Tesouro de Shrewsbury

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 52°42′36″N 02°45′00″O / 52.71000, -2.75000

Tesouro de Shrewsbury

· Data do depósito: Ca. 335 d. C.

· Período ou cultura: Imperio Romano

· Lugar de aparición: Shrewsbury, Shropshire.

· Coordenadas: 54°42′36″N 02°45′00″O / 54.71000, -2.75000

· Data do achado: agosto de 2009.

· Descubridor: Nic Davies.

· Composición: 9.315 moedas romanas.

· Materiais: bronce e cerámica.

· Conservación: Museo de Shrewsbury.

O tesouro de Shrewsbury (tamén coñecido como tesouro de Shropshire) é un tesouro composto por 9.315 moedas romanas de bronce descuberto en agosto de 2009 nunha leira preto de Shrewsbury, Shropshire, en Inglaterra. As moedas acháronse nunha gran vasilla de cerámica que foi soterrada arredor do ano 335 d. C.

Descuberta e escavación[editar | editar a fonte]

O tesouro foi achado por Nic Davies coa axuda dun detector de metais, soterrado no interior dunha vasilla marrón nunha leira labrada, xunto a un sendeiro, só un mes despois de se iniciar na detección de metais como afección, e constituíu o seu primeiro achado.[1][2][3]

Davies descoñecía que cumpría o permiso do propietario para detectar metais nas súas terras, e cando localizou o tesouro desenterrou el mesmo o recipiente, aínda que logo o levou para llo amosar a Peter Reavill, funcionario encargado dos achados da institución gobernamental Portable Antiquities Scheme para Herefordshire e Shropshire.[1] Posteriormente, Davies conduciu a Reavill e os arqueólogos do Consello do Condado de Shropshire ao lugar do achado, onde se levou a cabo unha pequena escavación. Esta intervención revelou que a vasilla probablemente fose colocada no chan parcialmente chea —con moedas datadas en torno ao ano 320 d. C.—, e que posteriormente se reenchería con moedas datadas entre os anos 333 e 335 d. C., antes de a cubrir cunha gran pedra para marcar o lugar.[1][2]

A parte superior da vasilla estaba escachada, e recuperáronse unhas 300 moedas esparexidas polos arredores do lugar do achado. O peso total da vasilla e as moedas era duns 16 quilogramos.[1]

Logo de concluír a escavación, o tesouro enviouse ao Museo Británico, en Londres, onde o seu Departamento de Moedas e Medallas se encargou da a súa limpeza e conservación.[1][3]

Contido[editar | editar a fonte]

A maioría das moedas (9.297) son nummi de bronce, algunhas delas con restos de baño de prata, e datan do período abranguido entre 313 e 335 d. C., que corresponde á derradeira parte do reinado de Constantino I (306-337) e á época de reinado conxunto dos seus tres fillos: Constantino II (337-340), Constancio II (337-361) e Constante (337-350).[1] Tamén se acharon 18 exemplares de antoninianos "radiados" datados entre 260 e 293 d. C.[2][4]

No cadro seguinte reflíctese a distrubución por cecas e por períodos nos 9.297 nummi achados no tesouro de Shrewsbury:

Períodos Cecas imperiais romanas
Londinium Tréveris Lugdunum Arelate Roma Ticinum Aquileia Siscia Oriente Incertas Total
307-313 1 0 0 0 0 0 0 0 0 0 1
313-317 4 3 8 5 1 1 0 0 4 1 27
317-324 1.480 1.792 434 186 73 130 49 168 81 158 4.551
324-330 383 1.098 49 106 15 9 0 11 41 83 1.795
330-335 0 1,793 470 205 9 0 6 31 10 285 2.809
Incerto 0 0 0 0 0 0 0 0 0 114 114
TOTAL 1.868 4.686 961 502 98 140 55 210 1 102 9.297

Ademais das moedas, no fondo do recipiente cerámico achouse un cravo de ferro e un fragmento de tecido. É moi pouco habitual que un material orgánico se manteña tanto tempo, mais o cobre das moedas foi o que, neste caso, impediu a descomposición do tecido. Crese que se pode tratar dos restos dunha bolsa que foi pechada co cravo e que se introduciu coas moedas a modo de ofrenda votiva.[2]

O funcionario do Portable Antiquities Scheme Peter Reaville, xunto co tesouro de Shrewsbury.

Reavill especulou con que, dado que a Britania producía alimentos para exportar a outras partes do Imperio Romano durante o reinado de Constantino I, as moedas puidesen representar o pagamento a un agricultor ou a unha comunidade agraria por unha colleita, e que o diñeiro puido ser soterrado para a súa custodia e para ser retirado logo, cando fose necesario.[5]

Conservación[editar | editar a fonte]

O 25 de outubro de 2011, un perito que examinou as moedas declarou que o achado cumpría os criterios para ser considerado un tesouro, consonte a Lei do Tesouro de 1996,[2] que prevé que posteriormente sexa valorado polo Comité de Valoración de Tesouros e se lle pague unha recompensa ao propietario e ao descubridor. O máis habitual é que a cantidade resultante desa taxación se reparta a partes iguais entre o propietario e o descubridor, mais, segundo os termos da Lei do Tesouro de 1996, se a descuberta se produciu mentres se traspasaba unha propiedade —como foi o caso do tesouro de Shrewsbury—, o descubridor pode obter unha recompensa reducida ou mesmo ningunha.[3][6]

O Servizo de Museos do Consello do Condado de Shropshire adquiriu o tesouro,[4] e desde maio de 2021 exhíbese de xeito permanente na galería de Roma do Museo e Galería de Arte de Shrewsbury.[3][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Pett, D. (2009). "Recent discovery of a Roman Coin Hoard in the Shrewsbury Area". Portable Antiquities Scheme. 7 de setembro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Reavill, P. (2011). "Inquest into largest coin hoard from Shropshire". Portable Antiquities Scheme. 25 de outubro.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Reavill, P. (2011). "The Shrewsbury Hoard From Discovery to Inquest". Portable Antiquities Scheme. 25 de outubro.
  4. 4,0 4,1 "Coin Hoard. Unique ID: HESH-658701". Portable Antiquities Scheme.
  5. "Hoard of 10,000 Roman Coins found in Shropshire". En Heritage Key. 9 de setembro de 2009.
  6. "The Treasure Act 1966". Department for Culture, Media and Sport.
  7. "SHRMS: 2013.00057. Hoard[Ligazón morta]". Shropshire Museums.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]