Sinfonía n.º 1 (Shostakovich)
A Sinfonía Nº1 en Fa menor Op. 39 de Dmitrii Shostakovich foi composta entre 1924 e 1925. A súa estrea tivo lugar en Leningrado coa Filharmónica de Leningrado baixo a batuta de Nikolai Malko o 12 de maio de 1926.[1] A obra foi o traballo de graduación de Shostakovich no Conservatorio de Petrogrado, rematándoa aos 19 anos de idade.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Shostakovich escribiu esta obra entre outubro de 1924 e xuño de 1925,[2] como exercicio de graduación para a clase de composición de Maximilian Steinberg no Conservatorio de Leningrado, e partes do material empregado poden ser moi anteriores á súa composición. Cando a tía do compositor, Nadezhda Galli-Shohat, escoitou a obra na súa estrea americana realizada por Leopold Stokowski á fronte da Philadelphia Orchestra, recoñeceu nela moitos fragmentos que ela escoitara tocar de pequeno a Mitya. Algúns destes fragmentos foron asociados coa narración de La Fontaine da fábula de Esopo de A cigarra e a formiga e The Little Mermaid de Hans Christian Andersen.[3]
O inmediato paralelo ó compositor de 19 anos que presenta a súa primeira sinfonía era Alexander Glazunov, un neno prodixio que presentou a súa Primeira Sinfonía a unha idade incluso menor. Glazunov puido terse recoñecido en Shostakovich como un eco da súa nenez. Como director do Conservatorio de San Petersburgo, Glazunov seguira o progreso de Shostakovich desde a súa entrada nel ós 13 anos.[4]
Tamén arranxou para a estrea a Sinfonía de Shostakovich, que tivo lugar 44 anos despois da presentación da primeira Sinfonía de Glazunov na mesma sala.[5] Noutro exemplo de déjà vu cos anos iniciais de Glazunov, a sinfonía causou case tanta sensación como a aparición do mozo Shostakovich no escenario saudando desamañadamente.[6]
Esta sinfonía foi un tremendo éxito dende a súa estrea, e aínda se considera hoxe como unha das obras máis acabadas de Shostakovich.[Cómpre referencia] Ofrece unha interesante e característica combinación de animación e sensatez por unha banda, e drama e traxedia pola outra. En varios sentidos é unha reminiscencia das obras de Igor Stravinskii e Sergei Prokofiev.[Cómpre referencia] A orquestración transparente e camerística da Primeira Sinfonía contrasta coas complexas e sofisticadas orquestracións Mahlerianas que se atopan en moitas das súas sinfonías máis tardías, e a seguridade coa que o compositor maxina e manexa estruturas con grandes escalas, é tan impresionante como o vigor e frescura da súa expresión.[7]
Estrutura
[editar | editar a fonte]A obra está composta por catro movementos (os dous últimos interpretados sen interrupción) e ten unha duración aproximada de media hora.
- Allegretto - Allegro non troppo
- A sinfonía comeza cunha sección introdutoria Allegretto que se desenvolve dende un dúo entre a trompeta solista e o fagot. Isto nos leva ao primeiro suxeito propiamente dito, un animado Allegro a modo de marcha con reminiscencias do vaudeville e a música do teatro que Shostakovich puido ter descuberto durante a súa etapa de pianista no cine. O segundo suxeito é ostensiblemente un valse, mais está escrito de feito nun compás binario; a melodía da frauta busca o seu camiño por varias seccións da orquestra. O desenvolvemento conta cun regreso aos grotescos simulacros cómicos, aínda que a estrutura en forma sonata do movemento é totalmente convencional.
- Allegro - Meno mosso - Allegro - Meno mosso
- No segundo movemento preséntase unha 'saída en falso' nos violonchelos e contrabaixos antes dun scherzo frenético que comeza no clarinete. O piano preséntase por primeira vez con rápidos pasaxes de escalas antes dun estado de ánimo máis sombrío desenvolvido na segunda sección do movemento (Meno mosso). Unha vez máis, Shostakovich escribe un pasaxe ternario en dous, con melodías pasando polas frautas, os clarinetes, as cordas, os óboes, os piccolos, novamente os clarinetes, cando as cordas e os ferriños tocan de fondo. O fagot nos leva outra vez ao Allegro inicial. O clímax ten lugar cunha combinación das dúas melodías presentadas enteriormente no movemento seguidas por unha coda que é anunciada polos acordes moi espazados no piano e os harmónicos no violín.
- Lento - Largo - Lento (attacca:)
- O terceiro movemento comeza cun escuro solo de óboe que se traslada ao violonchelo solista, e procede a desenvolver un crescendo, presentando unha cita de Siegfried de Wagner. Hai tamén unha pasaxe pianissimo nas cordas que anticipa a passacaglia da Oitava Sinfonía.
