Polichinela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación de Pulcinella (1860).

Polichinela ou Polichinelo (en italiano Pulcinella) é un personaxe da Commedia dell'arte. Dentro do grupo dos zanni (servos ou criados) é, con "Coviello", un dos principais personaxes da trama no modelo napolitano.

Retrato, máscara e orixe[editar | editar a fonte]

"Pulcinella", popular alcahuete e filósofo (fisicamente socrático e resignado senequista), é un «zanno» cunha especial capacidade de adaptación e unha grande experiencia en mallar e ser mallado.[1] Amolado, barrigudo e de enorme nariz ganchuda (atributos físicos do seu aspecto encorvado e a súa media máscara negra con profundas engurras), é con todo un excelente orador e un singular cantor. É o único que conservou o traxe branco orixinal, común aos «zanni».

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

Gravado francés (cara a 1650).
O actor Pierre Deschars como "Polichinelle" (1703).

Unha hipótese é que o nome procede de Paolo Cinelli, comediante napolitano do século XVI. Outra tese, igual de lendaria, asegura que o nome lle vén de Puccio d'Aniello, campesiño napolitano que tras pelexarse cuns cómicos acabou uníndose á compañía. Unha terceira posibilidade outórgalle o bautismo oficial a Silvio Fiorillo, actor capuano do Cinquecento. A tradición popular faino derivar de «pullicinello» (pitiño), de aí —ou quizais por mor diso— que Polichinela se mova coma un pito barrigón cacarexante e paticurto.[2]

Como figura teatral, foi relacionadi como síntese de varios personaxes da farsa atelana, o "Maccus", o "Dossennus" chepudo, o "Papus" comellón e o torpe "Bucco".[nota 1][3] O etruscólogo Alain Hus, partindo dunha pintura na Tumba de Augúrelos de Tarquinia, propuxo a orixe de Polichinela a partir do «Pannuceatus» da comedia atelana.[nota 2][4]

Evolución do personaxe[editar | editar a fonte]

No século XVIII, a Polichinela creceulle a barba e o bigote, e un alto chapeu de ás levantadas (continuando o simbolismo das galiñas). Na versión francesa, Polichinela evolucionou cara ao anano malvado que primeiro cambiou o seu tocado por un pano ou lazo como o de Pierrot, e finalmente recuperou o chapeu, agora con dúas plumas de galo. No espazo escénico dos teatros de monicreques do Lión obreiro do século XVIII, "polichinela" (sucedáneo de marioneta) converteuse en "Monsieur Guignol", que daría nome a outro abano de teatro de bonecos.[5]

Principais intérpretes[editar | editar a fonte]

Antonio Petito[editar | editar a fonte]

Alcumado Il re dei Pulcinella, foi o máis coñecido Polichinela do século XIX, inventor do seu traxe moderno e autor de numerosas comedias dedicadas a esta máscara, a miúdo inspiradas en temas de actualidade da sociedade napolitana da época.[6]

Eduardo de Filippo[editar | editar a fonte]

Actor, dramaturgo e director de escena, cómico dunha familia de grandes 'comediantes' e considerado máximo representante da Commedia dell'Arte no século XX, foi o gran continuador da máscara de "Pulcinella".[7] Nado fillo natural de Eduardo Scarpetta, en 1981 foi nomeado senador vitalicio da República Italiana.

En Galiza e Portugal[editar | editar a fonte]

Os personaxes da Commedia dell'Arte foran levados para o teatro de monicreques, como foi o caso de Polichinela, que, en Portugal, tamén tivo o nome de Dom Roberto.

Polichinela foi un dos seudónimos cos que asinaba Vicente Risco a principios do século XX. Neses mesmos anos, Barriga Verde, estremeño de orixe, asentouse en Galiza despois do seu paso polo Porto, sendo un dos pioneiros desas representacións no país. O Museo do Prado conserva un cadro, non exposto, chamado El gallego de los muñecos polichinelas.[8]

No Museu da Marioneta en Portugal, referido á historia dos monicreques:

Podemos, sem grande margem de erro, afirmar que na Europa, o século XVII vê o teatro de marionetas expandir-se, tornando-se um espectáculo de grande aceitação popular. Tornadas marionetas, as personagens da Commedia dell'Arte obtém enorme aprovação popular e, ainda que concebidos em locais e momentos diferentes, mantiveram, até aos nossos dias, a sua existência e identidade de base. É a história do Pulcinella italiano que se tornou Polichinelo e Guignol (França), Punch e Judy (Inglaterra), Polichinelo, Kasperl (Alemanha e Áustria) que substitui o Tradicional Hanswurst "João Salsicha", Petrouchka (Rússia), Kasparek (Praga), Don Cristobal (Espanha) e D. Roberto (Portugal)... Estas representações de marionetas de luva, essencialmente dedicadas a um público popular, conseguiam, com frequência, escapar à dura censura a que eram sujeitos, ao recorrerem a diálogos improvisados, dificilmente submetidos a controle prévio.[9]

