Rego (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rego
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Rego, con subtítulo Documentos pro galeguismo, foi unha revista clandestina galega de carácter nacionalista, editada nos anos finais da ditadura (1975) pola editorial Roi Xordo en Xenebra. A pesar da súa curta duración, tivo moito a ver co espallamento das ideas galeguistas e democráticas nun mundo sumido nas políticas ditatoriais. O seu formato consistía en páxinas fotocopiadas e algunha fotografía ou debuxo con temática galega.

Características[editar | editar a fonte]

No primeiro número, de agosto de 1974, analízase a situación da economía galega do momento e a problemática sofrida pola lingua e cultura galegas ao longo do tempo.

Ofrecía artigos políticos, culturais ou económicos referentes á realidade galega. Tamén se repasa a figura de Castelao ao longo dos distintos números da revista, atendendo a súa vida, obra e actividade política. A revista publicaba artigos de todo aquel que tivese a ben participar libremente na causa. Alén diso, a revista tamén ofrecía aos seus lectores poemas (varios deles inéditos) dalgúns autores destacados do momento como Méndez Ferrín ou Manuel María.

Baseados os datos nos exemplares nº 2, 3 e 4-5 pódese concluír que as edicións constaban de entre 20 e 30 páxinas, a máis longa, esta última ao constar de dúas edicións unidas.

O nº1: 17 páxinas

O nº2: 26 páxinas

O nº3: 23 páxinas

Os nº 4-5: 32 páxinas

Estaban escritas con máquina de escribir nunha única cor, a negra. “Rego” era unha empresa multicopista, eles mesmos reescribían unha e outra vez as súas edicións para distribuílas nos distintos puntos de venda.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

En tempos de guerra e post-guerra, en Galiza pártese dunha situación de desfavorecemento en contraste co resto de España. Os niveis de desalfabetización son moito maiores, hai unha economía moi precaria e moi escasos desenvolvementos en calquera dos ámbitos da vida, o que levou á poboación galega, a pertencer a maior parte do número de emigrantes.

A ditadura franquista non trouxo consigo ningún tipo de avance para Galiza, é máis foi un dos territorios máis masacrados debido, non só a pobreza que xa había e que aumentou nestes tempos, senón tamén, á literatura baseada no idioma propio e nos movementos políticos que defendían a cultura de Galiza contra os intereses españois.

Periodicidade[editar | editar a fonte]

Desta revista, publicáronse cinco edicións, sen periodicidade regular, de 1974 a 1975.

  • N.º 1, agosto de 1974.
  • N.º 2, setembro de 1974.
  • N.º 3, decembro de 1974.
  • N.º 4-5, maio de 1975.

Custo[editar | editar a fonte]

  • Galiza e Estado español: 20 pesetas por exemplar e 400 pesetas a suscripción
  • Suíza: 2 francos suízos o exemplar e 25 francos a suscripción
  • Francia: 2 francos franceses o exemplar e 30 francos a suscripción
  • América Latina e outros países: 0,50 dólares americanos por exemplar e 10 dólares a suscripción

A revista tiña un amplo alcance en canto aos diversos lugares nos que se tiña a posibilidade de a mercar.

Colaboradores e integrantes[editar | editar a fonte]

Pola temática da revista sábese que os colaboradores eran de nacionalidade galega.

Figuran como autores de artigos desta revista Carlos Casares, Celso Emilio Ferreiro, Eliseo Alonso Rodríguez, Manuel Lueiro Rey, Manuel María, Xavier Costa Clavell, Xosé Luís Méndez Ferrín,  Francisco Rodríguez, Mª Xosé Queizán, Bernandiño Graña, Otero Pedrayo.

Importantes personalidades do mundo da literatura galega estaban inmersos no movemento e causa da revista "Rego", tamén destaca a escasa presenza de figuras femininas entre os colaboradores.

O contar con estas personalidades influentes dotaba á revista por unha banda de prestixio e por outra de máis peso a nível institucional.

Estrutura da revista[editar | editar a fonte]

Os diferentes exemplares da revista dividíanse en varios apartados; cada un dos cales trataba sobre un documento diferente, sempre seguindo unha mesma liña temática, tal e como xa se indica no subtítulo da propia revista “Documentos pro galeguismo”.

Moitos dos apartados referidos ao movemento galeguista e outros tantos sobre personalidades democráticas doutros lugares e que deberían servir de exemplo para España.

Carácter político e aspiracións[editar | editar a fonte]

A pesar da súa curta duración, foi un importante foco de publicacións de carácter galeguista. Defendía ideas como o nacionalismo galego, a igualdade entre pobos, o antiimperialismo, a radicalización do proceso revolucionario, a normalización do idioma galego, o anticolonialismo, etc. publicando textos de diferentes autores, de entre os cales algúns defendían que se non se constrúe un Estado Galego, a lingua chegará a desaparecer.

