Estudo (música)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Estudo Op. 10, n.º 2 de Chopin: unha rápida escala cromática na man dereita utilízase para desenvolver os dedos máis débiles desa man.

Un estudo (a miúdo aparece en francés como étude) é unha peza musical instrumental, xeralmente breve, de dificultade considerable que foi deseñada para practicar unha determinada destreza técnica na execución dun instrumento solista. Por exemplo, o Estudo Op. 25 n.º 6 de Frédéric Chopin exercita ao pianista en tocar rapidamente intervalos de terceira cromáticos, o Op. 25 n.º 7 salienta o lograr unha melodía cantable nunha textura polifónica; e o Op. 25 n.º 10 aborda as oitavas paralelas.

Historia[editar | editar a fonte]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Os estudos musicais foron compostos desde o século XIX, sobre todo por Carl Czerny, pero foi Chopin quen transformou o estudo nun xénero musical importante. Os estudos poden estar en distintas formas e ás veces están agrupados en esquemas máis longos — os Estudos sinfónicos de Robert Schumann leva o título na súa segunda versión Études en forme de Variations.

Tamén foron escritos estudos para outros instrumentos, por exemplo os estudos para violín de Rodolphe Kreutzer e os estudos para guitarra de Villa-Lobos.

Os estudos que son máis amplamente admirados son aqueles que transcenden a súa función práctica e son apreciados simplemente pola súa música. Por exemplo, os Estudos de Chopin son considerados non só tecnicamente difíciles, senón tamén musicalmente moi poderosos e expresivos.

Un caso extremo atópase en estudos que a duras penas poderían considerarse música, estando compostos de figuras repetitivas que se desexan só como un exercicio físico. Destes, os máis coñecidos son os de The Virtuoso Pianist de Charles-Louis Hanon (1873).[1]

No entanto, os Études d'exécution transcendante de Liszt son excepcionalmente dificultosos e requiren dunha excelente técnica, de feito, son dos máis difíciles de toda a música clásica. Entre eles destacan o número 5 e o 12 "Chasse neige". Ademais, hai que engadir que estes estudos posúen unha beleza musical e lírica destacable, é dicir, non só serven para a práctica técnica senón que poden ser interpretados en salas de concertos.

Algúns mestres argüen que os estudos que non son musicais e só serven para desenvolver os dedos non teñen ningún valor, e mesmo poden ser daniños - Abby Whiteside é un exemplo de educadora que invocou o total abandono dos exercicios do tipo que fixeron Hanon e Czerny.

O século XIX tamén foi testemuña dunha serie de coleccións de estudos que foron escritos para instrumentos distintos do piano. Os Estudos para violín de Rodolphe Kreutzer, Federigo Fiorillo e outros; así como Estudos para violoncelo de Friedrich Dotzauer e Friedrich Grützmacher, algúns dos cales se seguen utilizando como ferramentas de ensino musical na actualidade.

Século XX[editar | editar a fonte]

A principios do século XX publicouse unha serie de importantes coleccións de estudos. Os Études para piano de Claude Debussy (1915) axústanse á regra "unha faceta de técnica por peza", pero presentan estruturas pouco ortodoxas con moitos contrastes nítidos e moitos se concentran en sonoridades e timbres propios do piano, máis que en puntos técnicos. Os 53 Estudos sobre os estudos de Chopin de Leopold Godowsky (1894-1914) están construídos sobre os Études de Chopin: as adicións e cambios de Godowsky elevaron a música de Chopin a novos, ata entón descoñecidos, niveis de dificultade. Outros estudos importantes deste período inclúen 12 Études de Heitor Villa-Lobos para guitarra (1929) e pezas de compositores rusos: os Études Tableaux de Sergei Rachmaninoff (1911, 1917) e varias coleccións de Alexander Scriabin (todas para piano).

A mediados do século XX a vella tradición do estudo estaba en gran parte abandonada. A obra de Olivier Messiaen Quatre études de rythme ("Catro estudos sobre o ritmo", 1949-50) non foron composicións didácticas, senón experimentos con escalas de duración, así como con dinámica, figuracións, coloración e tons. Os études de John Cage, Etudes Australes (1974–75) para piano, Etudes Boreales (1978) para violoncello ou piano e Freeman Etudes (1977–80, 1989–90) para violín, son pezas indeterminadas baseadas en mapas de estrelas, e algunhas das obras máis difíciles do repertorio. Os tres libros de Études de György Ligeti (1985, 1988-94, 1995) son quizais os máis próximos á vella tradición porque tamén se concentran nunha técnica particular. Os 100 Transcendental Studies ("Estudos trascendentais", 1940-1944) de Kaikhosru Shapurji Sorabji, que toman a Godowsky e Liszt como o seu punto de partida, céntranse frecuentemente en elementos técnicos particulares, así como en varias dificultades rítmicas.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The New Grove Encyclopedia of Music and Musicians
  2. Fredrik Ullén. "100 Transcendental Etudes (1940–44)". The Sorabji Archive. Consultado o 01-08-2013. 
  3. Marc-André Roberge. "Notes on the Études transcendantes". Sorabji Resource Site. Consultado o 01-08-2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]