Polo Sur
| Tipo | Polo xeográfico | ||||
|---|---|---|---|---|---|
| Epónimo | sur | ||||
| Descubridor ou inventor | Roald Amundsen | ||||
| Parte de | Polos da Terra | ||||
| Localización | |||||
| Continente | Antártida | ||||
| División administrativa | Rexión do Tratado Antártico | ||||
| |||||
| Medicións | |||||
| Clima | clima glacial | ||||
| Historia | |||||
| Data de descuberta ou invención | 1911 | ||||

2. Polo Sur Magnético (2007)
3. Polo Sur Xeomagnético (2005)
4. Polo de inaccesibilidade.
O Polo Sur, tamén coñecido como Polo Sur Xeográfico ou Polo Sur Terrestre, é un dos dous puntos nos que o eixe de rotación da Terra cruza a súa superficie. É o punto máis meridional da superficie da Terra e atópase no lado oposto ó Polo Norte. Chámase polo sur verdadeiro para distinguilo do polo sur magnético.
Está situado no continente da Antártida sendo este é o lugar onde se encontra o estación Amundsen-Scott, que se estableceu en 1956 e que estivo permanentemente habitada dende aquel ano. O polo Sur xeográfico non debe confundirse co polo Sur magnético.
Xeografía
[editar | editar a fonte]


Para a maioría dos propósitos, o Polo sur xeográfico defínese como o punto sur dos dous puntos onde o eixo de rotación da Terra cruza a súa superficie (o outro é o Polo norte xeográfico). Con todo, o eixo de rotación da Terra en realidade está suxeito a «bamboleos» moi pequenos (movemento polar), polo que esta definición non é axeitada para traballos moi precisos.
As coordenadas xeográficas do Polo sur adoitan indicarse simplemente como 90°S, xa que a súa lonxitude é xeometricamente indefinida e irrelevante. Cando se desexa unha lonxitude, pódese dar como 0°. No Polo sur, todas as direccións miran cara ao norte. Por esta razón, as direccións no Polo danse en relación co «norte cuadriculado», que apunta cara ao norte ao longo do primeiro meridiano.[1] Ao longo dos círculos de latitude pechados, o sentido das agullas do reloxo é o leste e o sentido antihorario é o oeste, fronte ao polo norte.
O Polo sur xeográfico atópase actualmente no continente da Antártida, aínda que non foi así durante toda a Historia da Terra debido á deriva continental. Aséntase sobre unha meseta xeada, estéril e azoutada polo vento, a unha altitude de 2835 m sobre o nivel do mar, e atópase a uns 1300 km do mar aberto máis próximo, na baía das Baleas. Calcúlase que o xeo ten un grosor duns 2700 m no Polo, polo que a superficie terrestre baixo o manto de xeo está realmente cerca do nivel do mar.[2]
A manto de xeo polar desprázase a un ritmo aproximado da 10 m o ano nunha dirección comprendida entre os 37° e 40° ao oeste da cuadrícula norte,[3] cara ao mar de Weddell. Por tanto, a posición da estación e outros elementos artificiais en relación co polo xeográfico desprázase gradualmente co tempo.
O Polo sur xeográfico está marcado por unha estaca no xeo xunto a un pequeno sinal; estas reposicionanse cada ano nunha cerimonia o día de Ano Novo para compensar o movemento do xeo.[4] O cartel rexistra as datas respectivas en que Roald Amundsen e Robert F. Scott alcanzaron o Polo, seguidas dunha breve cita de cada home, e dá a elevación como "9,301 FT."..[5][6] Cada ano, o persoal do sitio deseña e fabrica unha nova estaca marcadora.[4]
Polo sur cerimonial
[editar | editar a fonte]
O Polo sur cerimonial é unha zona reservada para oportunidades fotográficas da Base Amundsen-Scott que consiste nunha esfera metálica nun pedestal, arrodeado das bandeiras dos países firmantes do Tratado Antártico orixinal.[7] Localízase a poucos metros do Polo sur xeográfico, que está marcado unicamente por un sinal e unha estaca. Debido a que a capa de xeo se move 10 metros por ano, a estaca cámbiase de lugar cada ano en Ano Novo.