Nesta revista reflíctense os ideais tanto de particulares como de conxuntos tales como UPG, un grupo nacionalista que promove en 1973 unha escisión de A Nosa Galiza e funda A Irmandade Galega. Esta asociación promove a defensa de Galiza como nazón mais nunca ligando este movemento coa causa portuguesa, polo que non se fai referencia lingüístico-cultural galego-portugués.

A parte destas reivindicacións políticas, tamén tratan temas tales como a filosofía, relixión, humorismo ou certamente máis ligado ao punto anterior, a recuperación de figuras centrais na tradición galeguista e comunista como Castelao ou Che Guevara.

Tipo de publicacións[editar | editar a fonte]

Na revista publicábanse artigos que trataban a problemática galega, e tamén textos narrativos, poesía e cartas. Os artigos foron especialmente significativos para o galeguismo. Entre eles destaca o texto dunha conferencia por Xosé Luís Méndez Ferrín[1], que tivo lugar na Irmandade Galega, en Suíza, o 17 de Maio de 1975, na que fala da “situación anormal” do pobo galego. En primeiro lugar, pola situación da lingua que non ten o soporte das institucións gobernamentais e despois polo “colonialismo interno” ó que Galicia está sometida. Este texto vén tamén acompañado por unha revisión histórica da traxectoria do galeguismo.

Existen tamén dentro da revista artigos que tratan o tema da precaria situación da literatura galega dadas as condicións do idioma. Fan unha reflexión, deste xeito, sobre as clases pequenoburguesas que eran as que mantiñan vivo o idioma pero acabábano por radicalizar ligándoo a diferentes posturas políticas. En busca da mellora desta situación, se fai eco da literatura para espallala e dar continuidade ao idioma galego que tiña o risco de desaparecer; moitos dos discursos que tratan este aspecto, teñen vixencia na actualidade debido á que a situación non cambiou.

É interesante destacar que na publicación número 2 hai un apartado dedicado a Castelao, titulado do «Frases do libro de Daniel Castelao "Sempre en Galiza"»[2] e que por outra banda existe tamén un apartado chamado “Poemas de autores galegos pro Che Guevara”. Polo tanto está vixente a corrente ideolóxica do comunismo a pesar dos difíciles tempos para as persoas que seguían estas correntes.

Polo tanto, os temas que trata en ligazón a Galiza están relacionados coa propia lingua, coa política que tamén afecta ao anterior, e non só política galega senón que tamén, correntes ideolóxicas que cobran cada vez máis forza e que serán imitadas en Galiza.

Análise de contidos[editar | editar a fonte]

Baseados nos exemplares nº 2, 3 e 4-5.

Todos comezan cunhas páxinas falando sobre o prezo e a suscrición ao propio xornal.

  • Nº 2:
    • Aitualidade e progresismo de  Daniel Castelao
    • Mensaxe do patronato da cultura galega do Uruguai
    • Vida, obra e pensamento de Castelao/Manuel María
    • Frases do libro de Castelao, Sempre en Galiza.
    • Encol do “informe dramático sobre la lengua gallega”, tres testos da polémica antre o profesor Francisco Rodríguez e o autor do libro Xesús Alonso Montero.
    • Tolería pra unha desmitificación- María Xosé Queizán.
  • Nº 3:
    • Pequeno resume da hestoria da Galicia moderna
    • Poemas de autores galegos sobre o Che Guevara
    • Encol do fenómeno cultural na Galicia, formación
  • Nº 4-5:
    • Apuntes críticos pra unha hestoria do galeguismo moderno de 1916 a 1936- Xosé Luis Méndez Ferrín.
    • Carta aberta de traballadores inteletuás portugueses, encol da represión sobor da cultura galega.
    • A dependencia económica, social e política de Galicia, clases sociás en Galicia- coleitivo.
    • Resolucións finais dunha asambreia da Federación Mundial de Sociedades Galegas- coleitivo.
    • Poesía galega inédita, poemas de Xavier Costas Clavel/ Manuel María/ Xosé Luis Méndez Ferrín/ Bernardino Graña.

Razóns do seu cesamento[editar | editar a fonte]

A razón do cesamento desta revista foi a mudanza de estratexias da UPG, que deixou de publicar as revistas Galicia Emigrante, Rego e Galicia Hoxe, para promover a creazón da empresa Promocións Culturais Galegas S.A. focándose na edición do seminario “A Nosa Terra”.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Méndez Ferrín, Xosé Luis (1975). "Apuntes críticos pra unha hestoria do galeguismo moderno de 1916 até 1936". Rego: Documentos pro Galeguismo (4-5): 3–11. 
  2. "Frases do libro de Daniel Castelao "Sempre en Galiza"". Rego: Documentos pro Galeguismo (2): 13–14. 1974. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BLANCO CAMPAÑA, X. L. (1996): Radio e prensa na Galicia Exterior, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, p. 170
  • LÓPEZ-IGLESIAS SAMARTIM, R. (2010): O processo de construçom do sistema literário galego entre o franquismo e a transiçom.
  • SANTOS GAYOSO, E. (1995): Historia de la Prensa Gallega: 1800-1993. Tomo II, Sada, Ediciós do Castro, p. 201

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]