Queer as Folk (Estados Unidos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Queer as Folk
Na rede
http://www.sho.com/queer
IMDB: tt0262985 Allocine: 9 Metacritic: tv/queer-as-folk TV.com: shows/queer-as-folk-american Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Queer as Folk é unha coprodución televisiva dos Estados Unidos e o Canadá, producida por Showtime e Temple Street Productions e baseada na serie británica do mesmo nome creada por Russell T. Davies. Os guionistas principais son Ron Cowen e Daniel Lipman, que tamén a produciron xunto co presidente de Warner Bros. Televisión, Tony Jonas.

Dela rodáronse cinco tempadas, que foron emitidas orixinalmente entre os anos 2000 e 2006.

Descrición técnica[editar | editar a fonte]

A serie narra a historia común de cinco homes gais que viven en Pittsburgh, Pensilvania: Brian, Justin, Michael, Emmett e Ted; dunha parella de lesbianas, Lindsay e Melanie; e da nai de Michael, Debbie. Outro personaxe principal, Ben, introduciuse na segunda tempada. A serie relata o estilo de vida dos homosexuais na Norteamérica actual e combina drama, humor e sexo.

O título da serie vén dunha expresión dialectal dalgunhas partes do norte de Inglaterra "there's nought [pronunciado coloquialmente con 'nowt'] so queer as folk", que significa "nada é tan estraño como a xente". É, ademais, un xogo de palabras, xa que "queer" significa "marica" ademais de "estraño".

Emisión[editar | editar a fonte]

Queer as Folk, na súa produción americana, contou con cinco tempadas (2000-2006), con ao redor de vinte capítulos as dúas primeiras e quince as tres últimas (20 máis pilotos, 20, 14, 14 e 13, respectivamente), dun pouco menos dunha hora de duración cada un.

A serie comezou a emitirse a través da canle Showtime, no ano 2000, e a partir de 2001 emitiuse simultaneamente na canle xemelga Showcase, que forman parte do mesmo grupo televisivo. O perfil máis xeneralista de Showtime motivou que, a diferenza da serie británica, as emisións fosen precedidas dun texto de aviso en pantalla: "Queer as Folk é unha representación das vidas e as paixóns dun grupo de amigos gais. Non trata de reflectir toda a sociedade gai". Nas emisións en Showcase non se incluíu este anuncio.

A serie conseguiu grandes cotas de audiencia tanto en Showtime como en Showcase. De feito, as esixencias de publicidade obrigaron a estender os capítulos a 1'10" con cortes ao final da quinta tempada (Showcase, posto que en Showtime se emitía sen publicidade interna).

Emisión internacional[editar | editar a fonte]

Ademais de nos Estados Unidos e o Canadá, a serie emitiuse en cando menos once países do mundo, se ben non en todos integramente. En Galiza emitiuse en formato analóxico e aberto pola canle española Cuatro (o último capítulo emitiuse o 13 de outubro de 2007). Ademais, está prevista a venda en España do DVD con edición propia.

  • A serie foi emitida semanalmente no Brasil baixo o título Os Assumidos pola canle de cable Cinemax.
  • Desde o 9 de xaneiro de 2006 emítese semanalmente en Alemaña co título orixinal, na canle aberta ProSieben.

Produción[editar | editar a fonte]

Para conseguir unha rebaixa dos custos de produción, a serie gravouse no Canadá, malia estar ambientada nos Estados Unidos.