- Allegro molto - Lento - Allegro molto - Meno mosso - Allegro molto - Molto meno mosso - Adagio
- Hai un redobre de tambor attacca que enlaza o terceiro e o cuarto movemento. Despois doutra pasaxe sombría, a música entra subitamente na sección Allegro molto cunhamelodía moi rápida no clarinete e nas cordas. Isto chega a un furioso clímax, despois do cal a calma descende e escoitase outra cita de Wagner. A seguinte sección Allegro culmina nun solo dos timbais en fortissimo, un motivo rítmico que foi presentado no terceiro movemento. Unha pasaxe do violonchelo solista e o resto das cordas con xordina empregan habilmente este motivo xunto con outros elementos, que nos conduce a unha coda que finaliza a obra cunha conmovedora figuración como de fanfarria nos metais.
Orquestración
[editar | editar a fonte]Instrumentación da Sinfonía Nº 1 |
Madeiras |
3 frautas (II e III dobran con piccolo), 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots |
Metais |
4 trompas, 3 Trompetas, trompeta alto, 3 trombóns, Tuba |
Percusión |
Timpani, ferriños, bombo, pratos, caixa, tam-tam, glockenspiel |
Cordas |
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, arpa |
Teclado |
Piano |
Características
[editar | editar a fonte]Comparacións con Glazunov
[editar | editar a fonte]Como, do mesmo xeito que Glazunov, Shostakovich era aínda un adolescente cando escribiu a súa Primeira Sinfonía, é normal que algúns críticos a comparen coa Primeira Sinfonía de Glazunov. Só unha comparación dos dous movementos lentos saca á luz a natureza plena do logro de Shostakovich. O Glazunov de 15 anos era inmensamente musical e articulado. Porén, mentres Shostakovich amosa unha cantidade considerable de recursos internos, Glazunov recorre aos procedementos musicais dos nacionalistas, como Borodin e Rimskii-Korsakov. Mentres que Shostakovich revela unha longa débeda coa tradición sinfónica rusa, é a experiencia vital espiritual sendo transmitida o que destaca, non as influencias formulativas no seu estilo. En definitiva, mostra unha imaxinación e un grao de compaixón máis aló dunha visión xuvenil.[8]
Influencias
[editar | editar a fonte]A causa da mentalidade tradicionalista do Conservatorio, Shostakovich non descubriu a música de Igor Stravinskii ata os seus últimos anos de adolescencia. O efecto da escoita desta música foi inmediato e radical,[9] con composicións de Stravinsky continuando a exercer unha considerable influencia sobre Shostakovich.[10] Algúns críticos teñen suxerido que a Primeira Sinfonía foi influenciada polo ballet de Stravinsky Petrushka, non só pola prominencia da parte de piano na orquestración, senón tamén polo ton xeral de sátira na primeira metade da sinfonía. Debido a que o argumento no ballet de Stravinsky é a crónica das travesuras condenadas dunha marioneta animada, puido ter reflectido as súas observacións sobre os aspectos mecánicos da conduta humana e apelar directamente ao sátiro nel mesmo.[9]
Petrushka non foi a única influencia neste sentido. A idea dos seres humanos como máquinas ou marionetas, coas súas vontades libres unidas pola bioloxía e o condutismo, foi un tema moi en voga. Algúns exemplos musicais inclúen o Pierrot Lunaire de Arnold Schoenberg e a ópera Wozzeck de Alban Berg —dúas obras admiradas por Shostakovich-. Mesmo o seu cariño por Charlie Chaplin, argumentan algúns, puido ter caído nesta categoría.[9] Aínda outra influencia musical, suxerida pola frase introdutoria do clarinete que chega a ser empregada considerablemente no transcurso da sinfonía, é o poema sinfónico de Richard Strauss Till Eulenspiegels lustige Streiche.[7]
Ao final do segundo movemento, Shostakovich revela a súa maior sorpresa xirando o ton da sinfonía, de repente e sen previo aviso, de patetismo e sátira a traxedia. A influencia cambia do mesmo xeito de Stravinsky a Chaikovskii e Mahler,[11] con Shostakovich amosando a un compositor adolescente que ten moito que dicir, e moito de sorprendente profundidade.[7]
Gravacións destacadas
[editar | editar a fonte]Algunhas das gravacións máis destacadas son as seguintes:
* = gravación mono
Fonte: arkivmusic.com (gravacións recomendadas seleccionadas en base aos comentarios críticos)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 The New Grove Dictionary of Music and Musicians
- ↑ Whitehouse R, notas á gravación da obra realizada pola Royal Philharmonic Orchestra baixo a dirección de Vasily Petrenko para Naxos
- ↑ Steinberg, 539.
- ↑ MacDonald, 22.
- ↑ Volkov, Saint Petersburg, 355.
- ↑ MacDonald, 28.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Steinberg, 540.
- ↑ Layton, 199-200.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 MacDonald, 29.
- ↑ Volkov, St. Petersburg, 428.
- ↑ Macdonald, 29-30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Layton, Robert, ed. Robert Simpson, The Symphony, Volume Two: Mahler to the Present Day (Nova York: Drake Publishers Inc., 1972).
- MacDonald, Ian, The New Shostakovich (Boston: Northeastern University Press, 1990). ISBN 1-55553-089-3.
- Steinberg, Michael, The Symphony (Oxford e Nova York: Oxford University Press, 1995). ISBN 0-19-506177-2.
- Volkov, Solomon, tr. Bouis, Antonina W., Saint Petersburg: A Cultural History (New York: Harper & Row, 1979). ISBN 0-06-014476-9.