Aínda hoxe se usa en portugués a expresión "un Roberto" para designar "un boneco". A personaxe feminina da Commedia dell'Arte, Colombina, era logo asociada a Don Cristobal, o Polichinelo español, directamente ligado a Cristovo Colón. Porén, Barriga Verde puña en escena o Don Roberto nas súas representacións, algunhas delas de xoldras entre galegos e portugueses.

Cartel de monicreques en Els Quatre Gats

Persistencia de Polichinela[editar | editar a fonte]

Só tres «zanni» alcanzaron a 'inmortalidade' alén aló do coñecemento erudito ou profesional do mundo do teatro e a arte. Arlequín e Colombina, que se converteron en eternos amantes nas salas de moitos museos do mundo, máscaras que desde o teatro da rúa e o ballet máis imaxinativo do século XX, saltaron á galería de tipos da historia da pintura occidental. O outro inmortal (aínda vivo no entroido napolitano), ficou nos teatros até facerse carne nunha longa lista de actores ou trapo e pasta en innumerábeis retablos titiriteiros en salóns e xardíns. Cos seus moitos nomes e rostros, o "polichinela" é orto e ocaso do mimo escénico.[10]

O Pulcinella de Stravinsky[editar | editar a fonte]

Un fermoso eco daquela inmortalidade foi o ballet Pulcinella de Igor Stravinsky, estreado na Ópera de París o 15 de maio de 1920 baixo a batuta de Ernest Ansermet. A bailarina Léonide Massine creou o libreto e a coreografía, e Pablo Picasso deseñou os traxes e decorados orixinais. O traballo foi encargado por Sergei Diaghilev. O propio Stravinsky escribiu sobre esta composición:

Pulcinella foi o meu descubrimento do pasado, a epifanía a través da cal todo o meu traballo posterior se fixo posíbel. Foi unha mirada atrás, por suposto, a primeira de moitas historias de amor nesa dirección, pero tamén unha mirada ao espello".[11]

Esta idea foi retomada e revisada por dous expertos bailaríns do New York City Ballet, George Balanchine e Jerome Robbins, que a puxeron en escena con ocasión do Festival Stravinsky de 1972, interpretando Robbins o papel protagonista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Oliva, César y Torres Monreal, Francisco (2002). Historia básica del arte escénico. Cátedra, Madrid. p. 122. ISBN 84-376-0916-X. 
  2. Gómez García, Manuel (1997). Diccionario del teatro. Madrid, Ediciones Akal. p. 669. ISBN 8446008270. 
  3. Salvat, Ricard (1983). El teatro como texto, como espectáculo. Barcelona, Montesinos. p. 43. ISBN 8485859561. 
  4. Revilla, Federico (1990). Diccionario de Iconografía. Madrid: Ediciones Cátedra. p. 303. 
  5. Artículo en el diario ABC de 1 de agosto de 1928 Consultado en noviembre de 2013
  6. Tina Marasca. "Antonio Petito “Il re dei Pulcinella”". portanapoli.com (en italiano). Consultado o 12 de novembro de 2019. 
  7. Ricard Salvat, "El teatro como texto, como espectáculo", p. 47
  8. "El gallego de los muñecos polichinelas o Un guiñol ambulante - Colección - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 2022-02-21. 
  9. Museu da Marioneta (Marionetas/Europa). Consultado o 6 de setembro de 2015.
  10. Pavis, Patrice (1996). Diccionario de teatro. Barcelona, Paidós Ibérica. p. 293. ISBN 8449306361. 
  11. Kuenning, Geoff: «Stravinsky: Pulcinella Suite» Copia arquivada en Wayback Machine notas al programa, 1995. (consultado el 30-06-2012).

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Maccus imitaba el cacareo de las aves de corral y andaba como los polluelos, de ahí que se le llamase «Pullus gallinaceus».
  2. Su nombre etrusco "Phersu", pasó al latín como persona, en el sentido de máscara o personaje de teatro. En su origen, el tal "Phersu" fue una especie de terrible demonio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Luigi Serafini. "Pulcinellopedia (piccola)", Longanesi & C., Milano, 1984. ISBN 88-304-0388-1 (en italiano)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]