Polo sur magnético
[editar | editar a fonte]O polo sur magnético é o lugar onde o campo magnético do planeta é perpendicular á superficie, e é un sitio moi próximo ao polo sur xeomagnético e ao polo sur xeográfico, aínda que nun sentido estritamente magnético é un polo norte, cara ao que apunta o polo sur dun compás.
Na Terra localizábase, en 2007, a 64°29′S 137°41′L / -64.483, -137.683; aínda que varía constantemente, chegando a cambiar a súa posición no planeta, circunstancia que se deu en numerosas ocasións como consecuencia das propiedades do campo magnético terrestre.[8]
O 16 de xaneiro de 1909, tres homes, Douglas Mawson, Edgeworth David e Alistair Mackay, dunha expedición dirixida por Sir Ernest Shackleton, aseguraron que atoparan o Polo Sur Magnético.[9] Non obstante, hai dúbidas de se a súa localización foi a correcta.[10]
Polo sur xeomagnético
[editar | editar a fonte]O campo xeomagnético terrestre pode ser aproximado por un dipolo inclinado, situado no centro da Terra. O polo sur xeomagnético é o punto onde o eixo deste dipolo se cruza coa superficie da terra no hemisferio sur. En 2005 calculouse que estaba localizado nos 79°44′S 108°13′L / -79.733, -108.217,[11] preto da base Vostok. Como o campo non é un dipolo exacto, o polo sur xeomagnético cambia de posición pola mesma razón que o magnético o fai.
Polo sur de inaccesibilidade
[editar | editar a fonte]O Polo Sur de Inaccesibilidade é o punto do continente antártico que está máis afastado do océano Antártico e o máis complicado de acceder.
Localízase a 85°50′S 65°47′L / -85.833, -65.783 e a súa primeira expedición foi o 14 de decembro de 1958 pola 3.ª Expedición Antártica Soviética, dirixida por Yevgeny Tolstikov. Estableceron unha base temporal, a base Polyus Nedostupnosti. De camiño ao Polo, a expedición estableceu outra estación, Sovetskaya, con coordenadas 78°24′S 87°32′L / -78.400, -87.533, que existiu entre o 16 de febreiro de 1958 e o 3 de xaneiro de 1959.
O Polo Sur de Inaccesibilidade é máis remoto e complicado de acceder que o Polo Sur Xeográfico. O 4 de decembro de 2006, o Team N2i[12] (Equipo N2i), embarcouse para lograr chegar sen asistencia mecánica e o equipo logrou o seu cometido o 20 de xaneiro de 2007.
Monumentos históricos
[editar | editar a fonte]
Tenda de Amundsen
[editar | editar a fonte]A tenda foi levantada pola expedición norueguesa dirixida por Roald Amundsen á súa chegada o 14 de decembro de 1911. Actualmente está enterrada baixo a neve e o xeo nas proximidades do Polo. Foi designada sitio e monumento histórico da Antártida (HSM 80), por mor dunha proposta de Noruega nunha reunión consultiva do Tratado Antártico.[13] Descoñécese a localización exacta da tenda, pero baseándose en cálculos da velocidade do movemento do xeo e a acumulación de neve, crese que, a partir de 2010, atópase entre 1,8 e 2,5 km do Polo a unha profundidade de 17 m por baixo da superficie actual.[14]
Mastro coa bandeira arxentina
[editar | editar a fonte]Un mastro de bandeira erixida no Polo xeográfico sur en decembro de 1965 pola primeira expedición polar terrestre Arxentina foi designada sitio ou monumento histórico (HSM 1) por mor dunha proposta da Arxentina nunha Reunión Consultiva do Tratado Antártico.[15]
Exploracións
[editar | editar a fonte]Antes de 1900
[editar | editar a fonte]En 1820, varias expedicións afirmaron ser as primeiras en avistar a Antártida, coa primeira sendo a expedición rusa dirixida por Fabian Gottlieb von Bellingshausen e Mikhail Lazarev.[16] A primeira chegada a terra foi probablemente pouco máis dun ano despois, cando o capitán estadounidense John Davis, un cazador de focas, puxo un pé no xeo artico.[17]
