Saltar ao contido

Todo é silencio (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Todo é silencio
 Instancia de
Características
 Forma artística
 Obra derivada
 Lingua
Implicados
 Autor/a
Datas
 Data de publicación
outubro de 2010 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Fontes e ligazóns
Open LibraryOL24303502W Editar o valor en Wikidata
Wikidata

Todo é silencio é unha novela de Manuel Rivas. Foi publicado por Edicións Xerais en outubro de 2010, cunha primeira edición de 12.000 exemplares.[1] Levou o premio de narrativa da AELG en 2011. En 2011 fíxose unha adaptación cinematográfica, dirixida por José Luis Cuerda con guión de Gerardo Herrero e coa participación de Quim Gutiérrez, Ángel Silvestre e Celia Freijeiro[2], co título homónimo de Todo é silencio.

A novela divídese en dúas partes: "O silencio amigo" (capítulos I a XVI) e "O silencio mudo" (XVII a XLV).

Mariscal é un contrabandista da vila atlántica de Brétema.[3] Os seus pais comezaron co contrabando de volframio durante a segunda guerra mundial; logo de estudar no seminario, pasouse ao tabaco rubio de batea, e tras contactar cos clans colombianos, ao narcotráfico. Aos poucos, vai tecendo unha rede de control social, económico e institucional. A vida na vila aparece marcada pola economía somerxida, e o destino dos seus habitantes pola sombra da corrupción e o poder.

Fins, Brinco e Leda son tres rapaces de Brétema. Fins queda orfo ao morrer seu pai pescando con dinamita, e marcha a estudar a Cádiz. Brinco e Leda casan e teñen un fillo, e únense ao clan de Mariscal. Co tempo, Fins (que xa desde pequeno sofre epilepsia) regresa á vila como inspector da Garda Civil, encargado de loitar contra o narcotráfico. Brinco, que chega a rexentar un club de alterne, pensa en matalo.

O clan vai medrando, e os seus membros medran na súa posición social e económica. Porén, mentres algúns levan o aumento da súa riqueza con sobriedade, outros fachendean en exceso, mostrándose con vehículos, vivendas e traxes opulentos. Mariscal postúlase como candidato á alcaldía de Brétema, e Brinco chega a presidir o club de fútbol da vila.

Descóbrense varios gardas civís corruptos (desde axentes a oficiais) e varios narcos traidores (incluída a muller de Mariscal). Logo de que un home do clan de Mariscal, enganchado á heroína, non pague unha débeda aos colombianos encargados da subministración da droga, iníciase unha batalla entre clans, que dá lugar á morte de varias persoas.

Leda cita a Fins na vella escola. Alí aparece Brinco, e iníciase un tiroteo, no que este resulta morto.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
  • Tomás Brancana, Mariscal
  • Guadalupe Melga (muller de Mariscal)
  • Víctor Rumbo, Brinco
  • Quique Rumbo (pai de Brinco; barman do Ultramar)
  • Sira (nai de Brinco)
  • Leda Hortas Nove Lúas (muller de Brinco)
  • Antonio Hortas e Adela (pai e nai de Leda)
  • Santiago Rumbo Hortas (fillo de Leda e Brinco)
  • Macro Gamboa
  • Tito Balboa Chelín
  • Óscar Mendoza (avogado)
  • Delmiro Oliveira (portugués)
  • Tonino Montiglio (siciliano)
  • Pablo Escobar (colombiano)
  • Félix Fins Malpica (inspector da Garda Civil)
  • Lucho Malpica e Amparo Saavedra (pai e nai de Fins)
  • Mara Doval (subinspectora)
  • Basilio Barbeito, O Desterrado ou O Coxo (mestre)
  • Carburo (gardacostas)

Narración

[editar | editar a fonte]

A narración segue a liña das anteriores novelas do autor. Está narrada en terceira persoa cun narrador omnisciente, e inclúe abondosas descricións. Parte da historia está baseada en feitos e personaxes reais, relacionados cos clans do contrabando e narcotráfico existentes no Salnés e o Barbanza, vencellados á súa vez con clans estranxeiros. Así mesmo, teñen bos contactos coa igrexa e coa xustiza.

Brétema é unha vila costeira, e preto dela aparecen numerosas praias, cabos e penedos. Moitos dos personaxes saben ben navegar, ben mariscar. Cara ao interior, son numerosos os outeiros desde os que se vixía a ría coñecidos polos personaxes.

Hai viaxes ao Baixo Miño, e tamén se fala de cidades de América, como Medellín.

A trama comeza a mediados da década de 1960 (menciónase que Cassius Clay pasa a facerse chamar Muhammad Ali tras negarse a loitar na guerra de Vietnam). A segunda parte comeza uns 20 anos despois, a mediados da década de 1980. Co paso do tempo vanse vendo as melloras tecnolóxicas usadas polos clans para comunicarse e para transportar a droga.

Hai numerosas analepses, nas que se fala dos inicios no mundo do contrabando durante a posguerra.

Traducións

[editar | editar a fonte]
  • Ao castelán por María Dolores Torres París co título de Todo es silencio publicado en 2011 por Editorial Alfaguara, Col. Punto de lectura[4].
  • Ao inglés por Jonathan Dunne co título de All Is Silence publicado en 2013 por Harvill Secker[5].
  • Ao francés por Serge Mestre co título de Tout est silence publicado en 2014 por Gallimard.[6]
  1. ↑ "Rivas bate unha marca histórica en Xerais con ‘Todo é silencio’" Arquivado 12 de outubro de 2010 en Wayback Machine., artigo en Xornal de Galicia, 13 de outubro de 2010.
  2. ↑ "Os actores de José Luis Cuerda agradécenlle a Manuel Rivas que crease os personaxes de «Todo é silencio»" Arquivado 03 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., artigo no blog de Edicións Xerais, 29 de setembro de 2011.
  3. ↑ Debido a certa polémica pola coincidencia do topónimo Brétema co usado en varios libros por Marina Mayoral, Rivas decidiu cambiar o nome da vila polo de Noitía nas seguintes edicións. ´Todo es silencio´ se queda sin Brétema (en castelán) Ficha do libro na Editorial Xerais
  4. ↑ Ficha Arquivado 27 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  5. ↑ Ficha Arquivado 27 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  6. ↑ "Tout est silence". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • Ficha na páxina web da editorial.