Praza de Bolívar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 4°35′53″N 74°4′34″O / 4.59806, -74.07611

Vista da praza Bolívar.

A praza de Simón Bolívar é a praza principal da cidade de Bogotá e de Colombia. Está situada no centro da cidade, entre as carreiras Sétima e Oitava con rúas Décima e Once. Ó seu arredor atópanse algúns dos principais edificios da cidade: polo norte o Palacio de Xustiza, polo sur o Capitolio Nacional, polo leste a Catedral primada de Colombia, a Casa do Cabido Eclesiástico, a Capela do Sagrario e o Palacio Arcebispal e polo oeste o Palacio Liévano, sede da Alcaldía Maior de Bogotá, e polo suroeste o Colexio Maior de San Bartolomé (Bogotá) dos xesuítas. Foi proposta como Monumento Nacional de Colombia pola resolución 51 do 26 de outubro de 1994 e declarada como tal polo decreto 1802 do 19 de outubro de 1995.[1]

Un estudo da Universidade dos Andes sostén que a praza de Bolívar ten 13.903 metros cadrados (incluídas as rúas do seu arredor) e unha capacidade máxima de 98.458 persoas.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O carácter da praza cambiou considerablemente dende os seus comezos, cando estaba rodeada de casas coloniais e era sede de mercado onde os campesiños traían a vender os seus produtos. Foi trazada polos primeiros colonizadores españois e posuía no centro dende a súa fundación unha columna en madeira que cumpría a función de rolo ou picota de castigos, a cal representaba o poder do rei de España.[3] A picota presidiu a praza até 1583, cando o oidor Alonso Pérez de Salazar solicitou a súa substitución por unha pequena fonte pública para abastecer de auga á cidade.[4] En 1681, cambiouse por outra fonte de maior perfección e ornato, a cal foi coñecida entre os seus habitantes como o "mono da pila" e que actualmente se atopa no Museo de Arte Colonial.[5] A única construción arredor da praza que se conserva dende a época colonial é a Capela do Sagrario.

Despois da independencia, comezou a denominarse Praza da Constitución, nome oficial dende 1821, aínda que algunhas referencias históricas indican que o nome de Praza Maior seguiu sendo de uso cotián entre os seus habitantes.[6]

A praza Maior de Bogotá en 1846, acuarela de Edward Mark.

O 20 de xullo de 1846, o Congreso da República dispuxo a localización no centro da praza dunha estatua de bronce do xeneral Simón Bolívar doada por José Ignacio París, quen encargou o seu deseño e fundición ó escultor xenovés Pietro Tenerani. Por esta disposición, a praza foi bautizada co nome do Libertador, acto protocolizado co Acordo municipal asinado o 20 de xullo de 1847 e o Acordo 7º do 18 de xuño de 1883 en conmemoración do centenario do seu nacemento.[7]

En 1861, suspendeuse o mercado e outras actividades na praza como as festas de touros. En 1880 instalouse un novo pedestal para a estatua de Simón Bolívar e virouse, cambiando a súa orientación orixinal na cal miraba cara ó leste (Catedral) para quedar mirando cara ó custado norte da praza (Palacio de Xustiza).[8] O ano seguinte, o ministro de instrución pública Ricardo Becerra mandou instalar un xardín de corte inglés arredor da estatua de Bolívar rodeada cunha reixa de ferro, a cal foi retirada en 1919.

En 1927 instaláronse catro pilas con fontes de auga e púxose un pedestal máis alto para a estatua de Bolívar no centro da praza. As obras concluíron o 19 de xullo de 1929.[9] As últimas reformas á praza realizáronse por conta da firma Martínez e Avendaño, seleccionada por un concurso público en 1959 para festexar o sesquicentenario do berro de independencia. As obras, deseño de Fernando Martínez, deron inicio o 25 de xaneiro de 1960. Como consecuencia diso, retiráronse os espazos para estacionamento de vehículos e as fontes, configurando o actual espazo da praza, principalmente dirixido a uso peonil. O deseño actual solucionou adicionalmente o problema do declive xeográfico co uso de planos alabeados que se inclinan sobre unha área plana triangular coa súa base nas escaleiras do Capitolio, xerando unha fronte aparentemente horizontal.[10] A inauguración da nova Praza de Bolívar realizouse o 16 de xullo de 1961 polo presidente Alberto Lleras Camargo.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Biblioteca Luis Ángel Arango, La Plaza de Bolívar Arquivado 13 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
  2. "¿Cuánta gente cabe en la plaza de Bolívar? Se acaban los mitos". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 01 de outubro de 2018. 
  3. Sinic, Plaza de Bolívar Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine.
  4. "De picota pública a fuente de agua". Alcaldía Mayor de Bogotá (en castelán). 6 de agosto de 20099. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2014. Consultado o 21 de marzo de 2013. 
  5. El mono de la pila, Bogotá.gov.co, último acceso el 20/07/2009.
  6. Mejía Pavoni, Germán Rodrigo (2000), Los años del cambio: Historia urbana de Bogotá 1820-1910, pp. 201
  7. Alcaldía Mayor de Bogotá, acordo 7 do 18 de xuño de 1883, Páxina oficial, último acceso o 20 de xullo de 2009.
  8. Escovar, Alberto, Mariño, Margarita, Peña, César (2004), Atlas histórico de Bogotá 1538-1910, Editorial Planeta, Bogotá, ISBN 958-42-0829-2.
  9. El Nuevo Tiempo, ano XXVIII, núm.458, sábado 20 de xullo de 1929, p.8.
  10. Instituto Colombiano de Cultura (1995). Monumentos Nacionales de Colombia: Siglo XX, pp. 120.
  11. Alcaldía Mayor de Bogotá (2008), Bogotá, un museo a cielo abierto, vol.1, p.17-21.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]