A xeografía básica da costa antártica non se comprendeu até mediados e finais do século XIX. O oficial naval estadounidense Charles Wilkes afirmou (correctamente) que a Antártida era un novo continente, baseando a afirmación na súa exploración entre 1839–40,[18] mentres que James Clark Ross, na súa expedición de 1839-1843, esperaba poder navegar até o Polo sur. (non tivo éxito).[19]
1900–1950
[editar | editar a fonte]
O explorador británico Robert Falcon Scott na Expedición Discovery de 1901-1904 foi o primeiro en tentar atopar unha ruta desde a costa antártica até o Polo sur. Scott, acompañado por Ernest Shackleton e Edward Wilson, partiu co obxectivo de viaxar o máis ao sur posible e, o 31 de decembro de 1902, alcanzou os 82°16′ S.[20] Shackleton regresou máis tarde á Antártida como líder da Expedición Antártica Británica (Expedición Nimrod) nun intento de alcanzar o Polo. O 9 de xaneiro de 1909, con tres compañeiros, alcanzou os 88°23' S , a 180 km do Polo , antes de verse obrigado a dar media volta.[21]

Os primeiros homes en chegar ao polo sur xeográfico foron o noruegués Roald Amundsen e o seu grupo, o 14 de decembro de 1911. Amundsen chamou ao seu campamento Polheim, e todo o que rodeaba o polo, Haakon VII's Vidde, en honor ao rei Haakon VII de Noruega. Robert Falcon Scott regresou á Antártida coa súa segunda expedición, a ExpediciónTerra Nova, que nun principio descoñecía a expedición secreta de Amundsen. Scott e outros catro homes chegaron ao Polo sur o 17 de xaneiro de 1912, trinta e catro días despois que Amundsen. Na viaxe de volta, Scott e os seus catro compañeiros morreron de fame e frío extremo.
En 1914, o explorador británico Ernest Shackleton coa súa Expedición Imperial Trans-Antártica decidiu emprender a súa aventura de cruzar a Antártida pasando polo Polo Sur, mais o Endurance, o seu barco, quedou atrapado na banquisa e afundiu once meses máis tarde. Shackleton e todo su equipo sobreviviron despois de moitas vicisitudes.
O almirante estadounidense Richard Evelyn Byrd, coa axuda do seu primeiro piloto Bernt Balchen, converteuse na primeira persoa en sobrevoar o Polo sur o 29 de novembro de 1929.
1950-presente
[editar | editar a fonte]
Non foi ata o 31 de outubro de 1956 cando outro home pisou de novo o Polo sur, foi cando un grupo dirixido polo almirante George J. Dufek da Mariña dos Estados Unidos aterrou alí nun avión de transporte militar R4D Skytrain (Douglas C-47 Skytrain). A Estación do Polo Sur de EE. UU. Amundsen–Scott foi establecida por vía aérea entre 1956 e 1957 para o Ano Xeofísico Internacional e desde entón conta continuamente con persoal de investigación e apoio.
Despois de Amundsen e Scott, os seguintes en chegar ao Polo sur por terra (aínda que con certo apoio aéreo) foron Edmund Hillary (4 de xaneiro de 1958) e Vivian Fuchs (19 de xaneiro de 1958) e os seus respectivos equipos, durante a expedición transantártica da Commonwealth. Houbo moitas expedicións posteriores que chegaron ao Polo sur en transporte de superficie, como as de Havola, Crary e Fiennes.
O 6 de xaneiro de 1962 realizouse o primeiro voo arxentino ao polo sur de dous avións Douglas DC-3 da Armada Arxentina ao mando do entón capitán de fragata Hermes Quijada, feito que sorprendeu á opinión mundial xa que non se contaba neses momentos con cartografía da zona e polo tanto descoñecíase a existencia de referencias en terra que puidesen facilitar a orientación durante o voo directo desde o continente.[22][23]
O primeiro grupo de mulleres en alcanzar o polo foi o formado por Pam Young, Jean Pearson, Lois Jones, Eileen McSaveney, Kay Lindsay e Terry Tickhill en 1969.[24] Entre 1978-79, Michele Eileen Raney converteuse na primeira muller en invernar no Polo sur.[25]
Tras o establecemento, en 1987, da base de apoio loxístico no Campamento Base de Patriot Hills, o Polo sur fíxose máis accesible ás expedicións non gobernamentais.
