Six moments musicaux (Rachmaninov)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigos bos
Este artigo é actualmente un candidato a artigo bo. Un artigo bo debe servir como exemplo para a gran maioría dos artigos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Rachmaninov en 1892.

Six Moments Musicaux (en galego Seis momentos musicais; ruso: Шесть Музыка́льных Моме́нтов, Shest’ Muzykál’nykh Moméntov), Op. 16, son unha serie de pezas para piano solista compostas polo compositor ruso Sergei Rachmaninov entre outubro e decembro de 1896.[1] Os Moments musicaux constan dun grupo de seis obras separadas que reproducen formas musicais características de períodos musicais anteriores. As formas que aparecen na obra de Rachmaninov son o nocturno, a canción sen palabras, a barcarola, un virtuoso estudio e o tema con variacións.[2]

As pezas consideradas individualmente teñen sido descritas como «verdadeiras pezas de concerto, sendo máis aprezadas no escenario cun piano de cola».[3] A pesar de ser compostas como parte dunha serie, cada peza pode ser interpretada individualmente como un solo de concerto cos seus propios temas e ambientes.[2] Abranguen unha ampla variedade de temas dende unha sombría marcha fúnebre presente no número tres ao maxestuoso canon do número seis, os Moments Musicaux constitúen tanto unha revolución no xénero como unha volta á composición para piano só de Rachmaninov.[3] Unha interpretación habitual adoita durar uns trinta minutos.[2][4]

Nunha entrevista que tivo lugar en 1941, Rachmaninov afirmou, «o que intento facer, ao transcribir a miña música, é dicir de xeito directo e sinple o que o meu corazón sinte ao compoñer».[a][5] A pesar de ter composto os Moments Musicaux por encontrarse en apuros económicos,[6] as pezas resumen o seu saber na composición para piano ata o momento.[1] O Andantino comeza a serie cunha longa e reflexiva melodía que se desenrola ata acadar un rápido clímax.[6] A segunda peza, o Allegretto, é a primeira das poucas da serie que revelan a súa mestría na técnica pianística.[7] O Andante Cantabile é un contraste entre as dúas pezas que a rodean, explicitamente denominadas marcha fúnebre e lamento.[8][1] O Presto obtén a súa inspiración de varias fontes, entre as que se encontran os Preludios de Frédéric Chopin, sintetizadas nunha explosión de intensidade melódica.[1] A quinta peza da serie, denominada Adagio sostenuto, é un respiro en forma de barcarola, antes do final Maestoso, que conclúe a serie cunha grosa textura en tres partes.[7] En Six Musical Moments, Rachmaninov ilustra completamente, nas súas propias palabras, «o que o meu corazón sinte».[5]

Orixes[editar | editar a fonte]

Contra o outono de 1896, o estado financeiro de Rachmaninov era precario, agraviado por un roubo que sufriu nunha viaxe en tren realizada con anterioridade.[6] Presionado durante longo tempo, tanto pola falta de recursos económicos como por aqueles que esperaban a conclusión da súa primeira sinfonía, «apresurouse a producir».[9] O 7 de decembro escribiu a Aleksnadr Zatayevich,[10] un compositor ruso que coñecera antes de compoñer a obra, dicíndolle, «Apresúrome para obter os cartos que preciso para unha data en concreto... Esta presión financeira perpetua é, por unha banda, bastante beneficiosa... para o día 20 deste mes teño que ter rematado seis pezas para piano».[9] Rachmaninov completou as seis entre outubro e decembro de 1896 e foron todas adicadas a Zatayevich. A pesar das duras condicións, a obra amosa clara evidencia do seu temperán virtuosismo e establece un exemplo da calidade que terían as súas obras futuras.[1]

Six Moments Musicaux’' é unha sofisticada obra que conta cunha gran duración, grosas texturas e elevadas exixencias técnicas para quen a interpreta que en calquera das seas pezas anteriores para piano só. É similar ao memorable Estudio en re sostido menor (Op. 8, n.º 12) de Aleksandr Skriabin —en ambas obras, o detalle é máis funcional que ornamental na súa argumentación musical—.[1] É aquí, máis que en Morceaux de Fantaisie (Op. 2, 1892) ou Morceaux de Salon (Op. 10, 1894), onde Rajmáninov plasma as específicas cualidades do seu xeito de tocar na súa música.[1] Os números tres e cinco posúen un apaixonado lirismo, mais as demais requiren un pianista cunha técnica virtuosa e unha gran percepción musical.[1] Estas pezas foron compostas cara á metade da carreira de Rachmaninov[11] e creou unha base de voces centrais que elaboraría nos seus Preludios, Op. 23 e Études Tableaux, Op. 33.[1] Aínda que o propio compositor adoitaba estrear as súas propias obras, non foi o primeiro en interpretar estas e a data da estrea non foi determinada aínda.[1]

