Saltar ao contido

Robert Bosch GmbH

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
ROBERT BOSCH GMBH

Editar o valor en Wikidata
TipoGmbH
Fundación15 de novembro de 1886
LocalizaciónGerlingen, Alemaña Alemaña
Persoas claveRobert Bosch, fundador
IndustriaAutomotriz
Automatismos
Elecrodomésticos
Seguridade
ProdutosFerramentas eléctricas
Electrodomésticos
Recambios do automóbil
Sistemas de seguridade
Beneficio46300 millóns de euros [1]
Beneficio neto3.800 millóns de euros [1]
Número de empregados248.853 [1]
Na rede
https://www.bosch.com/, https://www.bosch.de/, https://www.bosch.com.tr/, https://www.bosch-home.com.tr/, https://bosch-yetkiliservisi.com/, https://www.bosch.com.ar/, https://www.bosch-professional.com/ e https://www.boschcar.co.za
Facebook: BoschGlobal Twitter: BoschGlobal Instagram: boschglobal LinkedIn: bosch Youtube: UC1QiRmS2qhcsIrnggkMVLpg GitHub: boschresearch Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Robert Bosch GmbH, é unha compañía alemá fundada en 1886 por Robert Bosch en Stuttgart, Alemaña[2]. Nos comezos, a compañía dedicábase á innovación e fabricación de compoñentes para o automóbil. Hoxe en día abrangue moitos campos da electrónica e da mecánica sendo amais unha das principais empresas do país cun tecido empresarial conformado por 264 centros de produción, 250 delegacións comerciais e un cadro de persoal aproximado de 261.300 empregados.

Inicios baixo o mandato de Robert Bosch

[editar | editar a fonte]

O 15 de novembro de 1886 Robert Bosch abriu un Obradoiro para precisións mecánicas e enxeñaría eléctrica no 75B da rúa Rotebühlstrasse en Stuttgart. A razón que o levou a estabelecer o taller en Stuttgart foi a proximidade desta vila con Obertürkheim, onde vivía Anna Kayser, namorada de Bosch.[3]

Robert Bosch sempre tivera a idea de acadar algún día un negocio propio, para o que frecuentou asistindo decote o Politécnico de Stuttgart mesmo antes de estar rexistrado nel; así mesmo pasou seis meses na empresa do seu irmán Karl co obxectivo de mellorar os seus coñecementos de contabilidade. Bosch, usando un capital inicial de 10.000 marcos alemáns procedentes da herdanza do seu pai, estabeleceu o devandito taller en Stuttgart, cun único asalariado e mais un mensaxeiro. Nos comezos, o taller adicouse a revisións e reparacións de aparellos eléctricos. En 1887, Bosch fixo o primeiro deseño do prendido por magneto para motores de automóbil. Como moitos dos produtos Bosch da época, non foi un invento de seu, se non unha modificación do deseño inicial. O deseño foi todo un éxito e o pequeno taller pronto recibiu centos de encargas para a instalación do prendido por magneto. O auxe da empresa facilitou a Bosch poder sobrevivir ás dificultades económicas que sufriu a comezos da década de 1890 para ao cabo comezar a obter beneficios xa na década de 1900. Até ese momento o taller mantívose grazas a préstamos de familiares e bancos.[3][4]

A partir de 1900 a empresa centrouse no campo da automoción. Comezou a expansión da compañía e comezaron a abrirse os primeiros distribuidores de produtos Bosch fóra de Alemaña. En 1901, Robert Bosch abriu a primeira fábrica da súa empresa en Stuttgart con 45 traballadores. En 1910 abríase a segunda fábrica nas proximidades de Feuerbach. En 1915 o sistema de prendido por magneto de Bosch xa vendera un total de dous millóns de unidades. En 1913, a empresa tiña o 90% do mercado mundial de sistemas de prendido por magneto.

