Token Sou Bouquet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Token sou bouquet [1]
· Data: 1835-1838.

· Territorio: provincia do Baixo Canadá.

· Valor: un soldo (sou) = ½ penique.

· Cecas: Ceca de Soho, Belleville, Montreal.

· Metal: cobre.

· Diámetro: 27 mm.

· Peso: 7,6 g a 8,1 g.

· Canto: liso.

Os tokens Sou Bouquet son unha serie de moedas de cobre emitidas por bancos privados principalmente para o seu uso na provincia do Baixo Canadá a mediados e a finais da década de 1830, co valor dun soldo (sou) ou medio penique.

A serie recibe este nome por mor do ramo de flores (bouquet en francés) atadas cunha cinta que caracteriza os anversos destas moedas.

Hai un gran número de variantes destes tokens, que se diferencian fundamentalmente polo número e polo tipo das flores do ramo, así como polas inscricións de ambas as faces das moedas.

Inicialmente foron emitidas polos bancos do Baixo Canadá, mais posteriormente foron imitadas por especuladores, aínda que cun peso inferior ao regulamentario. Conforme os achados arqueolóxicos, tamén tiveron circulación no Alto Canadá.[2]

A súa produción consistiu en tiraxes moi amplas, polo que son moi comúns no ámbito do coleccionismo numismático. Os seus prezos son accesibles e só algunhas variantes máis escasas poden alcanzar prezos significativamente altos.[3]

Caracterización[editar | editar a fonte]

Anversos[editar | editar a fonte]

O ramo de flores dos anversos aparece rodeado por diferentes posibilidades de lendas, aínda que as máis frecuentes son TRADE & AGRICULTURE / LOWER CANADA ou AGRICULTURE & COMMERCE / BAS CANADA, ou similares, e nalgúns casos poden incluír tamén unha alusión ao banco emisor.[1]

Reversos[editar | editar a fonte]

O motivo central común dos reversos é a mención ao valor facial da moeda, seguindo o sistema tradicional francés, UN SOU, rodeada por unha coroa de loureiro e as palabras BANK TOKEN e MONTREAL.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira emisión (1835)[editar | editar a fonte]

Exemplar da primeira emisión do token Sou Bouquet (Breton 713, LC-2), emitido en 1835, coa expresión errónea do valor: UN SOUS.[4]

A principios do século XIX, tanto no Baixo Canadá como no Alto Canadá había unha grande escaseza de moeda circulante, o que obrigaba os comerciantes a un esforzo por utilizaren as moedas procedentes doutros países, como Inglaterra, os Estados Unidos ou México.[5]

Para remediar esta situación, o Banco de Montreal emitiu en xullo 1835 a primeira destas moedas comerciais (tokens) que se deu en coñecer como "Sou Bouquet"; o seu valor facial era dun soldo (sou) ou medio penique.[6] A ceca onde se produciu esta primeira emisión foi a Soho Mint, de Watt e Boulton, en Birmingham, Inglaterra. Este primeiro token da serie amosaba no anverso un deseño floral composto por trevos, rosas, cardos e espigas de trigo, rodeado pola inscrición TRADE & COMMERCE / LOWER CANADA, e o reverso está ocupado polo valor facial, UN SOUS, rodeado por unha coroa de loureiro e a lenda BANK TOKEN MONTREAL.[4][7]

As flores e as follas utilizadas para o anverso simbolizaban os pobos de proveniencia dos inmigrantes no Baixo Canadá: o trevo de Irlanda, a rosa de Inglaterra e os cardos de Escocia, e o trigo como o cultivo básico do Quebec. A inscrición alusiva ao valor facial do reverso era errónea, xa que debería ser UN SOU, no canto de UN SOUS, polo que se supón que o autor dos cuños era un gravador que non dominaba o francés. O seguinte lote de tokens emitidos polo Banco de Montreal incluía xa o propio nome do banco, BANK OF MONTRÉAL TOKEN, en lugar da inscrición BANK TOKEN MONTREAL.[8] Suponse que na primeira emisión non aparecía polo feito de que o banco carecía daquela do permiso oficial do Goberno provincial para a emisión de moeda, que chegou o ano seguinte.[4][9]

A serie Belleville[editar | editar a fonte]

Mentres que os bancos de Montreal emitían os tokens do Sou Bouquet co peso correcto para o seu valor, houbo especuladores que comezaron a importar exemplares cun deseño similar pero cun peso lixeiramente inferior, co que se beneficiaban coa diferenza entre o valor facial e o custo de fabricación das moedas. O axente de troco Dexter Chapin importou para o Baixo Canadá unha gran cantidade destas moedas que foran cuñadas nunha ceca privada de Belleville, en Nova Jersey, e gravadas polo gravador desta ceca, John Gibbs.[10]

