Proceso de Boloña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mobilizacións estudantís en Sevilla contra o proceso de Boloña

O proceso de Boloña é un proceso de implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, iniciado coa declaración de Boloña, acordo asinado en 1999 en Boloña polos ministros de educación da Unión Europea.

Esta declaración conxunta deu inicio ó proceso de converxencia que ten como obxectivo facilitar un efectivo intercambio de titulados, así como adaptar o contido dos estudos universitarios ás demandas sociais. Todo isto levou á creación do EEES, un ámbito ó que se incorporaron países incluso de fóra da Unión Europea e que serviría de marco de referencia ás reformas educativas que moitos países iniciaron nos primeiros anos do século XXI.

Cando se fala de proceso de Boloña faise referencia tamén a aspectos relativos á reforma universitaria consecuencia do acordo e non só ó asinado en Boloña.[1][2] Estes aspectos, principalmente os relativos ó financiamento das universidades públicas, son os que máis controversia espertan[3].

Historia[editar | editar a fonte]

Ten como precedente a sinatura da Carta Magna de Universidades, por parte de reitores de universidades europeas en 1988, no 900º aniversario da universidade de Boloña, a máis antiga de Europa. En 1998 asinouse a Declaración da Sorbona nunha reunión de ministros de educación de catro países europeos (Alemaña, Italia, Francia e o Reino Unido), onde se comprometían a "harmonizar a arquitectura do sistema de educación superior europeo". Un ano despois, 29 ministros de educación europeos asinaron a declaración de Boloña que lle deu nome ó proceso, e onde se alicerza o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que se prevé finalizar no 2010.

En reunións posteriores, perfiláronse máis cambios e adheríronse máis estados (Comunicado de Praga, Comunicado de Berlín, Comunicado de Bergen e Comunicado de Londres), aínda que o ritmo de implantación é desigual entre os diferentes asinantes.

O tratado de Boloña[editar | editar a fonte]

En 1999 os ministros de Educación acordaron desenvolver o Espazo Europeo de Educación Superior antes do 2010, co obxectivo de sexa competitivo e atractivo tanto para a sociedade, estudantes e docentes, como para terceiros países. Os cambios máis substanciais que se van producir pódense sintetizar en dous grandes grupos: as adaptacións curriculares e as adaptacións tecnolóxicas.

O Espazo Europeo de Educación Superior esixe a adopción dun sistema de titulacións universitarias facilmente comparable en toda Europa. Así mesmo, búscase a mobilidade dos estudantes, profesores e investigadores entre as universidades europeas, á vez que fomentar a aprendizaxe continuada e a calidade[Cómpre referencia]. Deste xeito, as principais novidades son a adaptación a un sistema de titulacións universitarias de dous ciclos (título de grao e título de posgraduado), e a utilización dunha valoración do crédito universitario igual para tódolos países europeos (o chamado European Credits Transfer and Accumulation System -ECTS-).

Algunhas das novidades do tratado de Boloña implican un maior traballo persoal do alumnado, actividades non presenciais e traballos en grupo grazas ás posibilidades que ofrece internet e a aprendizaxe en liña.

Motivacións e cambios[editar | editar a fonte]

Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos[editar | editar a fonte]

O Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS) non só conta as horas de clases teóricas impartidas polo profesor e presenciais, senón tamén o traballo realizado polo alumno en seminarios, horas de estudo e realización de traballos. Un crédito ECTS corresponde a entre unhas 25 e 30 horas. Vincúlanse ó título e describen os estudos cursados, para facer posible a homologación e comparación a nivel europeo.

Deste modo, favorécese a mobilidade estudantil e laboral no espazo europeo, consonte co actual programa Erasmus. Na actualidade, en Galicia son as universidades as que teñen liberdade para crearen os seus plans de estudo e non se establece ningún criterio de converxencia.[4]

Sistema de titulacións de dous ciclos[editar | editar a fonte]

Partindo do modelo anglosaxón, as titulacións consistirán nun primeiro ciclo de carácter xenérico de tres ou catro anos de grao (Bachelor en inglés), e un segundo ciclo dun ou dous anos para a especialización, o mestrado. A diferenciación entre diplomaturas e licenciaturas, por exemplo, xa non existirá. Preténdese conseguir con isto unha mellora da incorporación dos estudantes ó mundo laboral grazas a un carácter máis modular das titulacións.

Financiamento[editar | editar a fonte]

Un dos obxectivos da reforma é, naqueles países onde a universidade se alimenta en gran medida de financiamento público, recapitalizalas, diversificando os fondos mediante o investimento privado, xa sexa mediante o cobro polo ensino ou polo investimento de empresas privadas,[5][6].

Críticas[editar | editar a fonte]

Icona estudantil española nas protestas contra a implantación da reforma universitaria.

Desde os seus inicios o proceso recibiu críticas de estudantes por distintas razóns, enmarcadas na idea de que as reformas pretenden unha progresiva política de mercantilización do mundo universitario[7]. Estas críticas non son homoxéneas nos distintos países, onde as situacións de partida son moi distintas.