O nome da serie está inspirado no ciclo para piano de Franz Schubert, tamén chamado Six Moments Musicaux (Op. 94, 1828).[12]

Composición[editar | editar a fonte]

Andantino en si bemol menor[editar | editar a fonte]

No Andantino, o con moto amosa unha longa melodía en métrica composta (7/4).[2] MM1 excerpt.ogg Escoitar

A primeira peza ten un tempo andantino (moderado), conta cunha extensión de 113 compases e está marcada como 72 negras por minuto.[13] Está dividida en tres seccións distintas. A primeira presenta un tema en compás de 4/4 cunha melodía en estilo nocturno na man esquerda.[13] Unha pausa na metade en aproximadamente o mesmo lugar que no primeiro Moments Musicaux de Schubert, mostra a influencia que tivo este compositor na obra.[8] A segunda parte está marcada con moto (con movemento), a 76 negras por minuto, e é unha variación do primeiro tema nunha configuración infrecuente de sete negras por compás (7/4). Esta parte finaliza cunha cadenza. A terceira sección introduce a última variación do tema, tamén en 4/4, pero máis rápido, un Andantino con moto a 84 negras por minuto. A peza finaliza cunha coda que volve ao primeiro tempo e repite porcións das anteriores tres partes. Acaba cunha cadencia perfecta na tonalidade de si bemol menor.[13]

O ‘'Andantino é a peza de maior duración da serie cun tempo aproximado de interpretación de oito minutos e medio.[2] É descrita como un híbrido xenérico, combinando elementos dos xéneros nocturno e do tema con variacións.[8] A melodía é cromática, sincopada e longa, elementos idiosincráticos que Rachmaninov frecuentemente inclúe nas súas obras.[2] Debido a isto, o Andantino considérase como unha extensión do seu Nocturno en la menor da serie de Morceaux de Salon (Op. 10, n.º 1, 1894).[6] Con todo, o Andantino pode considerarse como unha peza autónoma coas súas propias dificultades, como as seccións con múltiples fraseos nunha soa man.[13]

Allegretto en mi bemol menor[editar | editar a fonte]

Na sección segunda do Allegretto, a dinámica cambia tan frecuentemente que se convirte nunha das maiores dificultades da peza.[13]

A segunda peza, denominada como unha «peza brillante», marca un contraste coa melodía lírica e “atmosférica” da primeira peza.[7] A peza está no tempo rápido allegretto (rapidamente), a 92 negras por minuto. Ten 131 compases de extensión, sendo a que máis ten de todas as pezas,[13] mais é a segunda máis curta ao ser tocada, normalmente non dura máis de tres minutos e medio (a máis curta é a número catro).[2] Esta peza representa un típico estudio do Romanticismo musical, cun estilo parecido aos Estudios (Op. 10 e Op. 25) de Frédéric Chopin, cunha melodía dispersa entre rápidas figuras de seisillos.[2] Está escrita nunha forma ternaria estrita con coda: seccións idénticas de inicio e final comezando nos compases 1 e 85, e unha sección central contrastante que comeza no compás 45. A segunda sección cambia radicalmente de dinámica, constantemente, indo de piano a fortissimo e mesmo sforzando.[13] Conforma, durante toda a obra, un torrente sen fin de semitóns descendentes e un motivo na man que cae como unha fervenza lembrando o Estudio Revolucionario (Op. 10, n.º 12, 1831) de Chopin.[2] A peza remata cunha lenta coda en adagio (cómodo) que finaliza cunha cadencia perfecta en mi bemol maior.[13]

Rachmaninov revisou esta peza en marzo de 1940, mudando a melodía, mais deixando os continuos seisillos, demostrando que este motivo apresurado non é unha simple bravura ou mostra de virtuosismo.[1]

Andante Cantabile en si menor[editar | editar a fonte]

Todo o Andante Cantabile ten melodías graves, escuras e grosas que lembran a unha marcha fúnebre.[8]Sergei Rachmaninoff - Six Moments Musicaux - No 3, B minor.ogg Escoitar

