Coda (música)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Figura 1. Coda.

Unha coda,[1] no ámbito da música, é un préstamo lingüístico do italiano que significa literalmente «cola». Neste contexto pode facer referencia a diversos conceptos:[2]

  • É unha sección musical ao final dun movemento, a modo de epílogo. Tecnicamente trátase dunha cadencia expandida. Co cal, pode ser tan simple como uns poucos compases ou alcanzar tal complexidade que constitúa unha sección enteira.[3]
  • É un signo musical que se emprega en notación para sinalar determinados puntos de referencia cando se quere indicar unha repetición (ver Figura 1).

Como sección musical[editar | editar a fonte]

En música clásica occidental[editar | editar a fonte]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Na Idade Media era coñecida como cauda, caudae e caude, formando estas expresións a raíz latina do termo "coda". Tratábase dun longo melisma engadido nunha das últimas sílabas do texto que se repite en cada estrofa. Estes engadidos realizábanse noutras pezas para embelecelas. As caudae foron especialmente importantes nos conductus, onde se inserían habitualmente ao comezo ou final. Aínda que tamén podían incorporarse en calquera punto intermedio. Os conducti tradicionalmente divídense en dous grupos: conductus cum cauda e conductus sine cauda (do latín: "conductus con cola", "conductus sen cola") en función da presenza ou ausencia do melisma. Por tanto, a cauda asumía un papel conclusivo similar ao da coda moderna. Así mesmo, introducían elementos de contraste e variedade que daban saída á creatividade dos compositores.

Barroco[editar | editar a fonte]

Durante o Barroco adoitaba asumir unha función soamente conclusiva. Na música escrita antes de 1750 o termo aplicábase principalmente á parte final da forma canon. Tamén se aplicaba trala última aparición do suxeito dunha fuga, agregábase unha coda relativamente curta que guiaba a música cara ao final.[2]

Clasicismo[editar | editar a fonte]

Foi no Clasicismo, especialmente con Beethoven, cando a coda gañou en importancia. A presenza dunha coda como elemento estrutural nun movemento musical é especialmente evidente nas obras escritas en determinadas formas musicais. Durante este período pódense atopar codas nas composicións escritas en forma rondó, scherzo e en especial, na forma sonata e nos movementos de variación.

  • Nun movemento en forma sonata a sección de recapitulación, en xeral segue á exposición no seu contido temático, mentres que se adhire á tonalidade principal. A recapitulación adoita terminar cunha pasaxe que soa como unha conclusión, en paralelo coa música que finalizou a exposición. Polo que calquera música que veña despois desta resolución será percibida como material extra, é dicir, como unha coda.
  • Na variación, a coda prodúcese despois da última variación e resultará moi perceptible como o primeiro material musical non baseado no tema.

Os compositores anteriores a Beethoven empregábanas para incrementar a sensación de conclusión e de simetría musical.[2] Pódense atopar mostras de codas na produción musical de Mozart, por exemplo no último movemento ou Rondo Alla Turca (Marcha Turca) da Sonata núm. 11 en la maior. Trátase dun movemento en la maior da sonata. No Rondo Alla Turca constitúe unha sección sincopada cunha infinidade de acordes maiores de la.

Unha das formas en que Beethoven intensificou e estendeu a práctica clásica foi ampliar as seccións de coda, producindo unha sección final ás veces dun peso musical igual ás seccións previas de exposición, desenvolvemento e recapitulación; e completando o discurso musical. Como exemplo soado está a Sinfonía n.º 8.[4] Xa fóra con fins dramáticos ou para crear un determinado clima previo ao final da obra, o compositor alemán utilizounas de forma continuada desde as súas primeiras partituras, como na Sonata para piano n.º 3 Op. 2 de 1795. Nalgúns casos empregaba elementos temáticos utilizados na obra. Tras el, a forma sonata adoptou a coda como algo case inherente e durante todo o Romanticismo utilizouse con diversos fins.

