Metanfetamina
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
| |
(S)-N-metil-1-fenilpropan-2-amina | |
Número CAS |
Código ATC |
Fórmula química | C10H15N |
Peso molecular | 149.24 |
Metabolismo | Hepático |
Vida media | 4-5 horas |
Eliminación | Renal |
Categoría embarazo |
C (Estados Unidos) |
Status legal |
Lista II (Estados Unidos) |
Presentación | Comprimidos de 5 mg |
Indicacións: |
A metanfetamina (desoxiefedrina) é unha droga psicoestimulante. É un axente agonista adrenérxico sintético, estruturalmente relacionado co alcaloide efedrina e coa hormona adrenalina.
O composto, na súa forma pura, é un po branco, cristalino, inodoro, de sabor amargo, moi soluble en auga ou etanol.
Historia[editar | editar a fonte]
Foi sintetizada en Xapón en 1919, tomando como modelo a molécula de anfetamina. Porén, non se comezou a comercializar até 1938, co nome de Methedrina. Orixinalmente utilizábase en desconxestivos nasais e inhaladores bronquiais.
En 1971 a Convención Internacional de Psicotrópicos someteu a control a metanfetamina, situándoa na Lista II. Seguiu sendo legal, pero a súa circulación viuse drasticamente reducida. Na actualidade este status segue sendo válido (aínda que só sexa nominalmente) na maioría dos países. No Reino Unido a forma oral está en Lista II (Clase B, na súa lexislación).
Efectos fisiolóxicos[editar | editar a fonte]
Aínda que a estrutura química da metanfetamina é similar á da anfetamina, os seus efectos sobre o sistema nervioso central son máis pronunciados. A molécula de metanfetamina ten a habilidade de cruzar moi facilmente a barreira que separa o cerebro do resto do corpo, tecnicamente coñecida como barreira hematoencefálica. Esta habilidade permite que os niveis de substancia no cerebro acaden unhas 10 veces os niveis en sangue, logrando exercer a súa acción case exclusivamente sobre o SNC.
A metanfetamina está indicada no tratamento da narcolepsia, da desorde caracterizada por déficit de atención e tamén no control da obesidade. O último uso, aínda que vixente, está pouco aceptado na actualidade; as indicacións para narcolepsia e TDAH son recoñecidas como terapéutica de segunda liña.
Contrabando[editar | editar a fonte]
Fabrícase en laboratorios clandestinos usando procedementos sinxelos e ingredientes relativamente baratos, xeralmente de fácil acceso. Por esta causa, sobre todo nos Estados Unidos, establecéronse normas legais sobre unha serie de substancias químicas que poden servir como precursores ou reactivos na síntese desta droga, como a efedrina. Estes factores combínanse para facer da metanfetamina unha droga de gran circulación, cuxo abuso está moi estendido nos Estados Unidos e en varios países de Europa.
O produto vendido na rúa é coñecido no argot como "anfetas", "meta" ou "tiza" en castelán e como "meth" e "crank" en inglés. O clorhidrato de metanfetamina consiste en pedazos de cristais transparentes parecidos ao xeo, que se poden inhalar fumándoos. Nesta forma coñécese como ice, crystal ou glass ("xeo", "cristal", ou "vidro").
Adicción[editar | editar a fonte]
A droga ten un alto potencial de adicción, e só é accesible mediante receitas médicas oficiais, que non se poden renovar. A metanfetamina é coñecida pola súa reputación de estimulante adictivo. Como a anfetamina, incrementa a actividade, reduce o apetito e produce unha sensación xeral de benestar. Excita receptores neuronais vencellados ás sinais de recompensa e gratificación: produce euforia, alivia a fatiga e mellora o rendemento en tarefas simples.
Os efectos da metanfetamina poden durar até 6 ou 8 horas. As persoas adictas poden permanecer espertas durante varios días, o que provoca un crecente agotamento físico, psicolóxico e cognitivo. Porén, a droga bloquea as sinais somáticas (fatiga, sono, fame...) que advirten sobre a deterioración funcional progresiva. Nestes casos, unha vez que a droga abandona o organismo, as persoas con adicción poden experimentar estados de grande axitación psicomotriz, ás veces asociados con comportamentos violentos e delirios persecutorios, chegando a cadros de disociación psíquica apenas distinguibles dos que caracterizan a unha esquizofrenia de tipo paranoide. Estas manifestacións psiquiátricas de toxicidade prodúcense por sobredosificación e en casos de adicción crónica a doses altas (especialmente por vía parenteral); nestes casos denomínanse psicoses anfetamínicas na práctica clínica.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Errol Yudko, Harold V. Hall e Sandra B. McPherson: Methamphetamine Use: Clinical and Forensic Aspects, CRC Press, Boca Ratan, Fl, 2003.
- Uncle Fester: Secrets of Methamphetamine Manufacture.
- Pierre-Arnaud Chouvy e Joël Meissonnier: YAA BAA. Production, Traffic and Consumption of Methamphetamine in Mainland Southeast Asia, Singapore University Press, 232 p., 2004.
- Alexander Shulgin e Ann Shulgin: Phenethylamines I Have Known And Loved: A Chemical Love Story, ISBN 0-9630096-0-5).
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "La Metanfetamina, Abuso y Adicción", artigo en www.nida.nih.gov (en castelán).
- First National Conference on Methamphetamine ~ Science & Response: 2005 (en inglés).