Polo Norte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 90°N 0°O / 90, -0

Proxección acimutal mostrando o Océano Glacial Ártico e o Polo Norte.

O polo Norte, tamén chamado polo norte xeográfico e polo norte terrestre, é o lugar onde se localiza o extremo norte da Terra; é o lugar onde o eixe de rotación do planeta corta á superficie. O lugar oposto é o polo sur.

Todos os corpos celestes teñen un polo norte e outro sur.

Os eixes de rotación destes corpos non adoitan ser coincidentes co eixe de translación. Así, os da Terra, forman un ángulo de 23,5º, e os de Urano, 97º.

Situación[editar | editar a fonte]

Panorama do Polo Norte.

O polo norte xeográfico terrestre está situado no Océano Glacial Ártico, no que o mar está cuberto por un casquete de xeo ou banquisa. En 1895, o explorador noruegués Fridtjof Nansen (1861 – 1930) acercouse até os 3º e 46' do polo norte xeográfico, pero non foi quen de chegar a el[1][2]. O primeiro en conseguilo, segundo a fama, foi Robert Peary (1856 – 1920), xunto co seu criado Matthew Henson[3][4] e catro esquimós, o 6 de abril de 1909.

O compás non apunta exactamente ao polo norte xeográfico, senón cara ao polo sur magnético (que, para evitar confusións, denomínase polo norte magnético), e non exactamente, debido á declinación magnética.

A profundidade do mar no polo norte fora determinada en 1958 polo submarino estadounidense USS Nautilus, dando como resultado 4.087 m. Pero o 2 de agosto de 2007 dous batiscafos rusos Mir realizaron unha inmersión no Océano Glacial Ártico, no polo norte, e instalaron no fondo unha bandeira rusa, así como unha cápsula cunha mensaxe para as xeracións vindeiras, a 4.261 m de profundidade.[5].

A terra máis próxima é a illa Kaffeklubben, fronte á costa norte de Groenlandia, a uns 700 km de distancia, aínda que algúns bancos de area, quizais non permanentes, encóntranse lixeiramente máis preto. O lugar habitado permanentemente máis próximo ao polo é a vila de Alert, na rexión de Qikiqtaaluk, Nunavut, Canadá, que está situada a 817 km do polo.

Día e noite[editar | editar a fonte]

O sol no Polo Norte está continuamente por riba do horizonte durante o verán e por baixo do horizonte durante o inverno. O amencer é xusto antes do equinoccio de marzo (arredor do 19 de marzo) e a partir dese momento o sol tarda tres meses en chegar ao seu punto máis alto, preto de 23 ½° de elevación no solsticio de verán (arredor do 21 de xuño). Despois comeza a baixar, chegando o solpor xusto despois do equinoccio de setembro (arredor do 24 de setembro). Cando o sol é visible no ceo polar parece que se movese nun círculo horizontal por riba do horizonte. Este círculo elévase gradualmente preto do horizonte xusto despois do equinoccio vernal á súa máxima elevación (en graos) sobre o horizonte no solsticio de verán e logo afúndese cara ao horizonte antes de caer por baixo del no equinoccio de outono.

Hora[editar | editar a fonte]

Na maioría dos lugares da Terra, a hora local determínase pola lonxitude, de xeito que a hora do día está máis ou menos sincronizada coa posición do sol no ceo. Por exemplo, ao mediodía o sol está máis ou menos na súa maior altura. Esta liña de razoamento non o ten o Polo Norte, onde o sol sae e se pon unha única vez ao ano, e todas as liñas de lonxitude, e polo tanto todas as zonas horarias, converxen. Ao non haber presenza humana permanente no Polo Norte non hai zona horaria particular asignada, polo que as expedicións polares poden empregar calquera hora que lles sexa conveniente, como a hora do meridiano de Greenwich, ou a zona horaria do país do que partiron.

Expedicións[editar | editar a fonte]

Imaxe da extensión do casquete polar tomada pola NASA en 2005.

En 1895 o explorador noruegués Fridtjof Nansen achegouse ata 3 graos e 46 minutos do Polo Norte xeográfico, pero non o acadou. En 1908 o Dr. Frederick Cook dixo que chegara ao polo, mais demostrouse que a súa afirmación era un engano.

