Ulrica Leonor de Suecia
Ulrica Leonor de Suecia (en sueco: Ulrika Eleonora), nada en Estocolmo o 23 de febreiro de 1688 e finada na mesma cidade o 24 de novembro de 1741, foi a raíña de Suecia dende o 30 de novembro de 1718 ao 29 de febreiro de 1720, e dende ese momento ata a súa morte, raíña consorte. Era tamén duquesa de Bremen e princesa de Verden (1718-1719) aínda que estes territorios estaban ocupados polos daneses dende 1712. Foi a filla máis nova do rei sueco Carlos XI e de Ulrica Leonor de Dinamarca. Contraeu matrimonio co príncipe Frederico de Hesse-Kassel o 24 de marzo de 1715, mais non tivo fillos.[1]
Por mor da morte do seu irmán Carlos XII o 30 de novembro de 1718, producíronse unha serie de discusións sobre a sucesión, as cales se resolveron no seu favor despois de que ela aceptase abolir a monarquía absoluta. O seu goberno foi débil, dependente da aristocracia e sobre todo do seu marido, circunstancia que a levou a depor a coroa tras pouco máis dun ano de reinado.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De princesa a rexente
[editar | editar a fonte]Ulrica Leonor naceu o 23 de xaneiro de 1688 no castelo de Estocolmo, filla do matrimonio de Carlos XI e Ulrica Leonor de Dinamarca. Foi chamada así en honra á súa nai. Durante a súa infancia foi relegada a un segundo plano, opacada pola súa irmá máis vella Eduvixes Sofía, quen tiña maiores calidades intelectuais.
Axiña que alcanzou a idade adulta tivo moitos pretendentes, entre os que se atopaba o príncipe Frederico, herdeiro de Hesse-Kassel. Este pediu a man da princesa dende 1710, cando Ulrica Leonor contaba con doce anos, mais o compromiso oficial non foi até o 23 de xaneiro de 1714. O matrimonio celebrouse o 24 de marzo de 1715.
Despois da morte da súa irmá Eduvixes Sofía en 1708, Ulrica Leonor era o único membro da familia real con maioría de idade, salvo a súa anciá avoa Eduvixes Leonor. Ao atoparse o seu irmán o rei Carlos XII de campaña no estranxeiro, a princesa comezou a inmiscirse nos asuntos políticos.
A finais de 1712 ou comezos de 1713 o rei considerou designar a Ulrica Leonor como rexente, pero nunca o levou a cabo. O consello real convenceu a princesa de asistir ás súas asembleas. En 1713, algúns membros do consello propuxeron que Ulrica Leonor fose nomeada vicerraíña en ausencia do rei e como a máis próxima herdeira da coroa. Ante o parlamento, a princesa mostrou aptitudes políticas e grande interese polos asuntos do Estado. A partir de entón, comezou a gobernar de facto como rexenta, e asinaba a maioría dos escritos do parlamento.
Raíña de Suecia
[editar | editar a fonte]O 5 de decembro de 1718, Ulrica Leonor desubriu a morte do seu irmán o rei, e deseguido, nunha asemblea do parlamento, foi elevada a raíña, por ser ela a máis próxima na sucesión real. O consello non estivo de acordo, e preferiu levar a cabo unha elección para decidir cal sería o próximo rei de Suecia. O rival de Ulrica Leonor foi o seu sobriño, o fillo de Eduvixes Sofía, Carlos Frederico de Holstein-Gottorp.[2] Ulrica Leonor contou coa aprobación do consello de guerra, grazas ás xestións que realizou o seu marido Frederico de Hesse. O consello logrou arrincar de Ulrica Leonor a renuncia aos seus dereitos hereditarios, de modo que se convertería nunha raíña electa e non por herdanza. Así a princesa renunciaba tamén ao absolutismo, pasando gran parte do seu poder á aristocracia. Foi elixida raíña o 23 de xaneiro de 1719 e a coroación levouse a cabo en Uppsala o 17 de marzo dese mesmo ano.
Aínda que non era brillante, como raíña Ulrica Leonor mostrou un carácter resolto, meticuloso e con sentido da xustiza; pero do mesmo xeito que o seu irmán, era obstinada e deixábase levar polas paixóns. Entrou en conflito co home máis destacado do consello, o chanceler Arvid Horn, quen tivo que deixar o seu posto. Tampouco puido pórse de acordo cos sucesores de Horn, o que motivou cambios sucesivos na chancelería, e efectos negativos na administración da guerra e as negociacións de paz.
Dende que foi electa como raíña, Ulrica Leonor pretendeu reinar de maneira conxunta co seu marido, o príncipe Frederico, de maneira similar ao reinado en Inglaterra de Guillerme III e María II, mais recibiu o rexeitamento da nobreza. Para entón, Frederico aumentara a súa influencia na raíña e nos asuntos do Estado e achegouse aos homes máis poderosos do reino, quen axiña consideraron un cambio no trono.
A raíña escribiu ao parlamento para pedirlle autorización de cogobernar con Frederico, proposta que foi rexeitada. Nunha nova carta, o 29 de febreiro de 1720, notificou o seu desexo de abdicar en favor do seu home, coa condición de que, en caso da morte deste, ela asumise novamente a súa dignidade de raíña reinante.[3] O 24 de marzo de 1720 Frederico de Hesse foi ascendido a rei e a partir de entón Ulrica Leonor foi a raíña consorte.
Raíña consorte
[editar | editar a fonte]Aínda que Ulrica Leonor demostrase interese polos asuntos públicos, despois da súa abdicación en 1720 afastouse por completo deles. Dedicou a súa vida á lectura e ás obras de beneficencia e a cultivar amizades, principalmente do seu mesmo xénero. Ocupouse brevemente do goberno en dúas ocasións: durante a viaxe ao estranxeiro que realizou Frederico en 1731 e cando este enfermou en 1738. Foi landgrave consorte de Hesse-Kassel dende 1730, pero nunca visitou ese país. O matrimonio nunca tivo fillos; o rei, en cambio, atopou unha amante na aristócrata Hedvig Taube, coa que procreou fillos ilexítimos.
Ulrica Leonor faleceu o 24 de novembro de 1741 en Estocolmo, vítima da varíola.
Devanceiros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Holst, Walfrid. Ulrika Eleonora d. y. Karl XII's syster Wahlström & Widstrand, Stockholm 1956
- ↑ Jacobson, Esther, Hedvig Taube: en bok om en svensk kunglig mätress, Wahlström & Widstrand, Stockholm, 1919
- ↑ Lundh-Eriksson, Nanna (Swedish): Den glömda drottningen. Karl XII:s syster. Ulrika Eleonora D.Y. och hennes tid (The Forgotten Queen. The Sister of Charles XII. The Age of Ulrika Eleonora the Younger) Affärstryckeriet, Norrtälje. (1976)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ulrica Leonor de Suecia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hofberg, Herman et al. (1906). Svenskt Biografiskt Handlexikon. Entry for Düben, Emerentia von. (en sueco)
- Nordisk familjebok. B. 30. Stockholm (1920) (en sueco)
- Tryggve Byström (1981). Svenska komedien 1737-1754. (Swedish Comedy 1737-1754) Borås: Centraltryckeriet AB. ISBN 91-1-813241-3 (en sueco)