Ceca de Siscia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ceca de Siscia

Sólido de Vetranión

D N VETRA – NIO P F AVG; busto laureado e acoirazado cara á dereita. SALVATOR – REI – PVBLICAE, o emperador en pé sostén un lábaro co cristograma; Vitoria tras el; SIS no exergo.
Sólido. Ceca de Siscia (marca SIS). Cuñado en 350. 4,60 g. [1]

A ceca de Siscia foi un obradoiro monetario do Imperio Romano situado na cidade balcánica de Siscia (a actual Sisak, en Croacia). [2]

A súa marca de ceca identifícase por ter presentes, en practicamente todos os casos, as letras SIS, que poden aparecer ou non en combinación con outras.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

A ceca de Siscia foi establecida en 262 d. de C. polos emperadores Valeriano (253-260) e Galieno (253-268), coa intención de ter unha provisión de circulante sempre dispoñible nas provincias periféricas, onde as necesidades de defensa do Imperio podían facer precisar importantes gastos militares.[4] Este foi precisamente o motivo do seu uso descontinuo, primeiro baixo o mandato conxunto de ambos os emperadores e logo en tempos de Galieno gobernando só (260-268), probablemente cando a corte imperial residía nos Balcáns.[5][6]

A ceca mantivo as súas operacións de cuñaxe tamén baixo o seu sucesor, Claudio o Gótico (268-270). Logo dunha escasa produción a nome do efémero Quintilo (270), xunto coa ceca de Cízico foi a primeira en apoiar a Aureliano (270-275), de quen foi a súa ceca principal nos primeiros momentos do seu reinado. O control desta ceca por parte de Aureliano permitiulle producir nela as moedas de ouro que despois utilizou para recompensar os soldados que apoiaron o seu ascenso ao trono.[5][6]

Posteriormente, a casa de moeda foi controlada polo usurpador Xuliano (285-286), quen a través das súas cuñaxes nela expandiu a propaganda das súas promesas de liberdade.[7]

Follis da ceca de Siscia (marca SIS) a nome de Constantino II

Foi utilizada durante o período tetrárquico para servir a diocese de Galerio.[8] Entre mediados de 317 e finais de 318, a ceca de Siscia cuñou moedas que conmemoraban os antepasados deificados de Constantino I.[9] Nese mesmo período, emitiuse unha versión dunha moeda de bronce na que Constantino portaba un casco con crista co símbolo cristián do crismón, tamén utilizado noutras emisións mesmo como marca de ceca.[10] Esta ceca foi tamén unha das que recorreu adoito á efixie de Constantino laureado coa ollada dirixida ao ceo, en postura de cristián orante.[11]

A ceca foi clausurada ca. 387, entre o ascenso ao trono de Arcadio (383-395) e a de Honorio (393-423).[12]

Marcas de ceca[editar | editar a fonte]

Da grande diversidade de marcas de ceca utilizadas (case sempre combinando SIS con outras letras), as máis frecuentes son as seguintes:[3]

GSIS DSIS GSISC DSISC ASIS ASISC BSIS BSISC
ESIS SIS SISA SISB SISG SISC SISCPS SM

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RIC VIII 260
  2. "Knowing the Roman imperial mints: V- Siscia". Aeternitas Numismatics.
  3. 3,0 3,1 "Siscia: Sisak, Croatia". En Forum Ancient Coins.
  4. De Blois, L. (1976). Páxina 31.
  5. 5,0 5,1 Watson, A. (2004). Páxinas 122-123.
  6. 6,0 6,1 Southern, P. (2001). Páxinas 97, 111.
  7. Southern, P. (2001). Páxina 135.
  8. Odahl, C. M. (2004). Páxina 46.
  9. Odahl, C. M. (2004). Páxina 146.
  10. Odahl, C. M. (2004). Páxina 149.
  11. Odahl, C. M. (2004). Páxina 204.
  12. Grierson, G.; Mays, M. (1992). Páxinas 48, 67.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]