Existen rumores sobre a previsión inicial de que a serie tivese seis episodios, pero finalmente tivo só cinco. Showcase, que estaba conseguindo bastante beneficio coa publicidade, considerou brevemente producir unha sexta tempada, pero como Showtime posuía a maior parte dos dereitos e puña a maior parte dos cartos, desestimaron a idea. Publicamente os guionistas Ron Cowen e Daniel Lipman comentaron que non crían que houbese máis que contar[Cómpre referencia], e Randy Harrison (o actor que interpretaba a Justin) declarou que, se a serie continuase unha sexta tempada, el non estaría nela.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Brian Kinney é un guapo executivo publicista de 29 anos cun voraz apetito sexual. Foi criado por un pai vividor e alcohólico, e unha nai obsesivamente católica, ambos de ascendencia irlandesa. Vive unha vida autocontida na que el é o centro, preferindo a honestidade da luxuria á deshonestidade (e vulnerabilidade) que percibe no amor e o romance. Tende a mostrarse frío e pragmático nos seus actos, pero en realidade é nobre e cun grande amor polos seus amigos. Heterofóbico de corazón e rebelde nos seus actos e forma de actuar.
  • Michael é o mellor amigo da infancia de Brian, e tamén está a piques de cumprir 30 anos. Ten ascendencia italiana. Ó principio da serie, Michael traballa nunha tenda chamada The Big Q e é un fanático dos cómics e do superheroe "Capitan Astro".
    Michael está profundamente namorado de Brian, aínda que este non lle corresponde e moitas veces manipúlao sabendo do seu amor cara a el. Michael é moi celoso de Justin e sempre teñen regueifas, e moitas veces compórtase coma un neno, mais na maioría dos seus actos é responsable.
  • Ted, é un contable de 33 anos con baixa autoestima. Esta namorado de Michael en segredo. É introvertido e sempre se queixa do seu mal aspecto. Adoita visitar páxinas porno e é amante da ópera e a boa comida.
  • Emmett é un sureño histriónico que traballa nunha tenda de roupa moderna chamada "Torso" en Liberty Avenue.

Trama[editar | editar a fonte]

No primeiro episodio aparecen os catro amigos terminando a noite nun oasis gai idealizado chamado Babylon. Un canso Brian recolle e desflora ó sensible e artístico Justin, un estudante de instituto de 17 anos que se converte en moito máis que un ligue dunha noite. Brian tamén se converte en pai esa noite, do neno dunha amiga, Lindsay, unha profesora de arte, e da súa parella, Melanie, unha avogada que detesta a Brian tanto como Lindsay o ama. Debbie é a nai de Michael, e unha activista pro-dereitos gai. É camareira en Liberty Diner, que serve de refuxio para o grupo de amigos. O irmán de Debbie, Vic, é un enfermo terminal de SIDA, e vive con ela.

Os personaxes enléanse de diversos xeitos ó longo dos cinco anos. O aparentemente inquebrantable amor de Michael por Brian alimenta a historia, que ocasionalmente narra en voz en off. A saída do armario de Justin e a incipiente relación con Brian teñen efectos inesperados na vida de Michael e Brian. Justin confía todo á súa amiga e compañeira heterosexual do instituto, Daphne, mentres tenta lidar cos seus compañeiros de clase homófobos e cos seus pais, sorprendidos e a piques de divorciárense, Craig e Jennifer. Máis adiante, na segunda tempada, Justin e Michael crean un cómic sexualmente explícito, con "Rage: Gay Crusader" como superheroe, inspirado en Brian.

Gus, o fillo de Brian, criado por Lindsay e Melanie, convértese no foco de diversos episodios, nos que se tratan os problemas dos dereitos parentais. Ted é o contable de Melanie, e durante moito tempo mantivo un amor platónico por Michael. El e Emmett comezan coma bos amigos, pero pouco a pouco convértense en amantes segundo avanza a serie. A súa relación termina cando Ted, desempregado e cun expediente criminal aberto por crear unha web pornográfica, vólvese adicto á metanfetamina ou "crystal". Na cuarta tempada Brian, que perdeu o seu traballo por axudar a Justin no canto da un cliente político anti-gai, abre a súa propia axencia. Posteriormente sabe que ten cancro testicular. Brian non quere que os seus amigos o saiban porque se sente "imperfecto" e cre que non o van querer se se decatan da operación. Michael casa con Ben, que é seropositivo, e ambos adoptan un fillo, Hunter, que tamén é seropositivo como resultado das súas experiencias como prostituto xuvenil.

