Trindade (Masaccio)
A Trindade | |
---|---|
![]() | |
Artista | Masaccio |
Data | 1434 |
Técnica | pintura ao fresco |
Movemento | Quattrocento, Renacemento |
Dimensións | 670 cm × 317 cm |
A Trindade é un fresco realizado polo pintor italiano renacentista Masaccio. O seu título completo é a Sacra Trindade, coa Virxe, San Xoán e doantes , ou ben A Santa Trindade (en italiano, Santa Trinità). Está pintado nun dos muros laterais da igrexa de Santa María Novella de Florencia en Italia. É talvez a obra máis celebrada de Masaccio á parte dos frescos da Capela Brancacci. As opinións sobre a datación do fresco varían entre 1425 e 1428. As medidas aproximadas son 670 centímetros de altura por 317 cm. de anchura.
Foi redescuberto na súa totalidade en 1861, despois de terse escondido no século XVI por un retablo de Vasari e un altar de pedra. Está considerada unha das obras fundamentais da pintura na Idade Moderna.[1]
Os críticos do século XIX viron nela unha revelación dos principios de Brunelleschi en arquitectura e o uso da perspectiva, até o punto de que algúns creron que Brunelleschi intervira directamente no deseño da obra (fose directamente así ou non, pénsase que Brunelleschi polo menos ensinoulle conceptos e técnicas de perspectiva a Masaccio).
Cando se executou, a arquitectura renacentista non proporcionara aínda ningunha bóveda de canón.[2] A obra lembra ás primeiras obras da arquitectura do Prerrenacemento como San Lorenzo de Brunelleschi e o tabernáculo de San Luís na igrexa de Orsanmichele.[3]
Descrición[editar | editar a fonte]
A pintura representa o dogma da Trindade, no marco dunha capela inspirada en arcos triunfais romanos, con bóveda de medio canón dividida en artesoados e sostida por columnas xónicas, flanqueada á súa vez por pilastras que sosteñen un entaboamento .
A Trindade destaca pola súa inspiración, tomada dos antigos arcos de triunfo romanos e a súa estrita adhesión aos descubrimentos recentes en termos de perspectiva, cun punto de fuga a nivel do espectador, de xeito que, como describe Vasari:[4] «O que é fermoso, ademais das figuras, é unha bóveda de canón debuxada en perspectiva e dividida en cadrados cheos de rosetas que diminúen e se reducen tan ben que parece que a parede está perforada ». Con este fresco, Masaccio consegue a perfección no uso da perspectiva cónica central, dun punto de fuga.[5] O uso da perspectiva dese xeito xera unha composición en trompe l'oeil con figuras e espazo representados a tamaño natural. O fresco tivo un efecto transformador en xeracións de pintores florentinos e artistas visitantes.[6]
Os doadores representan outra importante novidade, que ocupa o propio espazo do espectador, fronte ao plano da pintura, que está representado polas columnas xónicas e as pilastras das que parece saír a falsa bóveda. A súa postura é tradicional para os doantes: orar, pero a tamaño natural, e a atención ao realismo e ao volume é considerable.
Debaixo deles, e funcionando como base da composición, hai un altar de mármore baixo o que se ve un esqueleto xacente. Unha vista detallada do esqueleto no sarcófago tamén revela a vella advertencia, con letras claras: IO FU GIÀ QUEL CHE VOI SETE: E QUEL CHI SON VOI ANCOR SARETE (en galego, EU ERA O QUE SODES, E O QUE EU SON, TI SERÁS).
A interpretación máis común da Trindade é que a pintura vincula á tradicional conexión medieval da capela co Calvario, Κρανιου Τοπος (Kraniou Topos, en grego) ou Gólgota en arameo, que significan cranio. A tumba no fondo pode ser dos doantes ou de Adán. Tamén pode significar a viaxe que o espírito humano debe facer para acadar a salvación, elevándose sobre a vida terrestre e o corpo corruptible a través da oración (os dous doantes) e a intercesión da Virxe e San Xoán Evanxelista perante a Trindade.
A pintura pódese ler nunha dirección vertical ascendente, como a ascensión cara á salvación eterna, desde o esqueleto (símbolo da morte) até a vida eterna (Deus Pai), pasando pola oración (doadores), a intercesión dos santos (Santo Xoán e a Virxe), e redención (Cristo crucificado).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Walther 2005, p. 93
- ↑ Siegfried Giedion, en Espacio, tiempo y arquitectura, señala que las primeras serían las bóvedas interior y exterior de Leon Battista Alberti en Sant'Andrea, Mantua, que comenzó casi cinco décadas después de la prematura muerte de Masaccio.
- ↑ Walther, I.F. (dir.), op. cit.
- ↑ Le vite..., 1568: «Quello che vi è bellissimo, oltre alle figure, è una volta a mezza botte tirata in prospettiva, e spartita in quadri pieni di rosoni che diminuiscono e scortano così bene che pare che sia bucato quel muro».
- ↑ Carrassat, P.F.R., Maestros de la pintura, Spes Editorial, S.L., 2005. ISBN 84-8332-597-7
- ↑ Walther, I.F. (dir.), op. cit.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trindade |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Fride-Carrassat, Patricia (2005). Maestros de la pintura. Colección: Reconocer el arte. Barcelona: Spes Editorial. ISBN 9788483325971.
- Goffen, Rona. Masaccio's 'Trinity (serie "Masterpieces of Western Painting")
- Spike, John T. (2002). Masaccio (en italiano). Milán: Rizzoli libri illustrati. ISBN 88-7423-007-9.
- Walther, I.F. (dir.) (2005). Los maestros de la pintura occidental, (en castelán) I. Colonia: Taschen. ISBN 3-8228-4744-5.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- HumanitiesWeb: Trinidad de Masaccio Arquivado 26 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en inglés)