Portal:China/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país máis grande en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto máis grande pola súa superficie total. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas, catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China reclama Taiwán como a súa provincia número viente e tres, aínda que na práctica a illa é independente, xa que se atopa administrada polo réxime da República da China dende a fin da Guerra Civil de 1949.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2.000 a.C.). Dende o ano 221 a.C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da Segunda Guerra Mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular de China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República de China a Taipei. A xurisdición da República de China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Casaquistán, Quirguisia, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Taxiquistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong.