Cadenza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un fragmento da cadenza orixinal (ossia) do Concerto para piano n.º 3 de Rakhmáninov.

Unha cadenza (termo italiano que significa cadencia) en música é, xenericamente, unha pasaxe ornamental anotada en partitura ou improvisado interpretado ou cantado por un solista ou solistas, normalmente cun estilo rítmico "libre", e a miúdo como exhibición virtuosística.

Unha cadenza é o momento dentro do concerto no que a orquestra interrompe o toque dos instrumentos, deixando ao solista un tempo libre que pode ser improvisado, aínda que normalmente xa están escritas de antemán. Pode ser que para un mesmo concerto haxa varias cadenzas. Isto ocorre normalmente ao final do primeiro movemento, aínda que pode ocorrer en calquera momento do concerto. Un exemplo é o Concerto para piano n.º 1 de Chaikovski, onde nos cinco primeiros minutos execútase unha cadenza, ou nas Pequenas Czardas de Pedro Iturralde . Outro exemplo claro son os dous concertos para piano de Franz Liszt, no primeiro en mi bemol maior, execútase unha cadenza despois dunha curta introdución da orquestra, aos poucos compases de iniciar a obra, e no segundo concerto en la maior, despois dunha introdución nun tempo lento o piano executa unha breve cadenza para cambiar a idea melódica e cambiar a un tempo máis rápido e axitado. Con todo, na maioría dos concertos pódese escoitar a cadenza case ao final da obra pero isto ocorre maiormente en obras de ao redor do século XVIII nas cales non existían certas liberdades para a composición.

Orixinalmente as cadenzas datan da ópera nas cales o solista improvisaba ornamentos na cadencia final dunha aria (de aí provén o nome, como variación da palabra cadencia), posteriormente executábanse como unha improvisación nos concertos, logo comezaron a ser escritas. Un exemplo pode ser Beethoven, quen escribiu as cadenzas nos seus catro primeiros concertos para piano. Logo disto escribíanse as cadenzas de forma case obrigatoria e cada vez foron aumentando de tamaño e dificultade. Por exemplo a cadenza no Concerto para piano en la menor de Edvard Grieg é de dificultade e duración media ou normal, con todo, en obras como o Concerto para piano n.º 2 de Prokofiev ou no Concerto para piano n.º 3 de Rakhmáninov a cadenza asume proporcións e unha dificultade enormes, coma se fosen un movemento adicional.

A pesar de todo, un concerto non debe incluír unha cadenza de forma obrigatoria, dous exemplos disto son o Concerto para piano n.º 5 de Beethoven e o Concerto para piano n.º 1 de Chopin, ambos carentes de cadenza, ou polo menos da indicación de cadenza, xa que posúen certas seccións virtuosas para o solista que poderían ser consideradas como tal. Tamén atopamos cadenzas en solos instrumentais con piano ou outro acompañamento, situados cerca do principio ou do final ou en ambos. Por exemplo "The Maid of the Mist," solo de corneta por Herbert L. Clarke, ou un exemplo máis moderno: o final de "Think of Me" no que Christine Daaè canta unha curta pero apaixonada cadenza, na pantasma da ópera de Andrew Lloyd Webber.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]