De novo, a seguinte peza difire drasticamente das anteriores: as continuas mudanzas na número dous son mitigadas coa terceira peza da serie, un «introspectivo rêverie [ensoñación]».[6] Tomando a descrición anterior de xénero híbrido, esta peza é descrita como unha mestura entre os xéneros da canción sen palabras e a marcha fúnebre,[8] para crear a pieza de carácter máis ruso do conxunto,[2] contando cun baixo sonoro e unha melodía sólida, características da música rusa.[1]

Con tan só 55 compases, esta peza é unha das menos extensas, mais ten unha das maiores duracións da serie cuns sete minutos.[2] A peza estrutúrase como unha forma a tres partes. O tema da primeira sección está tocado enteiramente en terceiras menores, acompañado pola man esquerda, que toca quintas xustas e oitavas. A sección central ten unha melodía en sextas menores, así como un baixo con oitavas en staccato. O lamento do primeiro tema transfórmase nunha explícita marcha fúnebre ao facerse as oitavas da man esquerda máis regulares.[1]

Presto en mi menor[editar | editar a fonte]

O Estudio Revolucionario (Chopin, arriba) ten semellanzas co Presto na liña da man esquerda e na melodía.

A cuarta peza é similar á segunda na calidade da súa interpretación. Esta peza mostra similitudes co Estudio Revolucionario de Chopin na exixente man esquerda ao longo da obra. Ademais parece, soa e síntese como se fora unha improvisación sobre o Preludio en sol maior (Op. 28, n.º 3) de Chopin.[1] A peza conta con 67 compases de extensión, cunha duración duns tres minutos, e seu ‘'tempo é o máis rápido de todas estas pezas, un Presto (rápido) a 104 negras por minuto; polo tanto é a peza máis curta en termos de duración.[2]

A man esquerda no comezo do Presto (arriba) e a terceira sección do Più vivo. O «desprazamento de rexistros» (resaltado) altera algunhas notas do mesmo motivo para aumentar a tensión.[8] MM4 excerpt.ogg Escoita

O Presto está escrito en forma ternaria cunha coda. A peza comeza cunha introdución en fortissimo cunha grosa textura na man esquerda que consiste en seisillos cromáticos. A melodía é unha idea «crecente, case militar», intercalada entre réplicas do motivo da man esquerda,[6] sendo a melodía de dúas notas o elemento unificador máis forte.[1] A sección central é un breve período de figuras que caen en pianississimo na man dereita e escalas ascendentes na esquerda. A terceira sección está marcada como ‘'Più vivo (máis vivo) e tócase mesmo máis rápido que a introdución, a 112 negras por minuto.[13] Chegados a este punto a peza desenvólvese nunha textura moi densa, co motivo orixinal da man esquerda interpretado por ambas mans en distintos rexistros. A técnica de cambiar rapidamente de oitava na que se interpreta a melodía, ás veces chamada «desprazamento de rexistro», emprégase para presentar o motivo nun xeito máis dramático que incrementa aintensidade cara ao final.[8] O final, unha coda en Prestissimo (moi rápido), marcado a 116 negras por minuto, é unha última e ampla reiteración do tema que pecha cun acorde en mi menor,[13] que mostra a obsesión de Rachmaninov polos sons de campás, que terán un papel destacado no seu Concerto para piano n.º 2 e no Preludio en do sostido menor (Op. 3, n.º 2).[1]

A peza constitúe un auténtico tour de force en resistencia e precisión: a introdución comeza co motivo da man esquerda, que require abarcar un intervalo de décima. Ademais, os intervalos de oitava aparecen xusto antes das series de rápidos seisillos, requirindo movementos de mans e pulsos veloces. As melodías dobres que Rachmaninov emprega nesta obra existen a propósito para «manter ambas mans ocupadas», escurecendo a melodía e facendo difícil a proxección da man dereita.[2] É a única peza da serie que ten indicacións de pedal.[13]

Adagio sostenuto en re bemol maior[editar | editar a fonte]

A man esquerda interpreta as mesmas figuras ao longo do Adagio sostenuto.[13]

Logo das torrenciais escalas do número catro aparece a quinta peza, comparada nunha tese doutoral como unha pasaxe da Biblia (I Reis 19:12[14]), que di, «E despois do lume veu un suave murmurio». Isto é unha referencia directa á posición da obra entre dúas pezas con «incribles fogos de artificio», como a figurativa calma antes e despois da treboada.[8] A peza segue a forma musical da barcarola, unha canción popular cun acompañamento rítmico en tresillos. Ten unha duración aproximada de cinco minutos e conta cunha extensión de 53 compases, a máis curta en cuestión de compases.[2] Está marcada como adagio sostenuto (sostido con comodidade) a 54 negras por minuto, cunha simple melodía presentada en forma ternaria.[13]

