Token do habitante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Token do habitante [1]
R/: Armas da cidade de Montreal coa inscrición CONCORDIA SALUS e BANQUE DU PEUPLE. No exterior, lenda: BANK TOKEN / 1837 / HALF PENNY A/: Habitante quebequés en pé coa vestiventa tradicional de inverno. Lenda: PROVINCE DU BAS CANADA / UN SOU
· Data: 1937.

· Territorio: provincia do Baixo Canadá.

· Deseño: James Duncan (a figura do "habitante").

· Ceca: Ceca de Soho, Birmingham.

· Metal: cobre.

· Diámetro: 28,2 mm.

· Peso: 9,5 g.

· Canto: liso.

Os tokens do habitante[2] son unha serie de moedas emitidas en 1837 polos principais bancos comerciais da cidade de Montreal para a súa circulación na provincia do Baixo Canadá, no período colonial británico.

Esta moeda, caracterizada pola representación dun habitante típico quebequés con roupa de inverno no seu anverso, foi cuñada en cobre cos valores de medio penique ou un soldo, e dun penique ou dous soldos.

Os achados e a documentación testemuñan que estas moedas continuaban en circulación seis décadas despois da súa emisión[3] e que tamén tiveron uso no Alto Canadá.[4] Os numismáticos considéranas emisións oficiais, dado que, malia teren unha orixe privada, foron autorizadas polo Goberno colonial.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1837, o Bank of Montreal solicitou permiso ao Goberno británico para a importación de moedas de necesidade (tokens) de cobre por valor de 5.000 libras esterlinas. As autoridades atenderon positivamente esta solicitude, coa condición de que os demais bancos comerciais de Montreal tamén participasen na operación.[6]

Os bancos da cidade estiveron de acordo e contactaron coa Ceca de Soho, en Birmingham, dirixida por Boulton e Watt, para realizar un pedido de moedas de cobre con idéntico deseño mais coa expresión do nome do banco emisor gravada nunha cinta do escudo da cidade, nos seus reversos. O Bank of Montreal[7] pagou 2.000 libras pola produción destes tokens, en tanto que aos outros tres bancos —o City Bank,[8] o Quebec Bank[9] e a Banque du Peuple[10]— lles corresponderon 1.000 libras a cada un. As 5.000 libras totais supuñan o custo total da produción destas pezas con valores faciais en peniques e en medios peniques, por un valor total de 7.000 libras, consonte o padrón utilizado en Halifax, que era o utilizado no Baixo Canadá naquela época. A partir destes datos, estímase que se produciron arredor de 1,8 millóns de pezas de medio penique e algo máis de 900.000 dun penique.[11]

O pedido chegou ao Baixo Canadá en catro lotes en datas diferentes, que comezaron a finais de maio de 1838 e remataron a finais de 1839. Aínda que en principio deberían estar cuñadas con cinco sextas partes do peso das moedas de cobre británicas, producíronse co seu peso completo, o que as facía máis atractivas que aquelas ás que debían substituír —coñecidas como bouquet sous ("soldos do ramo")— e máis próximas ao valor real en cobre.[11]

Estas moedas de necesidade mantivéronse en circulación moito tempo despois da súa emisión orixinal. A elas faise alusión nunha Orde do Consello do Ministro de Finanzas de agosto de 1870:[12]

[...] os centavos de bronce e as moedas de cobre do reino Unido son as únicas de curso legal, a principal moeda de cobre consiste en tokens bancarios do Bank of Montreal, do Bank of Upper Canada, do Quebec Bank e da Banque du Peuple, todos eles de boa calidade e autorizados pola lei. Estas moedas circulan só cos valores de medio penique e dun penique, en tanto que os selos postais e outros están en centavos. Cómpre establecer unha moeda de cobre uniforme e, logo de moitas consideracións, se o Goberno instruíse os seus departamentos para recibir os tokens dos bancos por un e dous centavos, respectivamente, a poboación faría o mesmo e, por este medio, unha gran parte dos inconvenientes sería eliminada.

O ano seguinte (1871), recibiu a aprobación real a Lei da Moeda Uniforme (Uniform Currency Act), que fixaba os valores faciais da moeda canadense de xeito oficial, baseándose non dólar de carácter decimal como unidade monetaria.[13]

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

Detalle do "habitante" nun billete dun dólar da Banque Canadienne de 1936.[14]

O autor do deseño do habitante que caracteriza o anverso destas moedas é James Duncan[15]. Este motivo fora xa utilizado orixinariamente para o reverso do billete dun dólar emitido pola Banque Canadienne, gravado pola compañía Rawdon, Wright and Hatch, de Nova York.[11][14] A imaxe representa un habitante quebequés coa vestimenta tradicional de inverno, composta por un gorro, un abrigo con carapucha, unha faixa tradicional do Quebec e uns mocasíns.[16] O habitante porta na súa man dereita un látego.[11]

Por baixo del, no exergo, amósase a inscrición PROVINCE DU BAS CANADA" e o valor facial na súa versión francesa: UN SOU ("un soldo") ou DEUX SOUS ("dous soldos"), segundo a moeda.[7]

No seu tempo, a poboación coñeceu tamén esta moeda co alcume de "Papineau", en alusión a Louis-Joseph Papineau (1786-1871), un dos líderes do movemento patriótico antes da rebelión do Baixo Canadá contra o Goberno colonial (1837-1838), coñecido por levar esa roupa case a modo de uniforme.[17] No entanto, cómpre considerar que se trata só dunha coincidencia, xa que sería pouco probable que os bancos establecidos en Montreal optasen pola figura dun líder revolucionario para caracterizar as súas emisións. A este respecto, un numismático considerou que "tal conexión é puramente sentimental".[16]

Reverso[editar | editar a fonte]

Escudo de armas de Montreal. Baixorrelevo en madeira de mediados do século XIX. Museo Château Ramezay (SANM).