O "sou da Rebelión"[editar | editar a fonte]

O 23 e o 24 de outubro de 1837 tivo lugar en Saint-Charles a Asemblea dos Seis Condados (Assemblée des six-comtés). Tratábase dunha asemblea de líderes patriotas e arredor de 6.000 dos seus seguidores, en protesta polas chamadas Resolucións Russell. Este foi o preludio da Rebelión do Baixo Canadá de 1837. Nesta asemblea propúxose un boicot a todos os bens producidos en Inglaterra, así como ao uso da moeda británica.[11] Como resultado, o Sou Bouquet gañou moito en popularidade na provincia e pasou a ser coñecido como "o sou dos patriotas".[12]

Espécime do token Sou Bouquet da Rebelión (1837) (Breton 716, LC-4), coa estrela e o barrete da liberdade no seu deseño.[13]

En 1837 elaborouse un novo cuño para a cuñaxe dun novo reverso co ramo de flores rodeado pola lenda BANQUE DU PEUPLE / MONTREAL, en alusión ao banco emisor.[14] Esta remodelación do reverso orixinario, obra do gravador Joseph Arnault,[15] inclúe ademais dous símbolos que aluden á liberdade: un barrete frixio á dereita e unha estrela á esquerda. A estrela era, por outra banda, un motivo habitual das cuñaxes dos Estados Unidos naquela época, o que probablemente implicase unha chamada á aproximación entre ambos os territorios, en tanto que o gorro frixio apelaba á liberdade con respecto ao dominio británico.[16] Consonte algúns autores, estes símbolos foron introducidos por algún empregado do banco emisor que era membro da Sociedade de Fillos da Liberdade, unha facción militante da Asemblea dos Seis Condados,[14] ou tamén por alguén do banco que simpatizaba coa súa causa. Todos os directores do Banco do Pobo foron sospeitosos de seren rebeldes e, posteriormente, emitíronse contra eles ordes de arresto.[17]

Nos Arquivos Nacionais do Canadá achouse un manuscrito do que se afirma que esta moeda foi posta en circulación en Saint-Charles o primeiro día da Asemblea dos Seis Condados.[18] Como ese ano foi tamén o da Rebelión do Baixo Canadá, comezou a chamárselle "soldo da Rebelión".[14]

A serie de Birmingham[editar | editar a fonte]

Á medida que a popularidade do token Sou Bouquet ía crecendo no Baixo Canadá, comezaron a xurdir especuladores anónimos que importaron pezas similares cuñadas en Birmingham, Inglaterra, na mesma ceca de Soho de onde procedía a emisión orixinaria para o Banco de Montreal.[19] Estas novas tiraxes adoitan amosar a lenda BAS CANADA, aínda que tamén é frecuente que se utilice o seu equivalente en inglés, LOWER CANADA.[20]

Emisións de Montreal[editar | editar a fonte]

Como a demanda dos tokens Sou Bouquet seguiu crecendo, cuñáronse tamén outras variedades no propio Montreal. Estas novas emisións eran moi variables canto á calidade da cuñaxe e tamén no relativo ao seu peso e o seu tamaño.[21] Todas as inscricións das emisións de Montreal están escritas en francés.[22]

Final e substitución[editar | editar a fonte]

As numerosoas versións non oficiais en circulación, moitas delas por baixo do peso normativo, levaron o token Sou Bouquet a un punto crítico, ata tal punto que os bancos do Baixo Canadá deixaron de o aceptar.[12] Na súa substitución, os bancos de Montreal comezaron a emitir peniques e medios peniques coñecidos como tokens do habitante, en alusión ao motivo principal do seu deseño.[23] Unha normativa promulgada en xuño de 1838 declarou que a única moeda de curso legal que se aceptaría no Baixo Canadá sería a moeda de cobre emitida polo Reino Unido, ademais dos centavos estadounidenses e os novos tokens do habitante, emitidos polos bancos. Conforme se ían devolvendo aos bancos os tokens Sou Bouquet que quedaban en circulación, íanse trocando pola nova moeda. Daquela, os tokens Sous Bouquet atoparon unha nova vida no Alto Canadá, a onde foron enviados, xa que as novas ordenanzas non eran aplicables naquel territorio.[10]

Estudo numismático[editar | editar a fonte]

