Portal:Pobos indíxenas de América/Lugar de interese/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Templo do Sol de Sogamoso era un templo construído polos muiscas como sitio de adoración para o seu deus do Sol, Sué. O templo foi construído en Sogamoso, Colombia, daquela parte da Confederación muisca e chamada Sugamuxi. Era o templo máis importante da relixión muisca. O templo foi destruído polo lume dos conquistadores españois liderados por Gonzalo Jiménez de Quesada, que devecía por atopar o lendario El Dorado. Unha reconstrución moderna foi erixida no Museo Arqueolóxico de Sogamoso.

O Templo do Sol foi construído na marxe dereita do pequeno río Monquirá. O templo era unha grande estrutura redonda feita de feita de postes e arxila cun teito feito de cana. O templo non tiña ningunha fiestra. As columnas que arrodeaban o templo en tres aneis concéntricos estaban feitas de madeira de Casanare. O templo representaba o cosmos e foi construído na honra do deus do Sol, Sué. O templo tamén era un lugar de enterramentos para os máis importantes caciques e sacerdotes (en muisca: ogques).

Os muiscas tiñan coñecementos de astronomía e o templo foi construído de acordo coas posicións do Sol. Tamén construíron deste xeito outros lugares ó longo dos seus territorios, como El Infiernito, preto de Villa de Leyva, ou o Templo da Lúa de Chía.

No templo, os rituais eran organizados polos caciques e os zaques da Confederación muisca, que vestían roupas de cor vermella. O cacique mitolóxico Idacansás realizaba reunións onde os nenos (moxas) eran sacrificados. Eles converteron a cidade de Sugamuxi nun lugar sagrado. O tamén mítico Thomagata viaxaba cada noite dende Hunza ó templo, unha marcha que repetía dez veces cada noite.