Tesouro de Shapwick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 51°09′6.12″N 02°49′25.68″O / 51.1517000, -2.8238000

Tesouro de Shapwick

· Data do depósito: século III d. C. (ca. 224)

· Período: Imperio Romano.

· Lugar de aparición: Shapwick, Somerset.

· Coordenadas: 51°09′6.12″N 02°49′25.68″O / 51.1517000, -2.8238000

· Descubridor: Kevin e Martin Elliott .

· Data do achado: 14 de setembro de 1998.

· Composición: 9.262 denarios.

· Materiais: prata.

. Conservación: Museum of Somerset, Tauton.

O tesouro de Shapwick é un conxunto de 9.262 moedas romanas de prata (denarios) dos séculos I a. C. a III d. C., achado en Shapwick, Somerset, Inglaterra, en setembro de 1998.

O tesouro contiña dúas moedas raras que non se descubriran antes en Gran Bretaña, así como a maior cantidade de denarios xamais atopada nas illas británicas.[1]

O achado[editar | editar a fonte]

O tesouro de Shapwick foi atopado o 14 de setembro de 1998 polos curmáns Kevin e Martin Elliott, afeccionados á procura coa axuda dun detector de metais, nunha leira de Shapwick.[1][2]

O primeiro achado produciuse no extremo norte do campo. Logo seguiuse un suco de arado cara ao sur e obtivéronse pequenas cantidades de moedas ata que apareceu un grupo dunhas 70 pezas, e ao cabo de media hora descubriuse o corpo principal do achado, nun lugar moi próximo. Aínda que algunhas moedas foran claramente esparexidas polos labores agrícolas, arredor de 9.000 seguían agrupadas e, dada a súa colocación, suponse que foran depositadas en rolos envoltos por algún material orgánico que se descompuxo integramente.[2]

A escavación posterior do lugar revelou que o tesouro fora soterrado "na esquina dun cuarto dun edificio romano ata daquela descoñecido". Despois de novas escavacións e prospeccións xeofísicas, sóubose que "o cuarto formaba parte dunha vila con patio".[1][3]

Logo da pertinente investigación en Taunton, o achado foi declarado formalmente "tesouro" consonte a Lei do Tesouro de 1996,[1][4] e valorouse en 265.000 libras.[5] O Servizo Museístico do Condado de Somerset adquiriu o tesouro, coa axuda do Consello do Condado de Somerset, do National Heritage Memorial Fund e doutras entidades, e pasou a exhibirse no Museo de Somerset, nos terreos do castelo de Taunton.[6]

No Informe Anual do Tesouro de 2000 presentouse un apéndice da descuberta no que se engadiron outras 23 moedas, valoradas en 690 libras, tamén achadas por Kevin e Martin Elliott.[5][7]

Composición[editar | editar a fonte]

Denario de Traxano, achado no tesouro de Shapwick.[8]

Entre as 9.212 moedas que compoñen o tesouro cómpre salientar 260 exemplares correspondentes ao período de Marco Antonio (31-30 a. C.), e no conxunto hai unha gran cantidade de denarios. Máis da metade dos exemplares do depósito foron cuñadas baixo o reinado de Septimio Severo (193-211 d. C.).[1][9][5]

Tamén destacan dous exemplares non descubertos ata daquela en Gran Bretaña, que reproducen a imaxe de Manlia Escantila, a esposa de Didio Xuliano, un emperador que foi asasinado catro semanas despois de que se acuñasen as moedas.[1][5]

Ademais dos denarios romanos había outras catro moedas, tamén de prata: tres dracmas licios e un dracma de Cesarea de Capadocia.[5][9]

A moeda máis recente do conxunto foi cuñada en 224 d. C., Calcúlase que o seu valor no momento do depósito equivalía aproximadamente ao soldo de dez anos dun lexionario romano.[10]

A táboa seguinte reflicte a distribución das moedas romanas do tesouro de Shapwick por emperadores:[5][9]

Emperadores Períodos Cantidade
Marco Antonio 31 a. C. 260
Nerón 54-68 44
Galba 68-69 12
Otón 69 9
Vitelio 69 30
Vespasiano 69-79 548
Tito 79-81 69
Domiciano 81-96 21
Nerva 96-98 12
Traxano 98-117 91
Emperadores Períodos Cantidade
Hadriano 117-138 117
Antonino Pío 138-161 567
Marco Aurelio 161-180 171
Cómodo 180-192 356
S. Severo 193-211 5.741
Caracalla 198-217 345
Macrino 217-218 61
Heliogábalo 218-222 688
A. Severo 222-235 120
Total 9.262

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Hellier, C. (2000). "Roman Coin Cache Discovered". En Archaeology. Vol. 53. Nº 2. Archaeological Institute of America. Marzo/abril.
  2. 2,0 2,1 Abdy, R. et al. (2001). "The discovery of a Roman villa at Shapwick and its Severan coin hoard of 9238 silver denarii". En Journal of Roman Archaeology. 14. Páxinas 358-372.
  3. "Excavation (1999), Roman villa, N of Shapwick". Somerset Historic Environment Record. Somerset County Council.
  4. Reavill, P. (2011). "Inquest into largest coin hoard from Shropshire". Portable Antiquities Scheme. 25 de outubro.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Treasure Annual Report 1998-1999. Department for Culture, Media and Sport. 2000. Nº 294. Páxinas 115-117.
  6. "Shapwick Hoard". ArtFund.org
  7. Treasure Annual Report 2000. Department for Culture, Media and Sport. 2001. Nº 251. Páxina 116.
  8. "Unique ID: IOW-B77693". Portable Antiquities Schema.
  9. 9,0 9,1 9,2 "Comparison of Roman coin finds reported in the Treasure Annual Reports"1997-2001". Forumancientcoins.com
  10. Rees, E. (2003). Celtic Sites and Their Saints: A Guidebook. Bloomsbury. Páxina 171. ISBN 9781441113443

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]