Esta serie de moedas foi descrita por primeira vez na literatura numismática polo primeiro numismático canadense relevante, R. W. McLachlan, no seu libro Canadian Numismatics, publicado en 1886.[24] Baixo o nome de serie "un sou", foi o primeiro en facer unha descrición exhaustiva dos seus antecedentes e as súas características, e de achegar datos sobre a súa fabricación, cando se coñecían. McLachland describiu máis de 40 variantes destes tokens, organizadas en nove grupos principais ordenados pola similitude do seu deseño e por quen se pensaba que fora o seu creador. Sinalou as diferenzas clave no tipo e no número das flores heráldicas utilizadas nos reversos, así como nas diferenzas nas lendas e na forma da fita que ataba o característico ramo.[25]

A denominación de "Sou Bouquet" á hora de describir estes tokens débeselle ao numismático canadense Pierre-Napoléon Breton, que representou debuxos de moitas das variantes no seu libro Illustrated History of Coins and Tokens Relating to Canada, publicado orixinariamente en 1890.[26] No sistema de numeración de Breton, estes tokens abranguen do número 670 ao 716,[27] cun total de 46 variantes principais. Breton seguiu máis ou menos a orde que anteriormente establecera McLachlan no seu catálogo, o que fixo que moitos tokens producidos máis tarde aparecesen antes no seu sistema de numeración, e as que se produciron primeiro aparezan ao final. As ilustracións de Breton son moi detalladas e algunhas publicacións modernas seguen a utilizalas, no canto de utilizaren fotografías feitas ad hoc, para axudar aos coleccionistas a distinguir entre as numerosas variantes.[28][29] Breton clasificou os tokens Sou Bouquet en función do número de follas que contiña a coroa do anverso.[10]

Espécimes cuñados sobre pezas anteriores[editar | editar a fonte]

McLachlan mencionou tamén que tiña coñecemento de tokens Sou Bouquet que foran cuñadas sobre diferentes tipos de moedas correspondentes a emisións anteriores, entre elas moedas de latón coas imaxes do busto no anverso e a arpa no reverso, e tamén sobre os coñecidos como tokens de Tiffins. Estudos máis recentes descubriron tamén outras variantes descoñecidas para os numismáticos do século XIX, entre as que se inclúe polo menos unha emisión cuñada sobre moedas anteriores.[22]

O numismático R. C. Willey describiu outros tipos de tokens anteriores que quedaran "obsoletos cando os bancos xa non os aceptaban máis que polo seu peso". Willey clasificou outros exemplares de tokens Sou Bouquet que foran recuñados sobre tokens de Brock, sobre tokens da serie de "barcos, colonias e comercio" e outros.[30]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Lower Canada. 1 sou / ½ penny". Numista.com
  2. Kleeberg, J. M. (2009). Páxina 165.
  3. Bell, G. (2016). Páxina 366.
  4. 4,0 4,1 4,2 "1 Sous Bank of Montreal - "Bank TOKEN"". Numista.com
  5. Denison, M. (1966). Páxinas 443-444.
  6. Faulkner, C. (2017). Páxina 366.
  7. Grawey, T. (2018). Páxina 15.
  8. "1 Sous Bank of Montreal - "Bank of Montréal" - "TOKEN"". Numista.com
  9. Cross, W. K. (2012). Páxina 90.
  10. 10,0 10,1 10,2 Willey, R. C. (2011). Páxina 128.
  11. Courteau, E. (1908). Páxinas 3-4.
  12. 12,0 12,1 Cross, W. K. (2012). Páxina 113.
  13. "1 Sou Banque du Peuple - Sou of the Rebellion". Numista.com
  14. 14,0 14,1 14,2 Courteau, E. (1908). Páxina 10.
  15. Courteau, E. (1908). Páxina 3.
  16. McLachlan, R. W. (1886). Páxina 13.
  17. Cross, W. K. (2012). Páxina 94.
  18. Willey, R. C. (2011). Páxina 125.
  19. Cross, W. K. (2012). Páxina 128.
  20. Cross, W. K. (2012). Páxinas 128-132.
  21. Cross, W. K. (2012). Páxina 133.
  22. 22,0 22,1 Willey, R. C. (2011). Páxina 134.
  23. Cross, W. K. (2012). Páxina 97.
  24. McLachlan, R. W. (1886).
  25. McLachlan, R. W. (1886). Páxinas 14-26.
  26. Breton, P. N. (1894). Páxina 5.
  27. Breton, P. N. (1894). Páxinas 98-112.
  28. Cross, W. K. (2012). Páxinas 113-136.
  29. Stanley, W. J. (Bill) (2018). Páxinas 17-22.
  30. Grawey, T. (2016). Páxina 8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]