Desprovista de calquera motivo prodixioso ou escalas difíciles, a peza mostra a capacidade de Rachmaninov para o lirismo musical. Aínda que a peza poida parecer simple, o ambiente debe sosterse tocando os tresillos da man esquerda de xeito comedido pero dinámico. A melodía, unha textura acordal con frecuentes retardos, crea unha tarefa difícil ao facer as voces e adicar o axeitado énfase nas notas correctas. A súa liña melódica relativamente curta choca co estilo de Rachmaninov de melodías longas, proporcionando pouco tempo para realizar o fraseo.[2]

Maestoso en do maior[editar | editar a fonte]

A última peza, Maestoso, está chea de grosas texturas, complicando a "retadora melodía acordal".[2]

A última peza da serie, a número seis, é unha obra típica do século XIX e ten sido descrita como «apoteose ou fin da loita». A peza foi resumida como:

A última peza ou movemento do ciclo é virtuosa e brillante, empregando todas as dinámicas e sonoridades dispoñibles no piano, levando a serie de pezas a unha gloriosa conclusión.

—Robin Hancock. Boston University, 1992[8]

Esta obra "tempestuosa e axitada" contén un «tema principal cheo de triplos puntillos e só na breve sección central hai un pouco de luz [que ilumina] a treboada antes de que volvan e dominen os tronos en fortississimo».[7] A pesar da imaxe escura presentada para describir a peza, a obra está en do maior e o resultado é máis ledo que escuro,[2] mais non tan triunfal coma o Maestoso faríao soar.[15]

Do mesmo xeito que a segunda e cuarta pezas, o número seis está escrito en forma de estudio, cunha melodía acordal repetitiva pero moi exixente tecnicamente que se dobra en ambas manos.[2] En conxunto, a obra ten tres elementos distintos interpretados simultaneamente: a melodía principal, o continuo conxunto de fusas que tocan acordes arpexiados e o motivo descendente de corcheas.[13] A dinámica ten un papel importante nesta peza: o fortissimo marcado ao principio mantense durante toda a primeira sección, con algúns breves respiros en mezzoforte.[13] A sección central é máis suave e contén dúas áreas con considerable tensión, creando o antes mencionado «efecto apoteósico» con dramáticas «falsas entradas».[8] Aquí, Rachmaninov, manipula o tema contrapuntisticamente para desenvolver un efecto de canon. Este «triplo contrapunto... é titánico tanto en tamaño como impacto e potencialmente pensado para o desastre»,[8] con referencias á tensión, que agarda para o clímax final, nesta «continua explosión».[1] Inmediatamente despois da coda, a grosa textura e o canon desaparecen de repente e a peza tórnase piano. Antes de chegar á coda, a obra volve co tema en ‘'forte’’ e amalgámase para chegar a un maxestuoso final tocado fortississimo.[13]

O Maestoso é unha das pezas máis difíciles da serie. Son necesarias resistencia e forza para manter un son con completa resonancia, mentres que as continuas fusas poden resultar agotadoras para quen o interpreta.[2] Conseguir un tempo consistente é un problema para esta peza, dado que a melodía está intercalada entre outros dous elementos. Ademais a dinámica, a maior parte do tempo forte ou moi forte, indica que é necesaria unha precisa visión do volume relativo.[2] Manter esta precisión ao mesmo tempo que se tratan outros elementos da pieza presentando unha interpretación con solidez musical segue a ser o desafío final.[8]

Recepción[editar | editar a fonte]

