Squilla empusa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Squilla empusa
Squilla empusa.jpg
Debuxo de H. L. Todd
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Subclase: Hoplocarida
Orde: Stomatopoda
Suborde: Unipeltata
Superfamilia: Squilloidea
Familia: Squillidae
Xénero: Squilla
Especie: S. empusa
Nome binomial
Squilla empusa
Say, 1818

Squilla mantis, é unha especie de crustáceo malacostráceo da subclase dos hoplocáridos, orde dos estomatópodos e familia dos esquílidos, unha das numerosas comprendidas no xénero Squilla.[1]

Encóntrase en zonas costeiras do Atlántico occidental, onde escava e ocupa un tobo en sedimentos brandos do que sae, principalmente pola noite, para alimentarse de peixes e invertebrados.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1818 polo naturalista, botánico e entomólogo estadounidense Thomas Say, no seu traballo "An account of the Crustacea of the United States, part 7". Journal of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia 1: 374-401.[1]

Non se coñecen sinónimos nin subespecies.[1]

Características[editar | editar a fonte]

As primcipais características de Squilla empusa son:[2][3]

  • Pode alcanzar unha lonxitude de até uns 30 cm.
  • Na cabeza leva dous ollos compostos sustentados por longos pedúnculos que poden moverse por separado para explorar todo e seu contorno.
  • A cabeza e o tórax están fusionados nun cefalotórax que está protexido por unha casca ou cacho a xeito de escudo.
  • O tórax está formado por oito segmentos ou metámeros, que levan cadanseu par de apéndices. O par dianteiro é delgado e úsase para o seu aseo, mentres que o segundo par son grandes patas con garras coas que poden cortar e golpear ás súas presas. O terceiro, cuarto e quinto par de apéndices co segmento terminal aplanado; son maxilípedos, que serven para trasladar os alimentos á boca. O sexto, sétimo e oitavo par son patas non especializadas coñecidas como pereiópodos.
  • O abdome ten seis segmentos, os cinco anteriores teñen un par de pleópodos (patas de natación); son birrámeos e levan branquias filamentosas. O sexto segmento leva un par de urópodos grandes que, xunto co telson flexíbel e de seis puntas, forman un amplo abano.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Squilla empusa distribúese pola costa oriental dos Estados Unidos desde o cabo Cod até o golfo de México. Pero tamén se informou da súa `presenza no Brasil e no mar Mediterráneo.[2]

Vive nun tobo en forma de U que escava en sedimentos brandos do fondo mariño, a profundidades que van desde a zona intermareal até uns 150 m.[2]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Squilla empusa

O tobo típico de Squilla empusa consiste nun tubo con normalmente dúas aberturas conectadas por un túnel horizontal duns 15 a 50 cm, baixo da superficie do sedimento. A sección horizontal normalmente ten dúas curvas e un diámetro de até 10 cm, dependendo do tamaño do ocupante. Nas partes máis ao norte da súa área de distribución, esta especie escava un tobo vertical no inverno de até 4,1 m de profundidade. A esta profundidade do sedimento, o contido de oxíxeno da auga diminúe, e a temperatura aumenta. Esta adaptación do comportamento pode permitir que Squilla empusa poida habitar en lugares onde a temperatura da auga baixa demasiado no inverno para poder sobrevivir.[4]

Esta especie emprega dous métodos principais de escavación. Unha vigorosa acción de ventilación dos pleópodos fai que as partículas de sedimento se suspendan e a corrente producida polo telson empúrraas cara a atrás. Usando este método, o animal pode crear unha depresión tan grande coma el en dous minutos. Despois xira e utiliza os seus maxilípedos para formar unha especie de cesta coa que leva gromos de sedimento lonxe da escavación. Este é un proceso moi lento, pero sostíbel durante un período moi longo. Máis escavacións crean o túnel típico cunha ou máis aberturas, e este é frecuentemente remodelado, a miúdo ao longo dunhas horas. Squilla empusa pode escavar a unha profundidade de 20 cm en menos de unha hora. Cando o animal está dentro do tobo, ás veces usa os maxilípedos para crear unha corrente de auga que flúe cara a el.[5]

Squilla empusa é territorial e defende seu tobo doutros membros da súa especie. É de costumes principalmente nocturnos e aliméntase de peixes, camaróns, cangrexos, krill, vermes, moluscos e outros membros da súa especie. As súas patas secuestradofras móvense con gran rapidez para apañar, cortar e inmobilizar ás súas presas, que son levadas dentro do tobo despois de seren capturadas.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Squilla empusa Say, 1818 no WoRMS. Consultada o 2 de marzo de 2021.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Yi, Katherine (2001). "Squilla empusa". Animal Diversity Web. University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 3 de marzo de 2021. 
  3. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Cengage Learning. pp. 627–628. ISBN 978-81-315-0104-7. 
  4. Myers, Allen C. 1979.
  5. Mead & Minshal 2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Myers, Allen C. (1979): "Summer and winter burrows of a mantis shrimp, Squilla empusa, in Narragansett Bay, Rhode Island (U.S.A.)". Estuarine and Coastal Marine Science 8 (1): 87–98. (Resume).
  • Mead, K. S. & Minshall, H. (2012): "Burrow and Current Production by the Mantis Shrimp, Squilla empusa". Durham, North Carolina, USA: Rubicon Foundation.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]