No verán de 1988-1989, o glaciólogo chileno Alejo Contreras Steading chegou a pé ao Polo Sur; antes diso, chegara en 1980 por outros medios.[26][27]
O 17 de xaneiro de 1989 dúas mulleres, Vitoria E. Murden e Shirley Metz, alcanzaron o polo por terra.[28] O 30 de decembro de 1989, Arved Fuchs e Reinhold Messner foron os primeiros en atravesar a Antártida polo Polo sur sen axuda animal nin motorizada, utilizando unicamente esquís e a axuda do vento.[29][30]
A marcha a pé máis rápida sen apoio ao polo sur xeográfico dende a costa durou 47 días, e foi feita en 1999 por Tim Jarvis e Peter Treseder, que levaron zorras que pesaban 200 kg e que contiñan comida e combustible.
A viaxe sen apoio máis rápido ao Polo sur xeográfico desde o océano é de 24 días e unha hora desde Hercules Inlet e foi establecido en 2011 polo aventureiro noruegués Christian Eide,[31] que bateu a anterior marca en solitario establecida en 2009 polo estadounidense Todd Carmichael de 39 días e sete horas, e a anterior marca de grupo establecida tamén en 2009 de 33 días e 23 horas.[32]
A travesía en solitario, sen apoio nin asistencia máis rápida realizada por unha muller até o polo sur foi a de Hannah McKeand, do Reino Unido, en 2006. Fixo a viaxe en 39 días, 9 horas e 33 minutos. Comezou o 19 de novembro de 2006 e terminou o 28 de decembro do mesmo ano.[33]
No verán de 2011-12, expedicións separadas do noruegués Aleksander Gamme e os australianos James Castrission e Justin Jones reclamaron conxuntamente a primeira camiñada sen apoio, sen cans nin cometas, desde a costa antártica até o Polo sur e volta. As dúas expedicións partiron de Hercules Inlet cun día de diferenza, comezando Gamme primeiro, pero completando xuntos os últimos quilómetros segundo o previsto. Como Gamme viaxaba só, converteuse así simultaneamente no primeiro en completar a tarefa en solitario.[34][35][36]
O 28 de decembro de 2018, o capitán Lou Rudd converteuse no primeiro británico en cruzar a Antártida sen axuda polo polo sur, e na segunda persoa en realizar a viaxe en 56 días.[37] O 10 de xaneiro de 2020, Mollie Hughes converteuse na persoa máis nova en esquiar até o polo, con 29 anos.[38]
Clima e día e noite
[editar | editar a fonte]
Durante o inverno austral (de maio a agosto) o Polo Sur non recibe luz solar en absoluto, e está completamente escuro, agás a luz da Lúa, e no verán (de outubro a febreiro) o sol, polo contrario, está todo o tempo nunha posición baixa no ceo sobre o horizonte, e parece moverse de dereita a esquerda.[39] Non obstante, sempre está relativamente baixo no ceo, alcanzando un máximo de aproximadamente 23,5° arredor do solsticio de decembro debido á inclinación aproximada de 23,5° do eixe terrestre. Moita da luz solar que chega á superficie é reflectida pola neve. A falta de calor solar, combinada coa elevada altitude (2800 m), inflúe en que o Polo Sur teña un dos climas máis fríos do planeta (aínda que non é o máis frío; ese récord corresponde á rexión próxima á estación Vostok , tamén na Antártida, que se atopa a unha altitude máis alta).[40] As temperaturas no Polo Sur son moito menores cás do Polo Norte, especialmente porque o Polo Sur se localiza a maior altitude en medio da masa continental,[41] mentres que o Polo Norte está ao nivel do mar na metade do océano, o que á súa vez, actúa como reserva de calor.