Os Six Moments Musicaux foron ben recibidos pola crítica. Mentres compuña a súa primeira sinfonía, Rachmaninov non tiña tempo para compoñer obras para piano só e os Moments son considerados como o seu regreso á composición de madurez.[16] Aínda que son revolucionarios e grandilocuentes en estilo,[16] reteñen o carisma das súas primeiras obras, tal e como menciona a pianista Elizabeth Wolff: «Comparten as características das súas primeiras obras, densas, ricas en contrapunto, altamente cromáticas, de estilo nacionalista conmovedor, de sentimentos profundos e, por suposto, excepcionalmente difíciles para o pianista».[3] Interpretacións posteriores da obra revelarían que Rachmaninov tería escondido un ritmo sutil e vitalidade que emerxían das longas frases melódicas, levando máis aló a súa aclamación como unha música asombrosamente complexa.[17] Os Moments van máis lonxe ao «confirmar o que é inexplicablemente inherente ao xenio», con «exquisitas melodías, marabillosos cambios cromáticos, 'milagrosamente breves'», así como mantendo «un sentido de contraste e variedade que permita a cada miniatura ser unha obra polo seu propio mérito ao igual que complementar a obra en ambos sentidos».[3] Aínda que se descoñece se as consecuencias financeiras da obra permitíronlle recuperar os cartos roubados, a reacción emocional sería pronto esquecida durante os seguintes anos pola catastrófica estrea en 1897 do seu traballo de dous anos enteiros: a Sinfonía n.º 1 (Op. 13, 1895).[18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No orixinal ruso: „Единственное, что я стараюсь делать, когда я сочиняю, это заставить ее прямо и просто выражать то, что у меня на сердце.“
Referencias
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 Harrison, Max (2006). Rachmaninoff: Life, Works, Recordings (en inglés). Londres: Continuum. pp. 72–73. ISBN 0-8264-9312-2.  Texto en Google Books.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 Angela Glover (1 de xuño de 2003). "An Annotated Catalogue of the Major Piano Works of Sergei Rachmaninoff; Chapter Two: Moments Musicaux Op. 16" (PDF). Teses electrónicas e disertacións, da Universidade Estatal de Florida. Consultado o 16 de xuño de 2017.  Ligazón externa en |obra= (Axuda)
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Wolff, Elizabeth (xaneiro de 2004). "Elizabeth Wolff: 19th century classical piano". Magnatune.com (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  4. Brisson, Eric (2007). "Rachmaninov - Moments musicaux (6), op.16". Pianopedia (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  5. 5,0 5,1 "Mussorgsky/Rachmaninov - Pictures at an Exhibition/6 Moments Musicaux". Pristine Classical - Lilya Zilberstein CD (Notas en carátula) (en inglés). 2004. Consultado o 16 de septembro de 2007. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Matthew-Walker, Robert (1994). The Complete Piano Music of Sergei Rachmaninov played by Howard Shelley (en inglés). Nimbus Records Limited.  Notas ao CD.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Darrell, R. D (1977). Piano Music of Rachmaninoff (en inglés). Vox Box.  (notas ao CD)
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 Hancock, Robin James (1992). Rachmaninoff’s Six Moments Musicaux, Op. 16, and the Tradition of the Nineteenth-Century Miniature (en inglés). Boston University.  (tese)
  9. 9,0 9,1 Bertensson, Sergei; Leyda, Jay; Satina, Sophia (2001). Sergei Rachmaninoff: A Lifetime in Music (en inglés). Indiana: Indiana University Press. ISBN 0253214211. 
  10. "New General Catalog of Old Books and Authors". New General Catalog of Old Books and Authors (en inglés). 2007. Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  11. Anderson, Keith (2000). "Piano Sonata no. 2; Variations on a Theme of Corelli; Moments Musicaux: Rachmaninov". Idil Biret performing for Naxos Records (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2017.  (notas ao CD)
  12. Randel, Don M. (1999). The Harvard Concise Dictionary of Music and Musicians (en inglés). Cambridge, Massachusetts: Pelknap Press (Harvard University Press). ISBN 0-674-00978-9. 
  13. 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 13,10 13,11 13,12 13,13 13,14 13,15 Rachmaninoff, Serge (2001). Sonata No. 1 and Other Works for Solo Piano. Mineola, Nova York: Dover Publications. ISBN 0-486-41885-5. 
  14. Véxase o texto en "I Reyes, 19:12" (en español). Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  15. Waller, Patrick (2006). "Rachmaninov Moment Musicaux Ashkenazy". Music Web International (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  16. 16,0 16,1 Matthew-Walker, Robert (1984). The Illustrated Lives of the Great Composers: Rachmaninoff (en inglés). Londres: Omnibus Press. ISBN 978-0711902534. 
  17. Soo, Kian Hing (14 de maio de 1999). "Lazar Berman Celebrity Concert review". The Flying Inkpot classical concert reviews (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2000. Consultado o 16 de xuño de 2017. 
  18. Freed, Richard (23 de novembro de 2002). "About the Composition: Symphony No. 1 in D minor, Op. 13". John F. Kennedy Center for the Performing Arts (en inglés). Consultado o 10 de setembro de 2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]