Saltar ao contido

Liga do Peloponeso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mundo exeo contra o 431 a.C. ao comezo da Guerra do Peloponeso.

A Liga do Peloponeso foi unha alianza entre os estados do Peloponeso durante os séculos VI e V a.C.

É coñecida sobre todo por loitar contra a Liga de Delos na guerra do Peloponeso.

A expresión Liga do Peloponeso é un termo contemporáneo cuñado polos historiadores para designar o que os contemporáneos chamaban «os lacedemonios e os seus aliados» ou «Esparta e os seus aliados».

O seu poder debilitaríase significativamente pola creación da Liga de Argos.

Contra finais do século VI a.C. a cidade de Esparta convertérase no Estado máis poderoso do Peloponeso e exercía a súa hexemonía sobre Argos, o seguinte en importancia. Consegui tamén outros importantes aliados, como Corinto e Elis, liberando a Corinto da tiranía e axudando a Elis a que asegurara o control dos Xogos Olímpicos. Esta política favoreceu outras incorporacións, até que practicamente todo o Peloponeso formou parte da alianza.

A Liga subministraba seguridade aos seus membros e, principalmente, á mesma Esparta. A súa liña política foi, en xeral, de signo conservador, con apoio aos réximes oligárquicos e oposición aos tiránicos.

Con motivo das Guerras Médicas, a Liga do Peloponeso fundiuse na Liga Panhelénica (coalición de case todas as cidades gregas cando se produciu a invasión de Grecia polo Imperio persa na Segunda Guerra Médica), primeiro baixo o mando de Pausanias e máis tarde de Cimón de Atenas.

Ao acabar as guerras contra os persas, Esparta abandonou a Liga Panhelénica e constituíu de novo a do Peloponeso, xunto cos aliados orixinais. A Liga Panhelénica transformouse, á súa vez, na Liga de Delos, baixo a hexemonía ateniense. Ambas as Ligas entraron de contado en conflito, na Guerra do Peloponeso.

A Liga do Peloponeso tivo unha longa vida, chegando até ben entrado o século IV a.C. A batalla de Leuctra (371 a.C.), que supuxo o final da hexemonía espartana e o comezo da de Tebas, conduciu tamén á disolución da Liga do Peloponeso.

Organización

[editar | editar a fonte]

A Liga estaba organizada baixo o férreo control de Esparta, aínda que teoricamente baixo a autoridade de dous órganos: a Asemblea espartana (Apela) e o Consello dos aliados, no que cada membro contaba cun voto, independentemente do seu tamaño ou peso xeopolítico. Os Estados membros non tiñan que pagar tributo ningún, agás en tempo de guerra, cando se lles podía exixir dous terzos das súas tropas.

Só a propia Esparta tiña o dereito a convocar un encontro da Liga. Non se trataba dunha alianza multilateral, senón de acordos bilaterais entre cada membro e Lacedemonia, de modo que quedaba á discreción dos participantes asinar acordos entre eles. Do mesmo xeito, e aínda que cada Estado membro contaba cun voto, as decisións do Consello non eran vinculantes para Esparta, que podía facer caso omiso delas. Non se trataba, por tanto, dunha alianza en sentido estrito, así como tampouco incluíu nunca a totalidade do Peloponeso.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]