Santiago Formoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Santiago Formoso
Información persoal
Nome Santiago Formoso
Nacemento 4 de xullo de 1953 (68 anos)
Lugar de nacemento Vigo
Altura 1,75 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
Santa Mariña
1974 University of Pennsylvania
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1976 Hartford Bicentennials 24 (0)
Connecticut Bicentennials 25 (1)
1978-1979 New York Cosmos 43 (2)
1980 Los Angeles Aztecs 11 (0)
1980 Houston Hurricane 10 (0)
1982-1983 Carolina Lightnin'
1984 Charlotte Gold
1985 Greek American AA
Selección nacional
1976-1977 Estados Unidos 7 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Santiago Formoso, nado en Vigo o 4 de xullo de 1953, é un ex-futbolista galego nacionalizado nos Estados Unidos. Desenvolveu a súa carreira deportiva en diferentes ligas de fútbol dos Estados Unidos entre os anos 1976 e 1985, e foi internacional absoluto en 7 ocasións coa selección de fútbol dos Estados Unidos.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Fillo dun mariñeiro mercante, comezou a destacar no fútbol en Vigo, nas filas da UD Santa Mariña.[2] En 1969 emigrou coa súa familia aos Estados Unidos. Establecéronse en Nova Jersey, onde Santiago asistiu á Kearny High School, graduándose en 1973. Neses anos o seu pai traballaba como cociñeiro en Long Island, mentres que que súa nai traballaba nunha fábrica de roupa.

Carreira futbolística[editar | editar a fonte]

Despois da secundaria asistiu á Universidade de Pensilvania onde xogou no equipo de fútbol. Na universidade, fíxose cidadán estadounidense. En 1976 Formoso abandonou a universidade e fichou polos Connecticut Bicentennials da North American Soccer League. A finais da tempada de 1977, os Bicentennials trasladáronse a Oakland, a miles de km, e Formoso decidiu rescindir o seu contrato para permanecer preto da súa nai.

O seu seguinte equipo foi o mítico Cosmos de Nova York, que o chamou para que viaxase con eles na xira mundial de despedida de Pelé,[3] o xogador insignia do equipo, que os levou polo Caribe, Xapón, China e a India. Formoso debutou co Cosmos no derradeiro partido xogado por Pelé, un amigábel fronte ao Santos no Giants Stadium fronte a 75000 espectadores. Formoso entrou na segunda parte en substitución de Rildo e tocoulle marcar a Pelé, que xogou a segunda parte coa camisola do Santos.[4]

Pasou dúas tempadas no Cosmos, onde compartiu equipo con grandes estrelas como Franz Beckenbauer, Giorgio Chinaglia, Carlos Alberto Johan Neeskens ou Marinho Chagas, e onde se proclamou campión de liga. En 1980 foi trasladado a Los Angeles Aztecs, onde só xogou once partidos, xogando a continuación no Houston Hurricane. En 1982 xogou para o Carolina Lightnin' da American Soccer League, club que pasou a chamarse Charlotte Gold en 1984 e a xogar na United League Soccer (ULS). Co colapso da ULS, Formoso mudouse cara ao norte para xogar co Greek American AA da Cosmopolitan Soccer League ata a súa retirada en 1985.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

En 1975, durante a súa estadía na universidade, Formoso foi seleccionado para xogar coa selección de fútbol dos Estados Unidos, competindo na fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de 1976. Con todo, dúas derrotas contra México en agosto de 1975 impediron aos EEUU entrar nos Xogos Olímpicos.

Formoso xogou o primeiro dos seus sete partidos coa selección nacional de fútbol dos Estados Unidos o 3 de outubro de 1976. Tratábase dun partido de cualificación para a Copa Mundial da FIFA de 1978 e o encontro finalizou nun empate sen goles contra a selección de fútbol de México. O seguinte partido de Formoso coa selección nacional rematou cunha derrota por 3-0 ante México en Cidade de México. Xogou despois dous partidos amigables contra Haití e contra Canadá, que eliminou os Estados Unidos da pelexa polo Mundial. Posteriormente Formoso xogou dous partidos en 1977, sendo a súa última aparición coa selección nacional unha vitoria por 1-0 contra China o 10 de outubro de 1977.

Tras a retirada[editar | editar a fonte]

Tras a súa retirada do fútbol foi taxista e condutor de Uber.[5] Tamén traballou no departamento de mercadotecnia de Metrostars.[6]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou nas Bahamas cunha animadora e tiveron dous fillos. Actualmente reside en Newark.

Documental[editar | editar a fonte]

Os xornalistas Pedro Pablo Alonso e Rubén Pardiñas ó coñecer a historia de Santiago Formoso no New York Cosmos, realizaron un documental titulado Alén do Cosmos, no cal se narran as experiencias do futbolista galego na liga de fútbol norteamericana e a súa estadía no New York Cosmos. O documental comezou a rodarse no ano 2013, contando coa colaboración do actor Luís Tosar, o futbolista Iago Aspas, o xornalista da televisión de Galicia Luis Timiraos ou o adestrador Paco Herrera.[7][8][9][10][11]

A estrea do documental tivo lugar o 1 de decembro de 2016 no auditorio do Concello de Vigo, asistindo entre outros Eduardo Berizzo, Iago Aspas ou Sergio Álvarez.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Santiago Formoso de Vigo a New York". www.futbolplus.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2014. Consultado o 21 de maio de 2014. 
  2. "Santiago Formoso, o emigrante galego que xogou con Pelé e Cruyff". 24 de marzo de 2013. Consultado o 11 de xaneiro de 2022. 
  3. "Formoso, el español que jugó con Pelé, Beckenbauer y Cruyff, y que ahora es chófer en Uber". Marca (en castelán). Consultado o 1 de xuño de 2020. 
  4. "NASL Retro: Pelé Se Retira Del Fútbol En 1977" (en castelán). 1 de outubro de 2015. Consultado o 1 de xuño de 2020. 
  5. "El gallego del Cosmos de Pelé". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xuño de 2017. Consultado o 1 de xuño de 2020. 
  6. Krasner, Barbara (2015). Legendary Locals of Kearny (en inglés). Arcadia Publishing. 
  7. "Alén do Cosmos". alendocosmos.wordpress.com. Consultado o 24 de marzo de 2014. 
  8. "“Yo jugué en un equipo de monstruos”". El País. Consultado o 24 de marzo de 2014. 
  9. "Luis Tosar e Alén do Cosmos". youtube.com. Consultado o 24 de marzo de 2014. 
  10. "Alén do Cosmos Trailer". youtube.com. Consultado o 24 de marzo de 2014. 
  11. "O documental "Alén do Cosmos" contará a historia do futbolista Santiago Formoso". Noticias de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2014. Consultado o 17 de marzo de 2014. 
  12. "Exitoso estreno en Vigo del documental "Alén do Cosmos"". farodevigo.es. Consultado o 2 de decembro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]