En 1909 Robert E. Peary, acompañado de Matthew Henson tamén afirmou que chegara ao polo. A pesar de que a reclamación de Peary se creu durante moitos anos, a maioría dos historiadores modernos teñen serias dúbidas. A velocidade que indicou na súa última semana (135 millas náuticas en 6 días) nunca foi igualada no xeo do océano Ártico, nin sequera en moto de neve.

O Polo Norte acadouse por primeira vez por Umberto Nobile, Roald Amundsen, Lincoln Ellsworth e outras trece persoas, o 11 de maio de 1926, no dirixible Norge.

A primeira conquista confirmada do Polo Norte sobre a superficie do xeo foi a de Ralph Plaisted, Walt Pederson, Gerry Pitzl e Jean-Luc Bombardier, que viaxaron polo xeo en moto de neve e chegaron o 19 de abril de 1968. A forza aérea dos Estados Unidos confirmou de xeito independente a súa posición.

O 2 de agosto de 2007 dous batiscafos rusos Mir realizaron unha inmersión no océano Glacial Ártico, no Polo Norte, e instalaron no fondo unha bandeira rusa, así como unha cápsula con mensaxes para xeracións futuras.

En 2007 o programa de televisión Top Gear da BBC fixo un episodio no que os presentadores realizaron unha viaxe nun coche preparado especialmente ao Polo Norte dende o Canadá, aínda que non se tratou do Polo Norte xeográfico, senón da posición do ano 1996 do Polo Norte magnético (78°35′7″N 104°11′9″O / 78.58528, -104.18583).[6]

Empregando vehículos terrestres, o Polo Norte xeográfico alcanzouse por primeira vez o 26 de abril de 2009 pola expedición rusa MLAE-2009 (МЛАЭ-2009), que estaba composta por dous automóbiles anfibios Yemelia-1 (Емеля-1) e Yemelia-2 con remolques. A expedición foi comandada polo construtor dos vehículos Vasili Yelagin.[7][8]

O 10 de abril de 2013, o arxentino Juan Benegas chegou a pé ao Polo Norte xeográfico, a partir da base rusa Barneo, distante uns 170 km do obxectivo. Foi acompañado por cinco rusos, dos que dous foron evacuados dous días despois de comezada a marcha ao non poderen soportar a baixísimas temperaturas, ademais dun italiano e un belga.[9][10]

Galería de imaxes das exploracións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nansen, Fridtjof (1897): Farthest North, Volumes I and II. London: Archibald Constable & Co. ISBN 978-1-60239-237-3, Vol. I, páxs. 14–38. Tamén dispoñíbel en Project Gutenberg
  2. Fleming, Fergus (2002): Ninety Degrees North. London: Granta Publications. ISBN 1-86207-535-2, páxs. 239–240.
  3. Mattew Henson (1866 – 1955) foi un explorador estadounidense que pode que fora o primeiro home en chegar ao Polo Norte, con Peary, en 1909. Porén algúns estiman que o grupo de Parcy se perdeu no polo e chegaron a uns 30 km do seu obxectivo. Por outra parte, debido a que Henson era negro e o seu status de empregado de Peary, nunca alcanzou a fama deste en Norteamérica, onde o racismo aínda era común naquela época. En 1921 publicou un libro sobre a súa expedición ártica (A Negro Explorer at the North Pole). Só o 6 de abril de 1988, no 79º aniversario, os restos de Henson foron levados ao Cemiterio Nacional de Arlington, e depositados preto do monumento a Peary.
  4. The Frederick A. Cook Society: "The Tragedy of America's Exploited Black Pioneer Polar Explorer Matthew Henson" (en inglés)
  5. Le Monde, 9 de agosto de 2007, "Un submersible russe plante un drapeau sous le pôle Nord" (en francés)
  6. Top Gear Team in Hot Water Over Pole Race
  7. Российские путешественники достигли Северного полюса на автомобилях
  8. МЛАЭ-2009 На автомобилях - к Северному Полюсу!
  9. El argentino que conquistó con sus pies el Polo Norte.
  10. Hazaña de un argentino: llevó la bandera hasta el Polo Norte

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polo Norte Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Frederick, Albert; Cook, Robert E. e Peary, George W. Melville (2003): Finding the North Pole. The Lyons press. ISBN 1-59228-072-2
  • Pal, Christopher (2002): The Oddest Place on Earth: Rediscovering the North Pole. Writer's Showcase. ISBN 0-595-21454-1

Outros artigos[editar | editar a fonte]