Sou (moeda)
O sou é unha antiga moeda francesa, procedente do solidus romano. Designaba a moeda de 5 céntimos até principios do século XX e o seu nome sobreviviu na lingua á decimalización de 1795. Debe a súa lonxevidade a que aínda está presente en moitas expresións en francés e catalán que se refiren ao diñeiro.
Historia
[editar | editar a fonte]Todo comeza co aureus romano. Con Xulio César valía 25 denarios de prata, é dicir, 100 sestercios de latón ou 400 ases de bronce, e pesaba máis de 8 gramos de ouro. Cada emperador íalle quitando valor, até que Diocleciano e máis tarde Constantino I o Grande tiveron que estabelecer o seu valor, respectivamente, en 1/60 e 1/72 da libra romana, é dicir, finalmente 4,5 gramos de ouro, baixo o nome de solidus. Naceu así o «sou».
En honra ao seu nome, a moeda gañaría a súa reputación de ser indestrutíbel e permaneceu case sen cambios durante a decadencia e caída do Imperio Romano e a creación dos reinos xermánicos en Europa. Non só foi cuñada en Bizancio até o século XI co nome de nomisma, senón que foi imitada polos reis bárbaros, especialmente pola dinastía merovinxia, en forma de «terzo de sou».
Debido á escaseza de ouro, produciuse unha nova «estabilización» (como se lle chama a miúdo ás desvalorizacións) a cargo de Carlomagno. O solidus xa non era a 1/72 parte da libra romana de ouro, senón o 1/20 da libra carolinxia de prata. O sou dividírase, á súa vez, en 12 denarios (deniers) que, con poucas excepcións (como o gros tournoi de San Lois), serían os únicos que circulasen na práctica. O sistema «£sd» (1 libra = 20 sous de 12 deniers) manteríase inalterado até a Revolución Francesa, e en Inglaterra até 1971.
«Solidus» converterase en «soldus», en «solt» (no século XI), en «sol» (do século XII ao XVIII) e finalmente en «sou». Mil anos despois da reforma monetaria carolinxia, cando a libra tournois deu paso ao franco en 1795, os sols e os deniers desapareceron. Con todo, o termo «sou» ficou tan arraigado que se lle continuaría a chamar así á vinteava parte do franco francés. Tamén se atopa en Suíza, no Canadá e, en xeral, nos países francófonos en expresións referidas ao diñeiro.
Supervivencia do termo noutras moedas
[editar | editar a fonte]No franco francés
[editar | editar a fonte]Trala Revolución, en Francia seguíuselle a chamar «sou» á vinteava parte do franco. Por tanto, a moeda de 100 sous valía 5 francos, ata que a última moeda de 5 céntimos antigos foi retirada na década de 1940.
Coa desvalorización, o antigo sou de ouro convertéuse nunha moeda de prata, de billón, de cobre e de bronce antes de ser cuñada por última vez, de 1914 a 1939, como peza furada de 5 céntimos de cuproníquel e máis tarde de alpaca.[1]
En dólares canadenses
[editar | editar a fonte]No Canadá a palabra «sou» é de uso frecuente na linguaxe común para referirse á división do dólar canadense, de nome oficial cent. As moedas de 1 cent reciben o nome vernáculo de sou noir, e as de 25 cents, o de «30 sous».
En francos suízos
[editar | editar a fonte]En Suíza «100 sous» designa a moeda de 5 francos suízos, e «4 sous» equivale á moeda de 20 céntimos.
O sou catalán
[editar | editar a fonte]- O «sou barcelonés», «sou de prata» ou, simplemente, «sou» era unha moeda de prata que Pedro III de Aragón cuñou en 1285, equivalente a 12 diners. Por ter un alto valor, o nome quedou fixado en expresións catalás como «tenir molts sous» ou «custar molts sous», no sentido de «unha diñeirada». Na época medieval tamén se cuñou en Barcelona o croat, unha moeda de prata que tiña o valor legal dun sou.
- O «sou de Perpiñán», tamén de prata, era unha moeda do Rosellón na época de Carlos I de España.
- O «sou de Eivissa» era unha moeda de billón, cuñada tamén na época de Carlos I nesa illa balear.
- O «5 sous» era unha moeda de prata utilizada en varias poboacións do principado de Cataluña durante a Guerra dels Segadors. Valía a metade da moeda de cinco reais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A permanencia do sou permite medir a erosión monetaria durante un longo período. Unha adiñeirada familia galo-romana que transmitise un millón de aureus dende a conquista da Galia até a actualidade (sen aumentalos, mais modernizando a aparencia en cada unha desas 65 xeracións) atoparíase con 50.000 francos franceses antigos, logo con 500 francos novos e despois con 76,22 euros. Xa non posuiría oito toneladas de ouro como na época de César, senón que apenas podería mercar oito gramos. É dicir, ese millón converteríase nun sou. Porén, a erosión que se observa é só do 0,68 % por ano de media. Abondaría con engadir esa taxa para non perder nada.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- As moedas dos reis merovinxios (en francés)