A mediados do verán, cando o Sol alcanza a súa elevación máxima duns 23,5 graos, as temperaturas máximas no Polo Sur en xaneiro alcanzan unha media de -25 °C. A medida que avanza o "día" de seis meses e o Sol baixa, as temperaturas tamén baixan: alcanzan os -55 °C arredor do solpor (finais de marzo) e do amencer (finais de setembro) A mediados do inverno, a temperatura mantense a arredor de -60 °C. a temperatura máis elevada rexistrada na Base Amundsen-Scott foi de -12.3 °C, o día de Nadal de 2011,[42] e a máis baixa, -82.8 °C. o 23 de xuño de 1982.[43][44][45] (en comparación, a temperatura máis baixa rexistrada directamente en calquera lugar da Terra foi de -89,2 °C na estación de Vostok o 21 de xullo de 1983, aínda que se mediron indirectamente -93,2 °C por satélite na Antártida Oriental entre a Domo A e a Domo F en agosto de 2010.[46]). A temperatura media anual no Polo Sur é de -49,5 °C.[47]
O Polo Sur ten un clima de casquete glacial (clasificación climática de Köppen EF ). Aseméllase a un deserto, xa que recibe moi poucas precipitacións. A humidade do aire é próxima a cero. Non obstante, os ventos fortes poden provocar nevadas, e a acumulación de neve ascende a uns 7 cm ao ano.[47] A antiga cúpula que se ve nas fotos da estación Amundsen-Scott está parcialmente enterrada debido ás tormentas de neve, e a entrada á cúpula tiña que ser despexada regularmente cunha escavadora para poder acceder a ela. Os edificios máis recentes están construídos sobre pilotes para que a neve non se acumule aos seus lados.
- Temperaturas media máxima e mínima, e precipitacións no Polo Sur
| Datos climáticos para Polo Sur | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
| Temperatura máxima en °C | −14 | −20 | −26 | −27 | −30 | −31 | −33 | −32 | −29 | −29 | −18 | −13 | −13,6 |
| Media máxima en °C | −25,9 | −38,1 | −50,3 | −54,2 | −53,9 | −54,4 | −55,9 | −55,6 | −55,1 | −48,4 | −36,9 | −26,5 | −46,3 |
| Media mínima en °C | −29,4 | −42,7 | −57,0 | −61,2 | −61,7 | −61,2 | −62,8 | −62,5 | −62,4 | −53,8 | −40,4 | −29,3 | −52,0 |
| Temperatura mínima en °C | −41 | −57 | −71 | −75 | −78 | −82 | −80 | −77 | −79 | −71 | −55 | −38 | −82,8 |
| Media de días con neve (≥ 0.1 cm) | 16 | 19 | 22 | 24 | 26 | 27 | 30 | 30 | 27 | 25 | 21 | 17 | 284 |
| Media de horas de sol mensuais | 558 | 480 | 217 | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 60 | 434 | 600 | 589 | 2 938 |
| Fonte #1: [48] | |||||||||||||
| Fonte #2: Cool Antarctica[49] | |||||||||||||
Hora local
[editar | editar a fonte]Na maioría dos lugares da Terra, a hora local vén determinada pola lonxitude, de modo que a hora do día está máis ou menos sincronizada coa posición percibida do Sol no ceo (por exemplo, ao mediodía percíbese que o Sol está aproximadamente no seu punto máis alto). Este razoamento non é válido no Polo sur, onde o Sol só sale e ponse unha vez ao ano e a súa elevación varía unicamente en función do día do ano, non da hora do día. Non hai ningunha razón a priori para situar o Polo sur nunha zona horaria concreta, pero por razóns prácticas, a estación Amundsen-Scott do Polo sur mantén a hora de Nova Zelandia (UTC+12/UTC+13). Isto débese a que Estados Unidos realiza as súas misións de reabastecemento («Operación Deep Freeze») desde a Estación McMurdo, que se abastece desde Christchurch, Nova Zelandia.[50][51][52]
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]Debido ao seu clima excepcionalmente duro, non hai plantas nin animais autóctonos no Polo sur. Ocasionalmente vense palleiras de MacCormick e petreles das neves que se desviaron da súa ruta.[53]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Moving the South Pole" Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine., NASA Quest
- ↑ Amundsen–Scott South Pole Station Arquivado 14 de abril de 2020 en Wayback Machine., National Science Foundation, Office of Polar Programs
- ↑ "Where is the real Pole really?". Consultado o 21 de xaneiro do 2025.
