Ricky Martin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ricky Martin en 2013

Enrique Martín Morales, máis coñecido polo seu nome artístico Ricky Martin, nado en San Juan o 24 de decembro de 1971, é un cantante, compositor, actor e escritor portorriqueño. Iniciou a súa carreira musical a mediados da década dos 80, como vocalista dun grupo xuvenil chamado Menudo.

A partir de 1991 estableceuse como solista. Lanzou nove álbums de estudo, tres recompilacións e máis de cincuenta sinxelos en español e inglés. Vendeu 60 millóns de álbums como solista. O seu álbum máis vendido é o que lanzou en 1999, titulado Ricky Martin.

Entre as súas cancións máis recoñecidas atópanse«Adeus», «Come with Me», «Disparo al corazón», «Fuego contra fuego», «Fuego de noche, nieve de día», «Jaleo», «La copa de la vida», «La Mordidita», «Livin' la vida lica», «María», «Más», «Nada es imposible», «Por arriba, por abajo», «She Bangs», «Tal vez», «Volverás» e «Vuelve!».

Ao longo da súa carreira recibiu premios como dous Grammy, cinco Latin Grammys, tres Billboard, oito Billboard Latin Music Awards, oito MTVs, oito World Music Awards e dous American Music Awards.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O 29 de marzo de 2010 Martin fixo pública a súa homosexualidade a través de Twitter, ao manter unha relacion amorosa co chileno Cristobal Olivos, enlazando a unha misiva reproducida na súa páxina web oficial.[1] Ademais, Ricky Martin ten dous fillos xemelgos, Valentino e Matteo, os cales foron concibidos mediante xestación subrogada.[2] Desde que fixo pública a súa homosexualidade, Martin recibiu críticas por parte da igrexa; o cardeal portorriqueño Luís Aponte Martínez pediu ao cantante que promova os "valores tradicionais e non só o sexo".[3]

O 4 de novembro de 2011, o goberno de España, presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, concédelle a nacionalidade española, con base a que ten familiares españois e un domicilio en Madrid. Segundo recoñeceu o cantante, coa cidadanía pretendía casar en España para recoñecer o traballo do goberno de Zapatero en defensa dos dereitos dos homosexuais.[4][5]

No Nadal de 2013 rematou a relación co seu mozo Carlos González Abella, segundo confirmou a representante do artista Helga García ao xornal de Porto Rico El Nuevo Día.[6] A súa relación con González Abella foi determinante para que Martin saíse do armario en 2010, segundo declaracións do propio artista.[7] A nova da ruptura tivo eco inmediato na prensa internacional.

Dende 2016, mantén unha relación con Jwan Yosef, un artista de orixe siria. Os rumores sobre o romance xestáronse a principio de ano cando foron captados polos paparazzis camiñando xuntos por Nova York e máis tarde, no mes de abril, foron vistos de vacacións no Xapón. Finalmente, Martin oficializou publicamente a súa relación con Yosef o 16 de abril de 2016 ao colgar na rede social Instagram unha postal de ambos os dous collidos da man nun evento benéfico no Brasil, foto que acompañou cunha breve pero expresiva mensaxe: "Yup." ("Si" en inglés).

Martin desde o ano 2013 é vexetariano declarando «Levo sete semanas cunha alimentación completamente vexetariana, e síntome incríbel. Sen peixe, sen carne vermella e sen polo», e practica ioga para manter unha vida saudábel. Martin é zurdo.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]