A relación de Melanie e Lindsay, aínda que na superficie representa unha relación máis "estable", é bastante tumultuosa e controvertida. Ambas se enganan en varios puntos da serie, así como se apoian en terceiras persoas xusto despois de casaren nunha cerimonia, e mantéñense separadas case toda a cuarta e quinta tempada. Melanie é fecundada por Michael a través da inseminación artificial na cuarta tempada, polo que os dous amigos son agora co-padrastros. A nova axencia de publicidade de Brian, Kinnetic, se converte nun éxito mercede á combinación da lealdade da súa clientela e da súa publicidade rompedora. Como resultado disto, Brian compra o Club Babylon ó seu dono arruinado.

Na quinta e última tempada, os mozos transformáronse xa en homes, e a serie, quizais máis cómoda no seu rol de entretemento para o público gai, toca asuntos políticos con moito máis fervor.

Unha campaña política chamada "Proposta 14" preséntase durante gran parte da última tempada coma un probable obstáculo ás relacións familiares que os catro principais protagonistas crearon. Esta proposta, como moitos recentes movementos lexislativos que afectaron a diversos estados dos Estados Unidos, tratan de ilegalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a adopción e outros dereitos civís. As diversas maneiras en que esta proposta podería afectar ós personaxes desgránase case en cada episodio. Amósase a Debbie, Justin, Jennifer, Daphne, Emmett, Ted, Michael, Ben, Lindsay, Melanie e os nenos enfrontándose e loitando contra a lei tanto por métodos activos, como por contribucións políticas ou outros métodos democráticos, pero encontraranse cunha férrea oposición, discriminación, odio visceral e atrasos políticos na súa veciñanza.

A serie acada o seu cumio case ó final, ó estourar unha bomba nunha festa benéfica contra a Proposta 14, que se desenvolve no Club Babylon de Brian (após varios cambios de localización, debidos a discriminacións), matando a catro persoas (incluíndo un personaxe secundario) e ferindo a 67.

Este horrible acontecemento empraza o ton agridoce dos tres últimos episodios, nos que Brian, aterrado pola súa case terceira perda de Justin, decláralle finalmente o seu amor. Os dous chegan a planear unha voda, pero as habilidades artísticas de Justin chaman a atención dunha axencia de Nova York, e os dous toman unha decisión consonte un achegamento máis realista da relación que funcionaría entre os personaxes. Melanie e Lindsay, decatándose de que teñen máis en común do que as separa, volven xuntas, pero múdanse ao Canadá, para "criaren (ós seus fillos) nun ambiente onde non se lles chame nada, nin se lles separe por discriminación nin teñan que temer polas súas vidas".

Música[editar | editar a fonte]

Hai editados varios álbums coa banda sonora das diferentes tempadas de Queer as folk

Unha das características é que cada capítulo remata cunha canción distinta aludindo ó tema do episodio, que segue ó momento de rematar a derradeira toma do capítulo e ó aparecer os créditos.

Entre os artistas que se poden escoitar a través das cinco tempadas están Junkie XL, Madonna, Peter Rauhofer, Chemical Brothers, The Cure, Antiloop, Amanda Ghost, Broken Social Scene, Burnside Proyect, Cassius, Chris Zippel/Namtrak, Cyndi Lauper, Daft Punk, Deborah Cox, Delirium, The Smiths, Underworld, DV Roxx, Fatboy Slim, Geri Halliwell, Goldfrapp, Heather Small, IIO, Jason Navis, Kosheen, Mandalay, Marilyn Manson, Origene, Roc Project Feat. Tina Arena, Dj Tiesto, Doves, Satoshi Tomiie, Scissor Sisters, Pet Shop Boys, Sneaker Pimps, Soundtrack Of Our Lives, The Reindeer Section, Touch and Go, TV On The Radio, Yoko Ono, Danny Tenaglia, Placebo, Full Frontal, Sarah McLachlan, Junior Vasquez, Ultra Naté, Black, Sigur Rós ou Peter Presta.

Dobraxe ó castelán[editar | editar a fonte]

A dobraxe da serie ao castelán foi realizada nos Estudios Sonygraf de Barcelona. O elenco das principais voces é o seguinte:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]