- ↑ 4,0 4,1 "Marker makes annual move" Arquivado 29 de setembro de 2011 en Wayback Machine., páxina 6, Antarctic Sun. 8 de xaneiro de 2006; McMurdo Station, Antarctica.
- ↑ "Sign at the (ever moving) actual geographical South Pole (a few feet away from the Ceremonial Pole)". Pierre R. Schwob Physics/Astronomy. Consultado o 22 de xaneiro do 2025.
- ↑ Kiefer, Alex (xaneiro de 1994). "South Pole Marker". Consultado o 22 de xaneiro do 2025.
- ↑ George F. Mobley (18 de setembro de 2012). "Flags at the South Pole". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2020. Consultado o 22 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Nation Geophysical Data Center". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ "Antartica.ac.uk". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2007. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ "Deeptow.whoi.edu sobre o Polo Sur". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ National Geophysical Data Center
- ↑ "Team N2i". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 15 de febreiro de 2020.
- ↑ "List of Historic Sites and Monuments approved by the ATCM (2012)" (PDF). Antarctic Treaty Secretariat. 2012. Consultado o 22 de xaneiro do 2025.
- ↑ [1] Polar Record / Volume 47 / Issue 03 / xullo de 2011
- ↑ "List of Historic Sites and Monuments approved by the ATCM (2012)" (PDF). Antarctic Treaty Secretariat. 2012. Consultado o 22 de xaneiro do 2025.
- ↑ Armstrong, Terence (1971). "Bellingshausen and the discovery of Antarctica". Polar Record 15 (99). pp. 887–889. doi:10.1017/S0032247400062112.
- ↑ Hurtigruten. "General Information". hurtigruten.com/us/. Hurtigruten. Arquivado dende o orixinal o 2014-10-23. Consultado o 22 de xaneiro do 2025-23.
- ↑ Van Doren, Charles Lincoln; McHenry, Robert (1971). Webster's Guide to American History: A Chronological, Geographical, and Biographical Survey and Compendium. Merriam-Webster. p. 1326. ISBN 978-0-87779-081-5.
- ↑ Berkman, Paul Arthur (2002). Science Into Policy: Global Lessons from Antarctica. Academic Press. p. 35. ISBN 978-0-12-091560-6.
- ↑ Berkman, Paul Arthur (2002). Science Into Policy: Global Lessons from Antarctica. Academic Press. p. 37. ISBN 978-0-12-091560-6.
- ↑ Simpson-Housley, Paul (2002). Antarctica: Exploration, Perception and Metaphor. Taylor & Francis. p. 24. ISBN 978-0-203-03602-0.
- ↑ "La Aviación Naval y el primer vuelo al Polo Sur". Portal oficial del Estado argentino. 6 de xaneiro de 2021. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "La Aviación Naval, pionera en el Polo Sur". Portal oficial de noticias de la Armada Argentina. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2023. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "First Women at Pole". South Pole Station. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Famous Firsts". The Antarctic Sun. United States Antarctic Program. 13 de novembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2016. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "He walked 97 days to reach his goal: The story of the first Chilean to set foot on the South Pole in 1988". Emol. 3 de xaneiro de 2025. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "The man who knows the most about the South Pole". El Día. 26 de febreiro de 2017. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Antarctic Firsts". Antarctic Circle. 4 de outubro de 2014. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Südtirol – Diese Seite existiert nicht". Suedtirol.info. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2012. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Britannica Online Encyclopedia". Encyclopædia Britannica. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.[Ligazón morta]
- ↑ Explorersweb (13 de xaneiro de 2011). "Breaking news: Christian Eide bags the South Pole solo speed ski world record". explorersweb.com. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Canadians break speed record trekking to South Pole". Toronto Star. The Canadian Press. 7 de xaneiro de 2009. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ Glenday, Craig (2013). Guinness World Records 2014. The Jim Patison Group. pp. 76. ISBN 978-1-908843-15-9.