Antes da primeira guerra mundial, o 88% das vendas de Bosch realizábanse fóra de Alemaña. Ao remate da guerra, a maioría das oficinas e puntos de venda fóra de Alemaña foran nacionalizados e xa que logo perdidos pola empresa de Bosch.[5]

Expansión e modernización

[editar | editar a fonte]

A comezos da década de 1920, Robert Bosch restruturou a empresa, co gallo de facer fronte á devastadora crise de 1926, que afectou especialmente ao sector da automoción e que á propia compañía cunha rebaixa do 35% nas vendas. Robert Bosch elixiu a Hans Walz, Karl Martell e Hermann Fellmeth coma os novos directivos, e retirouse da xefatura da empresa.[3]

A nova dirección fixo recortes de persoal en tódolos niveis. Entre 1926 e 1927 rescindiuse o 25% do cadro de persoal. A crise axiña estivo baixo control e a compañía comezou a diversificación por campos alén da automoción para evitar a dependencia total do sector fronte a futuras crises. Xurdiron novas seccións coma a de ferramentas eléctricas, Junkers Gasgeräte (quentadores de auga), Blaupunkt (radios para fogar e automóbil), Fernseh GmbH (equipos para estudos de televisión), Kinobauer (proxectores de cine), e unha ampla gama de aparellos eléctricos para o fogar.

Durante este tempo Bosch introduciuse tamén no novo negocio creado a partir da invención dos sistemas de inxección para motores diésel.[3]

Baixo o réxime Nazi

[editar | editar a fonte]

Entre os anos 1933 e 1945 a empresa tivo que adaptarse ao novo réxime nacionalsocialista. Desde principios da década de 1930 Bosch viña sufrindo os efectos da crise global. Para evitar intrusións externas, Robert Bosch, 5 anos antes da súa morte, cambiara o tipo de empresa de AG (empresa pública limitada) a GmbH (empresa privada limitada). Cando estalou a segunda guerra mundial moitos dos traballadores de Bosch foron chamados a combater. A empresa adaptouse á economía de guerra usando a presos de guerra coma man de obra e producindo circuítos eléctricos para a industria armamentística alemá. Aínda con grandes beneficios reportados pola guerra, Hans Walz foi moi crítico co réxime nacionalsocialista. Walz criticou o sistema económico e a intrusión do estado na empresa privada. Só a importancia da súa posición en Robert Bosch GmbH coma provedor do exército alemán librou a Walz da prisión. Uns meses máis tarde, Bosch foi obxecto de investigacións por parte das autoridades alemás xa que se descubriu unha conexión entre a sede Bosch de Stuttgart e o intento de atentado contra Adolf Hitler do 20 de xullo de 1944. A Walz foille concedido o título de "Xusto entre as nacións" polo Yad Vashem mediante o estado de Israel en 1970 pola protección dos traballadores xudeus fronte ás deportacións ós campos de concentración.

Posguerra

[editar | editar a fonte]

Como moitas outras compañías alemás, Bosch comezou a súa reconstrución despois de 1945. Unha gran parte das instalacións de Stuttgart e Feuerbach foron gravemente danadas polos bombardeos. As máquinas importantes para a produción foron trasladadas a tempo a zonas rurais a fin de evitar a súa destrución. A partir do verán de 1945 xa había traballadores de abondo para retomar a actividade normal da compañía. A reforma de 1948 foi adoptada debido o rápido crecemento da empresa trala guerra.

Antigo letreiro de propaganda en Hamburgo

A forza de traballo aumentou de 10.000 traballadores a preto dos 40.000 no 1958. Asemade, as vendas pasaron de 85 millóns a 1.153 millóns de marcos alemáns, unha suba de 43 millóns a 580 millóns de euros. Porén, este crecemento foi ameazado pola descartelización feita polas potencias aliadas que ameazaba a ruptura de tódalas filiais no estranxeiro. Finalmente esta ruptura foi evitada grazas a que Bosch aceptou ceder as súas patentes a disposición das empresas competidoras dos devanditos países. Desde a década de 1950 a compañía fixo innovacións en novas áreas de negocio como automatismos electrónicos e desenvolvemento de compoñentes eléctricos para a regulación de xeradores. Tamén se introduciu no mercado da inxección de gasolina en 1951 e o desenvolvemento de novas ferramentas e electrodomésticos. Bosch foi unha das empresas involucradas no chamado "milagre económico alemán". Como consecuencia do auxe da economía da República Federal Alemá a empresa ampliou as súas instalacións en Stuttgart a mediados de 1950 e creou novas plantas no territorio alemá (por exemplo: Nuremberg, Ansbach, Giengen, Bühl e Blaichach).[3]

