888 no ITID.
  11. Vombatiformes Burnett, 1830 no ITIS.
  12. Brands, S. J. (comp.) (2005): Systema Naturae 2000. The Taxonomicon Arquivado 25 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. Universal Taxonomic Services, Ámsterdam, Países Baixos.
  13. McKenna, M. C. et al.(1997)
  14. Wilson, D. E. & Reeder D. M., editores (2005): MSW.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grzimek, B., Schlager, N. & Olendorf, D (2003): Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale.
  • McKenna, M. C. & Bell, S. K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level New York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
  • Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Los canguros", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 9, Australia e islas, pp. 39–61. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  • Rowland, P. & Strahan, R., eds. (1995): The Mammals of Australia. Washington, DC: Smithsonian Institution Press.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas: Saunders College Publishing.
  • Vaughan, T. A.; J. M. Ryan & N. J. Czaplewski (2000): Mammalogy. Fourth Edition. Philadelphia, Pennsylvania: Saunders College Publishing.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., editores (2005): Diprotodontia en Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 2 vol. 3ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]