Aires da miña terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aires da miña terra
Aires da miña terra 1886.jpg
3ª edición, de 1886
Título orixinal Aires d'a miña terra
Autor/a Manuel Curros Enríquez
Orixe Galiza
Lingua galego
Xénero(s) Lírica
Data de pub. 1880

Aires da miña terra (orixinalmente Aires d'a miña terra) é un poemario de Manuel Curros Enríquez publicado en 1880.

Características[editar | editar a fonte]

É unha escolma de textos compostos en diferentes momentos e con temática diversa: costumista, intimista e denuncia social. A primeira edición estivo a cargo de Antonio Otero (Ourense, 1880). Na segunda edición, por conta de La Ilustración Gallega y Asturiana (Madrid, 1881), Curros aumentoulle 6 poemas. Na terceira edición, a cargo de Latorre y Martínez Editores, Biblioteca Gallega (A Coruña, 1886), aínda lle engadiu outros 9, incluíndo a edición definitiva un total de 34 composicións.

En ocasións adoita publicarse conxuntamente coa outra obra lírica de Curros, A Virxe do Cristal.

Repercusións[editar | editar a fonte]

S'eu fixen tal mundo que o demo me leve.

O libro de poemas pon de manifesto o seu anticlericalismo ó considerar que a Igrexa non se achega ós pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra publica o poema "Mirand’ó chau" no que, entre outras cousas escribe o celebre verso S’eu fixen tal mundo, que o demo me leve. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880 o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo Rodríguez condena e reproba o libro por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbeselles ós fieis a lectura e posesión do libro e remátase excomungando a Curros. Simultaneamente, o bispo de Ourense denuncia diante das autoridades xudiciais o libro de Curros. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que Curros foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ó pago dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, foi absolto na Audiencia da Coruña.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Un verso do poema "¡Ai!" aparece no capítulo XVII da obra Platero e mais eu, de Juan Ramón Jiménez. No capítulo o autor andaluz di de Curros que era "padre más que poeta".

Traducións[editar | editar a fonte]

Existen varias traducións ao castelán. A primeira, do ano 1892, foi feita por Constantino Llombart e publicada por Bernardo Rico cun prólogo de Vicente Blasco Ibáñez[1].

Existen versións posteriores de Xavier Costa Clavell (1987) [2] e de Pablo María Morell González (2008)[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha en BiTraGa.
  2. Ficha en BiTraGa.
  3. Ficha en BiTraGa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]