Figura 2. Coda da Sonata en do maior, K. 309, I, cc. 148-155 de Mozart.[5] .

Adoita utilizar o primeiro tema musical da obra para dar máis peso á cadencia final. É erróneo pensar na coda como algo accesorio á obra, xa que na maioría dos casos exerce unha función vital para a música.

En música popular[editar | editar a fonte]

Moitas cancións de rock así como noutros xéneros e formas de música popular teñen seccións identificables como «codas». Unha coda nestes contextos pode denominarse ás veces un «outro»; mentres que no terreo da música jazz e na música de igrexa moderna chámaselle «tag».

Codetta[editar | editar a fonte]

Codetta é un termo italiano en diminutivo que significa "coliña". Ten un propósito similar á coda, pero en menor escala, concluíndo unha sección dunha obra en lugar de concluír a obra como un todo. Unha codetta típica conclúe as seccións de exposición e recapitulación dunha peza escrita en forma sonata, a continuación do segundo tema (modulado) ou ben do tema de peche (se hai). Así pois, na exposición adoita aparecer na tonalidade secundaria, pero na recapitulación faino na tonalidade principal. A codetta normalmente péchase cunha cadencia perfecta no ton pertinente confirmando así a tonalidade. Se a exposición se repite, a codetta repítese tamén. Aínda que en ocasións o seu final sexa lixeiramente modificado, dependendo de se se dirixe de novo á exposición ou ás seccións de desenvolvemento.

Como signo musical[editar | editar a fonte]

En notación musical o símbolo de coda, que se asemella a un visor ou mira cruzada, emprégase como un marcador de navegación de modo similar á indicación Dal Segno. A expresión Al Coda indica que, unha vez que se alcance ese punto durante a repetición final, o intérprete debe saltar inmediatamente á sección separada marcada cun símbolo de coda. Por exemplo, isto pode ser utilizado para dotar dun final especial ao último verso dunha canción.

A coda aplícase conxuntamente con outras dúas indicacións para determinar as repeticións a realizar nunha partitura: Da Capo e Dal Segno.

Da Capo al Coda[editar | editar a fonte]

Da Capo al Coda, abreviado como D.C. al Coda, significa literalmente "da cabeza á cola". Indica ao intérprete que debe repetir a peza desde o principio, continuar tocando até chegar ao primeiro símbolo de coda. Despois debe pasar directamente até onde estea o segundo símbolo de coda e continuar tocando dende aí até o final.[6]

Figura 3. Da Capo al Coda. A interpretación dos catro compases sería nesta orde: 1-2-3-4-1-4.

Dal Segno al Coda[editar | editar a fonte]

Dal Segno al Coda, abreviado como D.S. al Coda, significa literalmente "do signo á cola". Indica ao músico que debe repetir a peza desde o sinal ou «segno», continuar tocando até chegar ao primeiro símbolo de coda. Despois debe pasar directamente até onde estea o segundo símbolo de coda e continuar tocando desde aí até o final.

Figura 4. Dal Segno al Coda. A interpretación dos seis compases sería nesta orde: 1-2-3-4-2-3-5-6.

Nos anteriores exemplos o fragmento que vai dende a segunda coda até o final a miúdo é denominado a «coda» da peza ou literalmente «final», asumindo así a súa segunda acepción como parte ou sección dunha composición musical.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrada "coda" no bUSCatermos da USC
  2. 2,0 2,1 2,2 Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003, pp. 189-190.
  3. Benward, Bruce & Saker, Marilyn: Music in Theory and Practice. McGraw-Hill, 2009, vol. 2 p. 355.
  4. Rosen, Charles: Sonata forms. W. W. Norton, 1988.
  5. Benward, Bruce & Saker, Marilyn: Music in Theory and Practice. McGraw-Hill, 2009, vol. 2 p. 151.
  6. Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003, p. 234.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]