Théodore Géricault

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Théodore Géricault
Retrato de Alexandre Colin, 1816
Nome Jean-Louis André Théodore Géricault
Nacemento 26 de setembro de 1791
Lugar Ruán, Flag of France.svg Francia
Falecemento 26 de xaneiro de 1824
Lugar París, Flag of France.svg Francia
Eido Pintura, litografía
Movemento Romanticismo

Jean-Louis André Théodore Géricault, coñecido como Théodore Géricault, nado en Ruán o 26 de setembro de 1791 e finado en París o 26 de xaneiro de 1824, foi un pintor francés do Romanticismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Géricault mudouse para París co seu pai, un coñecido xurista, despois da morte da súa nai, e aos 10 anos ingresou no Liceo Imperial. Terminados os estudos, tivo aulas co pintor Vernet e anos máis tarde xa traballaba no taller de Pierre-Narcise Guérin, xunto con Delacroix.

Nos seus primeiros lenzos, Géricault amosou unha grande admiración por David e polos cánones estéticos neoclásicos. Dedicouse a copiar Rubens, Velázquez e Caravaggio. O seu primeiro lenzo importante foi Oficial de Cazadores a Cabalo Durante a Carga, co cal gañou a medalla de ouro da Academia en 1812. Esta obra reflicte a influencia de Gros e o cromatismo impactante e vigoroso que se observa en Rubens.

Despois de facer o servizo militar como mosqueteiro imperial na armada real, Géricault viaxou a Italia, onde estudou profundamente as obras de Michelangelo e Rafael. Na volta, en 1817, o pintor iniciou aquela que sería a súa obra prima, A Balsa da Medusa. Aínda que o tema do naufraxio sexa coherente coa desesperación romántica, o certo é que con este lenzo Géricault faise eco da crítica ao réxime, compadecéndose dos sobreviventes e dos mortos no naufraxio ocorrido por culpa do goberno. Sábese que a súa obsesión chegou a levalo a falar cos sobreviventes nos hospitais e inclusive a facer esbozos dos mortos no cemiterio.

A doenza, a loucura e o desespero pasaran entón a ser unha constante nos seus lenzos. O efecto do claro-escuro, que o pintor tanto admiraba en Caravaggio, inspirárano a crear ambientes patéticos e de intenso sufrimento. Anos despois, en Londres, Géricault retomou súa paixón polos cabalos, pintando o O Derby de Epson, que de certa forma anticipou a súa preocupación en captar o movemento. Tamén fixo lenzos de doentes mentais nun hospital. Logo dunha tentativa de suicidio, o pintor volveu a París, onde poucos meses despois, vítima dun accidente, acabou morrendo.

Obras[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Théodore Géricault Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.