O reverso reproduce o deseño orixinal do escudo de armas da cidade de Montreal, tal e como foi deseñado polo alcalde Jacques Viger e o seu Consello Municipal en 1833. Trátase dunha gran cruz de Santo André que divide o escudo en catro segmentos, en cada un dos cales se insire un símbolo heráldico que representa diversas poboacións de colonos: na parte superior, a rosa de Inglaterra, á esquerda o cardo de Escocia, á dereita un trevo de Irlanda e na parte inferior o castor de Francia. O lema que rodea o escudo é a frase latina CONCORDIA SALUS ("salvación mediante a concordia").[18] Na base do escudo aparece unha cinta na que se menciona o nome do banco emisor.[5] [7]

Por riba do conxunto do escudo aparece a inscrición BANK TOKEN. Na parte inferior, o valor facial na súa versión inglesa, HALF PENNY ou ONE PENNY, segundo a moeda, ademais da data de emisión: 1837.[7]

Estudo numismático[editar | editar a fonte]

O numismático canadense Pierre-Napoléon Breton ilustra as variedades dos tokens do habitante de medio penique e dun penique nun estudo monográfico publicado por primeira vez en 1890.[19] Malia existiren catro variedades principais de cada unha destas moedas —con mención a cada un dos catro bancos emisores—, Bretón asignoulle o número 521 a todas as moedas dun penique e o 522 a todas as de medio penique. Algúns catálogos posteriores, como o de W. J. (Boll) Stanley, engaden unha subdivisión con letras á numeración inicial de bretón —por exemplo: 521, 521a, 521b, 521c—, para catalogar as emisións de cada un dos bancos.[20]

O primeiro estudo verdadeiramente detallado desta serie, tendo en conta as súas variantes, foi o titulado The Habitant Tokens of Lower Canada (Province of Quebec), obra do numismático canadense Eugene Courteau e publicado en 1927. Courteau xa fixera unha aproximación a estas moedas nun primeiro traballo de 1919 sobre as moedas de cobre do Banco de Montreal.[21] No catálogo de 1927 agrúpanse as variedades do medio penique en función de se a serifa dereita da letra "V" de "PROVINCE" está ao mesmo nivel que a da seguinte letra ou se está máis baixa.[22] Canto aos peniques, Courteau agrupounos en dous conxuntos, en función de se a parcela na que o habitante está en pé é máis grande ou máis pequena. Un segundo subgrupo baséase na aparición ou non dun punto despois da palabra CANADA.[23] Courteau describe máis de 60 variedades da moeda de medio penique e máis de 50 da dun penique. No entanto, os catálogos máis modernos adoitan ser máis conservadores á hora de recoñecer as variedades.[24]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "½ Penny / 1 Sou People's Bank". Numista.com
  2. No Canadá coñécese co galicismo habitants os colonos de orixe francesa que se dedicaban á agricultura nas beiras do río San Lourenzo, na actual Quebec. Véxase "The 'habitants'", Virtual Museum of New France.
  3. Faulkner, C. (2017). Páxina 87.
  4. Kleeberg, J. M. (2009). Páxinas 165-166.
  5. 5,0 5,1 Grawey, T. (2019). Páxina 12.
  6. Cross, W. K. (2012). Páxina 97.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Bank of Montreal": ½ penique e 1 penique. Numista.com
  8. "City Bank": ½ penique e 1 penique. Numista.com
  9. "Quebec Bank": ½ penique e 1 penique. Numista.com
  10. "Banque du Peuple": ½ penique e 1 penique. Numista.com
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Willey, R. C. (2011). Páxina 136.
  12. "Copper Coinage - [Minister of] Finance [recommended] that Banks Tokens be received at 1 and 2 cents respectively in order to establish an uniform rate [...]". Orders-in-Council. Library and Archives Canada. 30 de agosto de 1870.
  13. "Chronology of Canadian Coins". https://coinhistory.info/canada
  14. 14,0 14,1 "Canada, Banque Canadienne, 1 dollar: August 23, 1836". Bank of Canada Museum.
  15. Bell, G. (2015). Páxina 6.
  16. 16,0 16,1 Courteau, E. (1927). Páxina 1.
  17. Banning, E. B. (1988). Páxina 18.
  18. "Public Register of Arms, Flags and Badges of Canada". Governor General of Canada.
  19. Na bibliografía deste artigo cítase a edición de 1894, accesible en liña.
  20. Stanley, W. J. (Bill) (2018). Páxina 4.
  21. "The "Habitant" tokens". En Courteau, E. (1919). Páxinas 4-8.
  22. Courteau, E. (1927). Páxina 2.
  23. Courteau, E. (1927). Páxina 14.
  24. Cross, W. K. (2012). Páxinas 97-102.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]