En España, e polo tanto en Galicia, entre as críticas figura o aumento das horas lectivas presenciais obrigatorias que se requiren para aprobar a cantidade de créditos necesarios. Isto dificultaría traballar e estudar ó mesmo tempo, co que segundo estas críticas se elitizaría o ensino universitario, pois para acceder a el sería necesario un maior desembolso económico sen poder compatibilizar o estudo cun traballo. Ademais, o aumento das horas lectivas para acceder a estudos especializados de posgraduado vese como outra peneira para apartar aqueles con menos recursos económicos dos niveis altos de coñecemento universitario. Segundo estas críticas, o aumento nos custos económicos non se compensaría cun aumento eficaz das axudas e bolsas estatais ou europeas.

Outro argumento é que a universidade se concibiría como produtora de individuos válidos para introducirse no mercado laboral europeo e non desenvolvería outros coñecementos[8]. Esta denunciada mercantilización do coñecemento relaciónano estes sectores críticos cun informe[9] presentado en 1995 (tres anos antes da Declaración de Boloña) pola European Round Table of Industrialists (ERT, "Mesa Redonda dos Empresarios Europeos"), un lobby que agrupa a executivos de grandes empresas europeas.

Argumentos a favor[editar | editar a fonte]

Fronte a estas críticas dalgúns estudantes, os defensores do proceso de Boloña apoñen os seguintes argumentos:

  • Os plans de estudo actuais non teñen en conta o tempo dispoñible do que pode dispor un estudante. A organización da docencia co proceso de Boloña implica que cada estudante a tempo completo (pode estar a tempo parcial se está a traballar e se matricula de menos créditos[Cómpre referencia]) debe dedicarlle 80 horas á semana á aprendizaxe. O sistema de Boloña pretende que se organicen as ensinanzas contando con este tempo[Cómpre referencia] e que esta dedicación semanal sexa suficiente para aprobar.
  • Espérase que mellore as saídas laborais dos universitarios, xa que os títulos estarán recoñecidos en tódolos países asinantes do proceso, ademais de que os novos plans de estudos estarían máis enfocados á formación dos profesionais que a sociedade demanda.

Países asinantes[editar | editar a fonte]

Os países asinantes, e por tanto membros do EEES son[10]:

Países rexeitados[editar | editar a fonte]

Catro países ou territorios solicitaron ser incluídos no EEES, pero polo momento non foron aceptados:

  • Quirguistán. Aínda que Quirguistán ratificou a Convención de Recoñecemento de Lisboa en 2004, non é un estado membro da Convención Cultural Europea do Consello de Europa, e polo momento non se está considerando expandir o alcance xeográfico desta Convención. Por tanto, parece claro que Quirguistán non é un candidato apto para incorporarse ó proceso de Boloña, segundo os criterios definidos en Berlín.
  • República Turca do Norte de Chipre. A República Turca do Norte de Chipre non está recoñecida como entidade política independente por ningún membro do proceso de Boloña, agás Turquía. Polo tanto, non é membro de ningunha organización intergobernamental, e non é parte da Convención Cultural Europea do Consello de Europa.
Posiblemente este é o máis controvertido dos rexeitamentos, xa que se basea na premisa de que a súa solicitude debe cursarse a través da internacionalmente recoñecida república de Chipre. A Constitución de 1960 asignou a responsabilidade da educación ás cámaras comunais respectivamente greco-chipriota e turco-chipriota, non ó goberno central da illa. A situación de feito é que cada comunidade se ocupa do seu propio sistema educativo.
  • Israel. Israel non é parte da Convención Cultural Europea do Consello de Europa, se ben conta co status de "observador". Así, participa como observador nas reunións dos Comités de Dirección do Consello de Europa, como o Comité de Dirección da Ensinanza Superior e Investigación (CDESR). Aínda que non forma parte xeográfica de Europa, é parte da Rexión Europea da UNESCO. Tamén é país asinante da Convención de Recoñecemento de Lisboa. Malia todo, segundo os criterios definidos no Comunicado de Berlín, parece claro que non é apto para acceder ó proceso de Boloña.
  • Kosovo. Kosovo non é parte da Convención Cultural Europea do Consello de Europa, e por tanto, non pode ser aceptado como membro do proceso de Boloña.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Golpe de estado en la Academia", artigo en Público (en castelán).
  2. "Sí a Bolonia, pero no así", artigo de Carlos Berzosa Alonso-Martínez en El País, 9 de xuño de 2008 (en castelán).
  3. "Hagamos de la Universidad Pública un negocio", artigo en El País, 6 de xuño de 2008 (en castelán).
  4. Real decreto 25-01-2005
  5. "Hagamos de la Universidad Pública un negocio" Artigo de El País
  6. "Sí a Bolonia, pero no así" Artigo de El País
  7. "Golpe de Estado en la Academia" artigo en Público
  8. "Informe Tuning" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2005. Consultado o 17 de maio de 2005. 
  9. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xullo de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2007. 
  10. www.coe.int[Ligazón morta] (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]