Transformación en grupo empresarial

[editar | editar a fonte]

A comezos da década de 1960, o director de manufacturación, Eugen Hagmaier, presentou a nova proposta de desenvolvemento do grupo Bosch. Baixo o seu punto de vista particular, dividiu a empresa en departamentos para un mellor rendemento produtivo e económico. A primeira división creada foi a de Ferramentas Eléctricas en 1960.

Hans Walz, presidente honorífico, e a xunta directiva redactaron unha nova constitución para a compañía en 1964 baseándose nos principios de Robert Bosch que conduciu a creación da asociación benéfica Robert Bosch Stiftung GmbH.[6]

Sede central en Stuttgart

En 1964 inaugurouse a sección de empaquetado e comezouse coa investigación de automatismos para a industria automobilística a raíz de adquisicións de empresas de pneumáticos e sistemas hidráulicos. Seguindo o modelo dos seus predecesores, Robert Bosch e Hans Walz, Hans L. Merkle, presidente de Bosch desde 1963 a 1984, priorizou a expansión internacional da empresa. En 1973 abriuse a primeira manufactura de Bosch nos Estados Unidos trala segunda guerra mundial comezando así a reincursión no mercado estadounidense que tan boas rendas dera nos comezos da compañía.

Unha nova diversificación da empresa deu lugar coa adquisición de Telenorma e ANT en 1982. Marcus Bierich, sucesor de Merkle e presidente da empresa entre 1984 e 1993, Bosch comezou a andanza no mundo das telecomunicacións no 1987 aínda que non foi ata 1989 cando se creou unha nova división adicada exclusivamente a este novo sector. En 1986 e despois de 60 anos, Bosch retomou gradualmente o sector tecnolóxico da televisión e finalmente en 1988 relanzou o negocio de proxectores e cámaras iniciado no 1934 coa compra de Eugen Bauer GmbH e abandonado trala primeira guerra mundial.

No período de 1960 até a caída do muro de Berlín, Bosch produciu o sistema controlado de inxección de gasolina (1967), o sistema ABS antibloqueo de freada (1978)[7], o control electrónico da inxección diésel EDC (1986)[8], sistema de navegación Blaupunkt TravelPilot (1989) e o sistema de estabilidade electrónico ESP.

De novo a compañía experimentou un grande auxe económico pasando de 2,2 billóns de marcos alemáns en vendas en 1963 (cerca de mil millóns de euros) a 32 billóns de marcos alemáns en 1990 (cerca de 16.000 millóns de euros). Os ingresos aumentaron neste período dun 35% a un 50% e a forza de traballo pasou de 73.000 a 180.000 traballadores.[3]

Actualidade

[editar | editar a fonte]

Desde 1990 até a actualidade comeza unha nova etapa na compañía. Cae o comunismo e ábrense os mercados de Europa do Leste e, doutra banda, os mercados asiáticos comezan unha era de rápido crecemento. O novo marco económico global é a globalización. En 1993, Marcus Bierich é sucedido por Hermann Scholl. A fin da guerra fría e a democratización do países membros do antigo Pacto de Varsovia axudan a Bosch (entre outras empresas) a acceder a novos mercados. Pese a tendencia do mercado mundial á recesión, a venda fóra de Alemaña, impulsada polos devanditos mercados de Europa do Leste e Asia, aumenta do 49% do total en 1993 ao 72% do total en 2000.

