Sipúnculos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sipúnculos

Sipuncula

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Lophotrochozoa
Filo: Sipuncula
Clases, Ordes e Familias

Os Sipúnculos (Sipuncula ou pequeno tubo) son un grupo de animais mariños que presentan simetría bilateral, son protóstomos, celomados non segmentados e sedentarios. Posúen unha forma alongada na que se diferencian dúas partes: a trompa e o tronco.

Adoitan vivir enterrados na area ou na lama, ou ben ocupan calquera espazo no que colla o seu corpo como unha fendedura dunha rocha, un tubo ou unha cuncha doutro animal.

Estes animais, aínda que non son moi abundantes, están moi estendidos: dende mares cálidos a polares, dende zonas superficiais a abisais, e actualmente coñécense unhas 320 especies [1]. O seu tamaño oscila entre os 2 mm e os 50 cm.

Características[editar | editar a fonte]

As principais características deste Filo son as seguintes:

  1. Son animais protóstomos, celomados, pero sen segmentación e con simetría bilateral.
  2. O corpo presenta dúas partes: a trompa ou introverto, na que está a boca e o tronco que e máis longo e groso e no que están a maioría dos órganos internos.
  3. Dous nefridios de tipo mixonefridio, con nefrostoma e nefridióporo. Son animais amoniotélicos xa que expulsan a maior parte dos residuos en forma de amoníaco.
  4. Posúen un sistema nervioso semellante ao dos anélidos, cun cerebro dorsal e un anel nervioso periesofaxico, e un cordón nervioso ventral.
  5. Os órganos dos sentidos son múltiples e variados: teñen células neurosensoriais nos tentáculos, un órgano nucal quimiorreceptor, zonas ciliadas e ocelos tubulares.
  6. Os sexos están separados (macho, femia), e as gónadas son simples e proveñen do peritoneo os gametos son expulsados polos nefridios. A fecundación é externa.
  7. A segmentación é espiral formándose unha larva trocófora e o celoma é esquizocélico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Chapman, A.D. 2007. Numbers of Living Species in Australia and the World. Invertebrates. A Report for the Department of the Environment and Heritage. Australian Biodiversity Information Services, Toowoomba, Australia. ISBN (online) 978 0 642 56850 2". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2009. Consultado o 17 de decembro de 2009. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Meglitsch, P.A Zoología de invertebrados, 2ª edición. Ed.Pirámide, Madrid 1986 pp 471–475 ISBN 84-368-0316-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]