- ↑ "Ice Trek Expeditions". Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Crossing the Ice". Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2013. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Wilson, nå er vi framme!". Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2013. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ "Capt Lou Rudd is first Briton to cross Antarctic unaided". BBC News. 29 de decembro de 2018.
- ↑ "Woman is youngest to ski solo to South Pole" (en inglés). 10 de xaneiro de 2020. Consultado o 23 de xaneiro do 2025.
- ↑ South Pole Time Lapse Movies: 2024, September–December. South Pole Observatory, NOAA Global Monitoring Laboratory. 2024. Escena en 2:30.
- ↑ Science question of the week, Goddard Space Flight Center.
- ↑ "Why is the South Pole colder than the North Pole?". Scientific American. Consultado o 18 de agosto do 2025.
- ↑ Matthew A. Lazzara (28 dedecembro de 2011). "Preliminary Report: Record Temperatures at South Pole (and nearby AWS sites…)". Consultado o 10 de outubro do 2025.
- ↑ Your stay at Amundsen–Scott South Pole Station Arquivado 2 de febreiro de 2006 en Wayback Machine., National Science Foundation Office of Polar Programs
- ↑ "How cold is the Antarctic?". NIWA. 27 de febreiro de 2007. Consultado o 10 de outubro do 2025.
- ↑ "Antarctic Weather". Consultado o 10 de outubro do 2025.
- ↑ "NASA-USGS Landsat 8 Satellite Pinpoints Coldest Spots on Earth" Arquivado 11 de decembro de 2013 en Wayback Machine., NASA, 9 de decembro de 2013
- ↑ 47,0 47,1 Initial environmental evaluation – development of blue-ice and compacted-snow runways Arquivado 19 de marzo de 2021 en Wayback Machine., National Science Foundation Office of Polar Programs, 9 de abril de 1993
- ↑ "South Pole, Antarctica". WeatherBase. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2018. Consultado o 7 de outubro de 2009.
- ↑ "Antarctica Climate data and graphs". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2010. Consultado o 10 de abril de 2010.
- ↑ "What time zone is used in Antarctica?". Antarctica.uk. 14 de xaneiro de 2023. Consultado o 27 de outubro do 2025.
- ↑ "Time Zones Currently Being Used in Antarctica". Time and Date AS. Consultado o 27 de outubro do 2025.
- ↑ Dempsey, Caitlin (29 de marzo de 2023). "Which Country Has the Most Time Zones?". Geography Realm. Consultado o 27 de outubro do 2025.
- ↑ Mark Sabbatini, "Non-human life form seen at Pole", The Antarctic Sun, 5 de xaneiro de 2003.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polo Sur |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Headland, Robert K. (1990). Chronological List of Antarctic Expeditions and Related Historical Events. Cambridge University Press. ISBN 0-521-30903-4
- Landis, Marilyn J. (2003). Antarctica: Exploring the Extreme: 400 Years of Adventure. Chicago Review Press. ISBN 1-55652-480-3
- Savatyugin, L.M., Preobrazhenskaya, M.A. Russian Exploration of Antarctica (en ruso Российские исследования в Антарктике), publicado por Gidrometeoizdat, Arctic and Antarctic Research Institute (AARI), Servizo Federal para a Hidrometeoroloxía e a Monitorización Medioambiental da Federación Rusa (Roshydromet), en 3 volumes, San Petersburgo, 1999, ISBN 5-286-01265-5
- Soviet Antarctic Expedition: information bulletin., Amsterdam: Elsevier Pub. Co.; Nova York: American Elsevier Pub. Co., 1964–, ISSN 0038-5271
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Webcam no Polo Sur
- 360° Panoramas do Polo Sur
- Imaxes en Degree Confluence Project
- Galería de fotos
- Os Polos pola Australian Antarctic Division
- The Antarctic Sun Arquivado 27 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. – Novas online sobre o programa antártico estadounidense
- Big Dead Place
- UK team makes polar trek history
- Ernest Shackleton describindo a súa expedición de 1908