Desde 2003, o presidente da compañía e sucesor de Hermann Scholl é Franz Fehrenbach. Arestora Bosch encóntrase en proceso de expansión, adquirindo novas empresas (por exemplo: Zexel Corporation, MICO e AlliedSignal) e cooperando con outras (por exemplo: Magneti Marelli e ZF Friedrichshafen). A forza de traballo pasou de preto de 200.000 traballadores no ano 2000 a 250.000 no ano 2006.[1]

Empresas subsidiarias e departamentos

[editar | editar a fonte]
  • Atco-Qualcast Ferramentas para o coidado do xardín. Adquirida en 1995.[9]
  • Blaupunkt: Nace no 1923 baixo o nome de '"Ideal"'. Nun primeiro momento, co negocio da radiofonía recentemente creado, a empresa adícase a fabricación de auriculares. Coma anécdota, os produtos que pasaban os controis de calidade en Alemaña recibían un punto azul coma selo de calidade, co que o pouco tempo asociouse o devandito punto con artigos de calidade. En 1938 renomeouse a empresa coma Blaupunkt (punto azul en alemán). Durante seis décadas a compañía pasou a formar parte do grupo Bosch e centrouse na fabricación e innovación no campo das radios para automóbiles.[10]. No ano 2008, Blaupunkt desvincúlase de Bosch e pasa a formar parte da empresa muniquesa Aurelius.[10]
  • BOMORO[11]
  • Bosch
    • Bosch Service: rede de talleres.
      Taller da rede Bosch Service
    • Bosch Security Systems: rede de vixilancia e servizos telefónicos de asistencia ó cliente.
    • Bosch Communications System: integrada por diferentes empresas, adícase a servizos variados relacionados coas telecomunicacións.[12]
    • Electrodomésticos Bosch: fabricación de electrodomésticos.
    • Bosch Ferramentas Eléctricas: fabricación de ferramentas eléctricas.
      • Dremel: fabricación de ferramentas eléctricas[13]
      • Skil: fabricante de ferramentas eléctricas[14]
  • Bosch Rexroth: control hidráulico, pneumático, válvulas e demais elementos mecánicos[15]
  • BT Magnet-Technologie: (50 %, copropietario con TDK) subministracións metálicas e sintetización de imáns [16]
  • ELM Leblanc: fabricante de caldeiras eléctricas.[17]
  • Hawera Probst: fabricante de ferramentas e derivados para a construción.[18]
  • HESSER
  • Junkers: fúndase en 1895 en Dessau, Alemaña, coma Junkers & Co. En 1932 o grupo Bosch compra a empresa pasando a formar parte da división de termotecnia de Bosch até a actualidade.

Knorr-Bremse Systeme für Nutzfahrzeuge (20%)

  • LR Nelson garden: fabricante de produtos para o coidado do xardín.
  • Oil Control Group: fabricante de válvulas para maquinaría. Adquirida en 2005 e integrada en Bosch Rexroth.[19]
  • Pacifica group: fabricante de freos. Adquirida en 2006.[20]
  • S–B Power Tool
  • Sia Abrasives
  • SIGNALBAU HUBER: fabricante de paneis e útiles eléctricos para o control do tráfico.[21]
  • Van Doorne’s Transmissie, VB Autobatterie
  • Worcester Group: fabricante de caldeiras.[22]
  • ZF Lenksysteme: fabricante de electrónica do automóbil.[23]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  2. "Robert Bosch GmbH Company Profile". Yahoo! Finance. Yahoo!. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de outubro de 2010. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  4. Bosch, Life and Work. Documento pdf.[Ligazón morta]
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  6. http://www.bosch-stiftung.de/content/language2/html/index.asp
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  10. 10,0 10,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  11. http://www.alacrastore.com/storecontent/Thomson_M&A/Robert_Bosch_GmbH_acquires_Bomoro_Bocklenberg_und_Motte-442010040[Ligazón morta]
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  13. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  16. http://www.btmt.de/index_en.htm
  17. http://www.elmleblanc.fr/
  18. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  19. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2008. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  20. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  21. http://www.signalbau-huber.de/de/home
  22. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2009. Consultado o 28 de marzo de 2009. 
  23. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 28 de marzo de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]